A Deputación de Lugo advirte de que "se atribúen a Besteiro" viaxes "subvencionadas polo PP"

Pleno da Deputación de Lugo na etapa de Besteiro como presidente © Deputación de Lugo

Expectación fóra do habitual este xoves Deputación de Lugo. Seis días despois do enésimo terremoto xudicial con epicentro no xulgado da maxistrada Pilar de Lara o voceiro do goberno da institución, Álvaro Santos (PSdeG) convocou a prensa para "aclarar varias incongruencias" das que, ao seu xuízo, adoece a 'Operación Pulpo', na que a xuíza imputou o expresidente José Ramón Gómez Besteiro. En particular, Santos aborda as partes do sumario que transcenderon aos medios nos últimos días relativas ao "fondo social" do persoal. Trátase de axudas das que dispón o plantel da Deputación e que ata o ano 2006 incluíron viaxes turísticas a destinos como Arxentina, India ou Eurodisney. Estas viaxes, subliña Santos, cesaron coa chegada do goberno de PSdeG e BNG en 2007 e "así o acreditan as facturas".

Esas facturas e xustificantes de pagamento, ás que tivo acceso este diario, están seladas e abonadas entre 2003 e 2006, o que para o deputado socialista amosa ás claras a "incongruencia de que se investigue a quen suprimiu esas viaxes" e non "a quen as aprobou e mesmo as desfrutou". "Non poñemos en dúbida a legalidade" das viaxes, resalta Santos, quen aclara que socialistas e Bloque consideraron, ao chegaren ao goberno, que por "ética e estética" cumpría suprimilos. No entanto, reprocha, "utilízase a dúbida sobre estas viaxes para imputarllos ao goberno posterior" aínda que sexan "da época do PP".

As excursións ao estranxeiro estaban abeiradas no Fondo Social do persoal da institución, "aprobado polo goberno provincial do PP en 1990 e 1991" nos correspondentes convenios colectiovs resalta Santos. "Aplícase, con modificacións, ata a actualidade". Así, salienta, entre 2006 e 2015 -período no que a institución deixou de ter nas súas competencias, por exemplo, a xestión de dous hospitais- estes gastos "reducíronse nun 50%", de 1,3 millóns a algo máis de 620.000 euros. O único "pequeno repunte" chegou en 2015, "a consecuencia dunha proposta da presidenta Elena Candia", que encabezou o breve goberno do PP entre xuño e outubro do pasado ano.

As viaxes a destinos como Eurodisney ou Arxentina teñen datas previas a 2007, cando Besteiro asumiu a presidencia

Datos coma este deberan, para o socialista, "alertarnos da necesidade de prudencia e certo escrúpulo" á hora de "manexar a información xudicial neste caso", toda vez que, xunto ás viaxes, transcendeu o pagamento doutras axudas incluídas no fondo social e aínda vixentes, como as do ámbito sanitario e, dentro delas, a cobertura dun dispositivo intrauterino (DIU). "Algún medio de comunicación [en referencia a La Razón] chegoullo a atribuír, na historia máis rocambolesca" a Besteiro, cando en realidade foi unha prestación a unha funcionaria "que sufriu un legrado e un tumor e precisou un DIU para regular o seu nivel hormonal", servizo que "cubría o fondo social da Deputación". "Se conto isto é porque teño o permiso da afectada para facelo" e porque, na súa opinión, "exemplifica o nulo rigor e a falta de escrúpulos e tacto nestas cousas".

'Kilómetro Cero' e tempos xudiciais

Álvaro Santos fai unha chamada a "diferenciar" entre funcionariado e cargos políticos no que atinxe ao fondo social e tamén no referido ao 'Kilómetro Cero', o programa turístico de cuxa legalidade dubida De Lara. Aínda advertindo de que o goberno provincial non dispón polo momento do auto que xa transcendeu á prensa, o socialista asegura que os gastos deste protecto, consistente en rutas turísticas polos concellos lucenses, superaron "todas as auditorías externas e os controis do Ministerio de Administracións Públicas", así como as avaliacións da propia UE, que "premiou en reiteradas ocasións a Deputación de Lugo" pola súa "boa xestión" concedéndolle "máis fondos" dos previstos. Asemade, advirte, "tamén superamos os controis do Tribunal de Cuentas, do Consello de Contas" e proceso contencioso-administrativo por un recurso presentado dende unha das empresas que optaban aos contratos de transporte.

"En Lugo está instalada a sensación de que non hai separación do poder xudicial e do poder político"

Todos estes elementos levan a Santos a dubidar da instrución realizada por De Lara, como xa expresara a dirección do PSdeG lucense tras a imputación de Besteiro. "Na cidadanía normal", coida, existe a "sensación" de que quen podía ser "o mellor candidato á Xunta" bateu "coa xuíza máis politizada de Lugo". Resulta "dubidoso", di, que unha "denuncia por acoso laboral entre dous funcionarios" aínda non resolta, orixe da Operación Pulpo, desemboque tres anos despois "nunha macrocausa" sobre feitos que "nada teñen que ver co acoso laboral". "En Lugo -abonda- está instalada a sensación de que non hai separación do poder xudicial e do poder político". "Eu -engade- non sei se hai connivencia ou non" ou se o xurdimento de imputacións cando Besteiro estaba a piques de ser candidato é produto dunha "coincidencia". "Agora, que o desenvolvemento dos feitos beneficia ao PP? Digo clara e rotundamente que si; con intencionalidade ou sen ela, pero si", conclúe.

Evolución do fondo social da Deputación de Lugo (premer para ampliar) © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.