É, posiblemente, a xuíza máis mediática da última década en Galicia. Foi a instrutora de casos de gran impacto social como a operación Carioca, que destapou unha sórdida trama de explotación e maltrato de mulleres en locais de prostitución -a súa peza principal vén de concluír dez anos despois, como adiantou esta semana El Progreso-. Pero tamén dos sumarios que levaron por diante máis cargos políticos galegos nos últimos anos sen que ningún deles chegase polo momento a xuízo: dende a operación Pokémon aos casos Pulpo, Garañón e Cóndor.
O Consello do Poder Xudicial determina, tras case un ano de dilixencias, sancionar a instrutora de casos como Carioca, Pokémon ou Garañón por "unha falta moi grave de desatención no exercicio das competencias xudiciais"
O impacto destas e outras actuacións da xuíza Pilar de Lara explica tamén a relevancia da decisión que vén de tomar sobre ela a Comisión Disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial. Tras case un ano de dilixencias, vén de acordar impoñer á titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo "unha sanción de sete meses e un día de suspensión de funcións por unha falta moi grave de desatención no exercicio das competencias xudiciais".
A sanción, que segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa foi comunicada á propia De Lara, traerá consigo graves consecuencias profesionais para ela se é ratificada de xeito definitivo. "Ao ser superior aos seis meses implica a perda do destino", polo que tería que abandonar o xulgado lucense do que é titular, dende o que instruíu os devanditos casos.
Pilar de Lara aínda pode interpoñer recurso ante o Consello do Poder Xudicial e, se a sanción é mantida, formulalo ante o Tribunal Supremo
A xuíza, cuxo avogado veu mantendo nos últimos meses que as desatencións e dilacións indebidas que lle atribúe o Consello do Poder Xudicial ou non se produciron ou non son atribuíbles ao seu traballo, ten aínda dúas vías para tentar revogar a sanción. A primeira é formular un recurso de alzada ante o pleno do propio Consello. Se este a confirma aínda pode acudir á vía do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Supremo. "A suspensión será executiva unha vez esgotada a vía administrativa", aclara o TSXG. O avogado da xuíza, Agustín Azparren, xa confirmou a interposición do primeiro dos recursos.
Esta sanción conclúe un proceso que comezou en marzo de 2018 cunha orde de inspección ao xulgado que dirixe De Lara por orde do Consello do Poder Xudicial. Esas pescudas executáronse en maio dese mesmo ano e os seus responsables concluíron que a xuíza incorrera en "desatención ou atrasos inxustificados" das causas que instrúe. Tamén a acusaban de xerar "incrementos ficticios do volume de traballo" cun "manifesto abuso procesual".
A prolongación dos casos instruídos pola maxistrada foi obxecto de queixas e apercibimentos doutras instancias xudiciais e de cargos políticos investigados nas súas causas
Esas imputacións cadran, cando menos parcialmente, coas queixas e apercibimentos tanto verbais como formais doutras instancias xudiciais e dalgúns cargos políticos investigados nas causas investigadas por Pilar de Lara. Entre os receos que membros dos tribunais e da política dirixen contra De Lara abondan os que apuntan a que varias das súas acusacións acabaron arquiváronse ao chegar a outras instancias.
Un dos arquivos máis significativos produciuse na Audiencia provincial lucense, o relativo ás acusacións de suborno contra o ex-alcalde de Lugo, Xosé López Orozco que De Lara mantivera contra el durante anos. A mesma xuíza mantén o ex-dirixente socialista como imputado no caso Garañón, o mesmo que atinxiu ao ex-secretario xeral do PSdeG José Ramón Besteiro, entre outros múltiples dirixentes políticos e empresariais.
As operacións abertas por De Lara durante a última década suscitaron en torno a ela múltiples reaccións políticas e sociais encontradas. Así, no inicio destas operacións foi notablemente eloxiada por perseguir prácticas corruptas, pero co transcorrer dos anos xurdiron críticas nos eidos xudicial e político cara a ela pola prolongación dos seus casos.