O caso Pokémon, lanzado en 2011 pola despois sancionada xuíza De Lara, supuxo un verdadeiro terremoto político e social en Galicia, con múltiples administración salpicadas pola sombra da corrupción en plena crise económica
Foi un verdadeiro terremoto político e social con epicentro no Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo. No ano 2011, en plena crise económica internacional e cando os recortes orzamentarios xa campaban polas contas públicas a todos os niveis de goberno mentres o paro seguía disparado, a xuíza Pilar de Lara lanzaba a chamada operación Pokémon.
O nome da operación veu dado por un dos lemas do manga e videoxogo xaponés: "Faite con todos!". Esa sería a intención das empresas do grupo empresarial Véndex sobre contratos públicos de concellos galegos de todo signo político, aos que naqueles anos de crise e indignación social a instrución de De Lara retratou como administracións propicias para a corrupción, dende as alcaldías aos despachos do funcionariado.
Pasou xa case década e media. E máis de catro anos dende que Pilar de Lara perdeu a súa praza en Lugo -actualmente exerce en Ponferrada- como consecuencia da sanción que lle impuxo o Poder Xudicial por atrasar e acumular macrocausas. A principal delas era precisamente Pokémon, coa súas incontables pólas que convulsionaron a política galega. A considerada principal ou central, a que deu orixe dun ou doutro xeito ás demais, quedou resolta de vez a finais de xuño con condenas relativamente menores pactadas cos acusados e escaso eco alén de Lugo.
A peza principal vén de quedar pechada acreditando que o ex-edil lucense Liñares, xa en prisión por outro caso, liderou a concesión corrupta do guindastre municipal en 2005 a cambio de 2.000 euros ao mes que os participantes na trama aseguraban que ían ao alcalde malia non ser certo
A peza en cuestión foi a que axuizou a concesión ilegal do servizo do guindastre municipal do Concello de Lugo no ano 2005 á empresa asturiana Cechalva a través dun concurso público que, segundo quedou acreditado no procedemento, estaba amañado. O daquela concelleiro socialista e tenente da alcaldía, Francisco Fernández Liñares era a peza clave da operación. Canda el, un funcionario e un empresario lucense que contrataba habitualmente co consistorio; ambos pasaron a ser copropietarios de Cechalva ata controlar o 50% da compañía e guiala polo proceso á medida.
Sempre segundo o relato de feitos probados incluído nas sentenza e aceptado polos condenado mediante conformidade, a contrapartida polo concurso amañado era "abonar en efectivo a cantidade de 2.000 euros mensuais para pagar ás autoridades do Concello como gratificación pola adxudicación do servizo". O funcionario implicado, Javier R., mantiña que "irían destinados ao alcalde de Lugo", daquela Xosé López Orozco, pero "realmente, as cantidades ían destinadas" a Liñares.
"Para ter diñeiro en efectivo co que facer fronte a eses pagamentos e poder repartir entre eles outras cantidades de cartos", continúa a sentenza, dende que Cechalva comezou a operar en Lugo "deseñou e executou" un sistema con "dúas contabilidades diferentes". Unha caixa B baseada en facturas falsas de múltiplas empresas da cidade. Así sucedeu ata o ano 2012.
No caso dos pagos de 2.000 euros mensuais, indica o ditame xudicial, foron realizados dende 2006 e ata xullo de 2010. En total, 110.000 euros destinados a entregarse a Liñares "sen que exista constancia de que unha parte desa cantidade estivese destinada a outras persoas diferentes" -Orozco foi exonerado neste procedemento no remate da instrución, como en todos os demais que o atinxían-. Así e todo, "non pode descartarse" que o funcionario encargado do transporte dos cartos non se "apropiase" cando menos "dunha parte".
Por todos estes feitos, as condenas pactadas atinxen a once persoas e dúas empresas (Cechalva e Sanle). Encabézaas Liñares, actualmente en prisión pola condena que xa recibiu noutra causa, considerado culpable de violación de segredos (seis meses de prisión), suborno (un ano), prevaricación (inhabilitación por dous anos) e branqueo (un ano de prisión e multa de 75.000 euros). Segundo explicou o seu avogado á prensa, esta condena non implicará que pase máis tempo na cadea.
Nas condenas pactadas coa decena de acusados foi clave a "dilación extraordinaria" do caso, a mesma que propiciou a exoneración da empresa sinalada como centro da trama e do seu líder
O resto de condenas acordadas tampouco implicarán novas entradas no cárcere. Entre outros aspectos, isto sucede porque "concorre a respecto de todos os acusados a circunstancia atenuante por dilación extraordinaria do procedemento", na súa vertente "moi cualificada", dada a enorme extensión do caso, durante máis dunha década.
Todo isto sucede despois de que, como xa foi quedando acreditado noutras pezas da operación, as mesmas Inconcrecións e dilacións da instrución xudicial propiciasen a exoneración da empresa sinalada como centro da trama, Véndex. Do mesmo xeito, a enorme extensión das pesquisas lanzadas por De Lara deu lugar a que un dos sinalados como líder da trama na súa parte empresarial, Gervasio R., virase inimputable por razóns de saúde.