Todos os arquivos de Orozco

Xosé López Orozco, ex-alcalde de Lugo, nunha imaxe tomada no transcurso dunha entrevista con Praza.gal no ano 2015 Dominio Público Praza Pública

Cando, o 3 de xullo de 1999, José López Orozco tomou posesión como alcalde de Lugo grazas á suma dos votos do seu partido, o PSdeG, e mais os do BNG, pasaran case 63 anos dende a última ocasión en que un militante dunha formación de esquerdas erguera o bastón de mando na cidade. O anterior fora o doutor Francisco Lamas, de Izquierda Republicana, encarcerado polas autoproclamadas novas autoridades tras o golpe militar 1936.

Seis anos despois de verse empurrado a abandonar a alcaldía de Lugo, Orozco está a piques de librarse da última da decena de imputacións xudiciais ás que se tivo que enfrontar, a maioría emanadas do xulgado que dirixía Pilar de Lara e arquivadas tras anos de espera

Dende a restitución da democracia tras a ditadura, o goberno de Lugo fora un monocultivo da dereita, baixo siglas e equilibrios diversos. A primeira maioría de esquerdas que deu a alcaldía ao PSdeG supuxo un punto de inflexión, un cambio de xeira que aínda continúa; en 2003 Orozco revalidou o goberno por maioría absoluta, en 2007 recuncou con maioría simple, mais contribuíndo á mudanza política na Deputación provincial. 

En 2011 foi dos poucos mandatarios socialistas que retiveron o bastón de mando ante o ascendente PP de Rajoy. Tamén en 2015 daban os números para a súa reelección, pero na investidura eran imprescindibles os votos de Lugonovo e BNG, que esixiran a súa marcha por permanecer investigado no caso Pokémon, a operación contra a presunta corrupción que a xuíza Pilar de Lara mantiña aberta, naquela altura, dende había catro anos e na que mantiña imputado a Orozco dende o outono de 2012, atribuíndolle delitos como suborno e tráfico de influencias.

Orozco, nun acto electoral con José Ramón Gómez Besteiro no ano 2015 © PSdeG-PSOE

Neste 2021 pasaron xa seis anos dende que Orozco accedera a "despexar o camiño" para propiciar unha maioría de esquerda encabezada por Lara Méndez, que en 2019 revalidou a alcaldía. Afastado da política activa, pero atento a ela, o ex-rexedor está a piques de librarse da última da decena de imputacións xudiciais ás que se tivo que enfrontar como alcalde, a maioría emanadas do xulgado que dirixía De Lara, sancionada en 2019 polo Poder Xudicial por atrasar e acumular macrocausas, o que implicou que perdese a súa praza en Lugo.

Como adiantou o xornal El Progreso, a Fiscalía remitiu a principios de mes un escrito ao xuíz que agora se encarga da peza orixinal do caso Pokémon, a suposta adxudicación amañada do servizo da ORA do Concello lucense. Nel propón procesar o antigo concelleiro Francisco Fernández Liñares, pero arquivar a causa contra varios funcionarios e tamén a imputación a Orozco, a quen o Ministerio Público ve albo dunha investigación "prospectiva".

A Fiscalía avoga por que as acusacións contra Orozco pola adxudicación da ORA sigan o mesmo destino que as imputacións de ilegalidades na adxudicación do guindastre municipal ou na operación urbanística do Garañón: o arquivo

Se, como todo parece indicar, o xuíz atende as recomendacións do fiscal, as acusacións contra Orozco neste caso serán arquivadas. Seguirán, deste xeito, o mesmo curso que a imputación de recibir cartos da trama corrupta, lanzada por De Lara e arquivada pola Audiencia lucense en 2018 no marco de pescudas sobre o contrato do guindastre municipal. O mesmo que seguiu a principios deste 2021 o caso Garañón, no que De Lara acusaba a Orozco de corrupción urbanística xunto ao ex-líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (na altura dos feitos cuestionados, concelleiro de Urbanismo) e persoal municipal. 

Antes, en 2012, fora arquivada a imputación contra Orozco no caso Campeón, instruído pola xuíza Estela San José. En 2017 aconteceu o mesmo coas acusacións que De Lara mantiña contra el pola adxudicación da antiga fábrica da luz -unha póla da operación Pokémon-. E igual destino tiveran outras imputacións máis ligadas á xestión cotiá do Concello, como unha denuncia por remuneracións de persoal municipal e outra, por un nomeamento. Así, ata unha decena de casos.

"O escrito deume máis ganas de vivir" 

Orozco, nun mitin da campaña electoral das municipais de 2015 CC-BY-NC-SA PSdeG

"O dano que me fixo é irreparable" e "vai máis alá de ser alcalde", di Orozco sobre De Lara, porque "puxo en dúbida a miña honorabilidade"

Poucos días despois de coñecer o escrito da Fiscalía que encamiña o arquivo da causa que lle quedaba, o ex-alcalde López Orozco confesa que o que semella a "fin da longa noite de pedra que tiven que vivir" lle produce non só ledicia, senón mesmo "máis ganas de vivir". En declaracións a Praza.gal, o veterano socialista explica que el mesmo e "a miña familia, os amigos, a xente que me quere ben, alegrámonos moito" de que o periplo xudicial "estea rematando" cun último arquivo. O cal non impide, admite, que siga preguntándose "por que me fixo isto esta señora", di en referencia De Lara.

Sostén Orozco que De Lara manexou datos que "falaban da miña inocencia" dende "o primeiro momento", en 2012. "Por que non tomou a decisión de arquivar a causa e quitarme esa lousa?", pregúntase antes de afirmar que, en todo caso, "prefiro sacar esa persoa da miña memoria" aínda que "o dano que me fixo foi irreparable" e vai "máis alá de ser alcalde, que é algo conxuntural", porque "puxo en dúbida a miña honorabilidade" con acusacións, considera, que só se sostiñan na súa "imaxinación".

"Aqueles que fixeron de xuíces en maio de 2015 no Concello de Lugo sentiranse avergoñados. Algúns xa me pediron desculpas, outros posiblemente non o farán"

O ex-alcalde socialista de Lugo cre que agora "a xente entenderá por que eu dicía que era inocente" e "por que me defendía". Mais tamén considera que "aqueles que fixeron de xuíces en maio de 2015 no Concello de Lugo", en referencia aos grupos municipais que forzaron a súa retirada, "se sentirán avergoñados". "Algúns xa me pediron desculpas e outros posiblemente non o farán, pero gustaríame que eu fose o último político axuizado" por "adversarios que toman a xustiza pola man" sen "sequera conceder a presunción de inocencia", evoca. "Ningún de nós temos dereito a poñer o dedo no ollo do adversario político e ata desfacerse del por estar investigado", conclúe.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.