"Aquí nunca pasa nada". Esta afirmación sobre a suposta placidez ou quietude da vida cotiá en Lugo comezou a contrapoñerse, hai agora case dúas décadas, coa intensísima actividade despregada dende os xulgados da cidade contra presuntas tramas delitivas. Fundamentalmente, dende o que dirixía a xuíza Pilar de Lara, instrutora das macrocausas Pokémon e Carioca, dirixidas respectivamente a perseguir suposta corrupción en concellos de toda Galicia e confabulacións entre forzas de seguridade e redes de prostitución.
Os pactos de conformidade coa Fiscalía marcan a fin da peza central do caso Carioca, que se remonta a hai case dúas décadas
Como é sabido, o Poder Xudicial sancionou a De Lara en 2019 por atrasar e acumular macrocausas coma estas e o seu xeito de instruílas. As diversas pezas nas que acabaron divididas seguen pechándose notablemente desinchadas, quer sen condenas, quer con penas menores. Por ausencia de probas concluíntes, por erros procesuais, por dilacións indebidas ou unha mestura destes e doutros factores. Así sucedeu recentemente coa considerada peza inicial da trama Pokémon e así vén de acontecer tamén co caso central da operación Carioca.
O "aquí nunca pasa nada" volveu ecoar o pasado maio en Lugo ao fío dunha obra de teatro que, dirixida por Moisés Mato e protagonizada por Olga Compte e Luisa Anaya (Teatro sin Papeles) levou aos escenarios o caso Carioca. Dende o sufrimento das vítimas de trata á intervención corrupta de gardas civís e as protestas de organizacións feministas coma o colectivo Impunidade Carioca, o cal volveu mobilizarse ante os pactos de conformidade da Fiscalía con catro dos cinco acusados -dous gardas e tres proxenetas- nesta peza central, cuxa sentenza definitiva da Audiencia Provincial lucense viu a luz esta semana absolvendo o único acusado que non pactou, un dos gardas.
O principal procesado, un Garda Civil do Equipo de Muller e Menores, foi condenado a cinco anos de cadea e non volverá á prisión. "Abusou da súa condición" de garda para "satisfacer os seus instintos sexuais" e cobraba dos proxenetas para evitarlles inspeccións
A letra grosa da sentenza reflicte que, en virtude dos devanditos pactos, o considerado como principal procesado, o antigo cabo da Garda Civil Armando L., foi condenado a cinco anos e nove meses e prisión e a unha multa de 7.408 euros, pero non volverá á cadea, porque xa estivo nela provisionalmente de outubro de 2009 a febreiro de 2011, polas dilacións do procedemento e tamén polo seu precario estado de saúde. A Fiscalía chegara a solicitar para el 21 anos de cárcere.
Pero, alén desa letra grosa e das cativas condenas, o ditame definitivo do tribunal si serve de retrato, de mostra do acontecido nunha rede inabarcable de prácticas delituosas que este garda, dalgún xeito, sintetiza. Armando B., garda civil dende principios dos anos 70, estivo destinado entre 2005 e 2009 no Equipo de Muller e Menores (EMUME) da Garda Civil de Lugo. Entre os seus labores, explica a sentenza, estaba "participar en inspeccións periódicas e controis en clubs de alterne ou establecementos análogos" para, entre outros aspectos, "examinar a documentación do persoal" e, no caso de persoas estranxeiras, denunciar posibles estancias en situación irregular.
Sempre segundo o relato de feitos probados do ditame xudicial, o condenado "abusou da súa condición de Garda Civil" para "satisfacer os seus instintos sexuais" con mulleres prostituídas nos locais que inspeccionaba. Así, describe o tribunal, procuraba a "relación con mulleres estranxeiras que se atopaban en situación irregular", "insinuábase ou directamente solicitaba manter relacións sexuais" ofrecendo a cambio "axuda" para obter permisos de residencia ou "silenciar ou alterar datos que poderían determinar a apertura dun expediente de expulsión".
A sentenza da Audiencia de Lugo inclúe entre os feitos probados varias agresións sexuais do principal procesado a mulleres prostituídas estranxeiras, das que "aproveitaba" a situación administrativa irregular e o "temor" que lles provocaba
Paralelamente e durante máis de media década -segundo a sentenza-, "os propietarios e encargados dos clubs" que Armando B. debía inspeccionar, "coa fin de asegurar a obtención das máximas ganancias" e "evitar o prexuízo derivado dos controis e inspeccións policiais de estranxeiría", decidiron "dar resposta ás peticións" do garda. E, así, "desenvolveron unha estratexia dirixida a beneficialo economicamente mediante pagos directos e outros beneficios, como servizos de bar". "Como contraprestación polos pagamentos recibidos", o garda "abstíñase de realizar inspeccións.
Xunto a esta descrición xeral das condutas delituosas, a Sala presidida pola maxistrada María Luisa Sandar describe feitos concretos entre os que destacan agresións sexuais a mulleres prostituídas, dende tocamentos a penetracións que nalgúns dos casos, describe a sentenza, as mulleres deron en "consentir" por "temor". Ese foi o caso, detalla, cunha testemuña protexida do caso, unha muller prostituída á que, amosándolle unha arma, a ameazou coa fin da súa estancia en España "como legal" para acabar "facéndolle tocamentos na zona xenial e penetrándoa vaxinalmente" ao "aproveitar o temor" da vítima.
Por feitos coma estes, Armando B. é considerado culpable de delitos de suborno e suborno propio, agresión sexual, revelación de segredos, omisión de perseguir delitos, favorecemento da prostitución e extorsión. En todos eles, di a sentenza, concorren as atenuantes de "dilacións indebidas" pola enorme prolongación do caso e tamén de "reparación de dano" porque antes do xuízo depositou 4.000 euros de indemnizacións.
Os tres proxenetas axuizados apenas teñen que afrontar multas menores nunha sentenza que tamén pon o foco na "praxe incorrecta" da instrución de De Lara
Alén desta condena sen tradución práctica nun novo ingreso en prisión e da absolución do garda que non pactou coa Fiscalía, a sentenza sáldase con multas de escasa contía para tres proxenetas, un deles xa en prisión por violencia machista contra a súa parella. Como autores de delitos de suborno pasivo, tras a conformidade coa Fiscalía terán que pagar en conxunto apenas 5.000 euros: senllas sancións de 2.000 euros e unha de só 1.000.
O ditame inclúe tamén un reproche ao xeito de instruír da xuíza De Lara. Xunto ao recoñecemento da enorme complexidade do caso, máis aínda por estar implicados nel membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Sala tamén coida que "non pode obviarse" que "foi engordando paulatinamente a medida que se ían producindo achados casuais" que "nunha praxe incorrecta, non deron lugar á apertura de novas dilixencias", senón que "foron engrosando" o sumario principal "con múltiples pólas" que "deron lugar, sen dúbida moi tarde" ao medio cento de pezas separadas do caso.