Besteiro querélase contra De Lara por "prevaricar" imputándolle feitos anteriores ao seu mandato

Treito da Querela formulada por Besteiro contra De Lara CC-BY-SA Praza Pública

"Un plan urdido para escarmentar ao señor Gómez Besteiro". É o que a representación legal do exsecretario xeral do PSdeG observa por tras da súa imputación na Operación Pulpo, ditada o pasado 10 de marzo pola xuíza Pilar de Lara e que desembocou na renuncia do socialista a optar á candidatura á Xunta, primeiro, e na súa dimisión como líder do partido, despois. Besteiro vén de presentar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) unha querela contra a maxistrada polo que considera un caso evidente de prevaricación xudicial. A denuncia susténtase en que a xuíza, argumenta, lle atribúe ao socialista o pagamento con fondos públicos de viaxes do persoal da Deputación de Lugo realizadas antes de que Besteiro accedese á Presidencia.

O auto da xuíza, indica o escrito da querela, ao que tivo acceso Praza.gal, cita a Besteiro como investigado "como presunto autor de diversos delitos en relación -entre outros feitos- cunhas viaxes a Euodisney, á India, ou un cruceiro polo Rhin" incluídas nas prestacións do persoal da institución provincial. As facturas e xustificantes de pagamento -salientadas polo actual Goberno da Deputación a pasada semana- deses desprazamentos, subliña o escrito, indican "datas nas que o señor Gómez Besteiro non era presidente nin ostentaba cargo ningún". A maxistrada, afirman, "coñecía" esta circunstancia pero obviouna.

"Non só é un feito notorio, senón que á maxistrada querelada lle constan, fehacientemente, feitos que fan que a imputación non sexa xa sen fundamento, senón que é imposible", razoa a representación de Besteiro. Así, indican, noutro treito do propio auto De Lara indica que Besteiro foi "designado presidente no ano 2007", mentres que as datas máis recentes das facturas son de 2006. "O coñecemento das datas é pleno por parte da maxistrada querelada" se ben, acusan, "ocultou no seu auto coidadosamente as datas das facturas, pero non así os importes". Deste xeito, "vese o gasto, pero non que o señor Gómez Besteiro nada tiña que ver coas viaxes".

"Ocultou coidadosamente as datas das facturas, pero non así os importes", di a querela

Neste contexto, os representantes de Besteiro ven tan "esperpéntico" como "evidente" que De Lara "inventa" que o político do PSdeG ten "relación coas viaxes". Ao facelo, abondan, atribúellas a el e "deixa de imputar" o "equipo anterior", o dependente do popular Francisco Cacharro Pardo, xa falecido. Deste xeito, argumentan, no caso de que existise algunha conduta delitiva no pagamento destas viaxes, De Lara estaría facilitando que "prescribise". "Prevarica tamén por non imputar a quen, segundo ela, debera", afirman.

Os avogados de Besteiro acusan a De Lara de "inventar" que o socialista tivo "relación coas viaxes" aprobadas cando el aínda non era presidente

Aínda que a querela de Besteiro se centra na cuestión dos viaxes, o texto alude tamén as outras imputacións formuladas por De Lara, as vinculadas as adxudicacións do servizo de transportes do programa turístico Kilómetro Cero e do plan Lug02. Alén de que estes plan xa foron "fiscalizados política e administrativamente" e mesmo unha das adxudicacións a Monbús pasou por un proceso contencioso administrativo, indican, para a representación do socialista resulta rechamante que, no propio auto, a xuíza solicite "que se achegue a totalidade da normativa da UE" á que tería que atender a Deputación na xestión destes plans. "A maxistrada primeiro reputa ilícito penal (...) e despois solicita a normativa para comprobar a legalidade", de igual modo que "se imputou ao señor Besteiro para poder acordar unhas dilixencias e así saber se se lle podía imputar". "Así de sinxelo e á vez, gravísimo", acrecentan.

"Teimosía en que a actividade política é corrupta"

O escrito formulado por Besteiro indícalle ao TSXG que De Lara "sabía perfectamente o que facía, porque contaba con todos os datos e malia iso preferiu imputar falsamente, quen sabe con que obxectivo", e atribuíulle as viaxes porque "quedan moi vistosas aos efectos dunha imputación xeral" do daquela líder do PSdeG. Para os avogados do político cómpre enmarcar estes movementos da xuíza na súa "teimosía en crer que calquera actividade política é per se corrupta", a mesma que a "levou noutras ocasións a ditar resolucións obxectivamente inxustas", din.

De saír adiante, indican, De Lara enfrontaríase a entre 10 e 20 anos de inhabilitación

Por todo isto, e tendo en conta ademais que "as actuacións procesuais da señora De Lara" contra Besteiro "sempre cadraron con fitos da actividade política" do socialista, tales como a súa posible designación como senador ou a súa intención de concorrer á Xunta, para os letrados cabe preguntarse se "o obxectivo da señora De Lara era un titular de prensa" no "sentido de que o señor Besteiro malversaba o diñeiro público en viaxes", aínda que estas se realizasen "anos antes" do inicio do seu mandato.

Así as cousas, os avogados de Besteiro solicitan que o Tribunal Superior interrogue a De Lara como investigada por un presunto delito de prevaricación xudicial e que, ao mesmo tempo, convoque a Besteiro como testemuña. Se o proceso fose adiante, indica o escrito, a maxistrada enfrontaríase a entre 12 e 24 meses de multa e a unha inhabilitación que oscilaría entre os 10 e os 20 anos. Cumpriría, asemade, din, unha indemnización polos "prexuízos" causados a Besteiro que, anticipan, "serían destinados a unha obra benéfica".

Gómez Besteiro, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.