O ex-ministro Montoro foi alertado de rexistros do caso Pokémon en Lugo antes de que se producisen

Cristóbal Montoro, en 2018 nunha reunión como ministro de Facenda con Alberto Núñez Feijóo, na altura presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta

Xullo de 2014. Varios grandes asuntos marcan a actualidade política. Continúan os ecos das eleccións europeas marcadas polo devalo do PP e a irrupción de Podemos, resultado que influíu determinantemente na abdicación como rei de España dun Juan Carlos I asediado polos escándalos. En Galicia, a estas cuestións engádense as sacudidas procedentes do xulgado de instrución número 1 de Lugo cuxa titular, Pilar de Lara, segue a repartir imputacións, rexistros e sospeitas no marco da inabarcable operación Pokémon.

'El Periódico de España' revela correos nos que o daquela xefe de gabinete do ministro adianta intervencións na Deputación e no Concello de Lugo ordenadas pola xuíza De Lara a Vixilancia Aduaneira, corpo dependente do Ministerio de Facenda ao que usaba como policía xudicial

Neste contexto, o día 22 daquel mes De Lara enviou efectivos do Servizo de Vixilancia Aduaneira -que empregaba como Policía Xudicial para non recorrer á Garda Civil- a rexistrar arquivos informáticos na Deputación de Lugo. Ao día seguinte fixo algo semellante en dependencias do Concello da capital lucense. Segundo vén de revelar El Periódico de España, o daquela ministro de Facenda do Goberno do PP de Mariano Rajoy, Cristóbal Montoro, foi alertado na véspera de que se ían producir eses rexistros en institucións con gobernos encabezados por senllos referentes do PSdeG: José Ramón Gómez Besteiro e José López Orozco, que arrastraron imputacións finalmente arquivadas anos despois de vérense obrigados a abandonar o liderado do PSdeG e a alcaldía de Lugo, respectivamente.

Cristóbal Montoro, nunha imaxe de arquivo acompañado pola ex-conselleira de Facenda Marta Fernández Currás, á que 'fichara' como secretaria de Estado de Orzamentos © Ministerio de Facenda

Segundo a información revelada polo devandito xornal, do grupo Prensa Ibérica, esa alerta a Montoro está acreditada na documentación que actualmente se manexa no xulgado de instrución número 2 de Tarragona. O seu titular, Rubén Rus, dirixe baixo segredo as pescudas sobre Equipo Económico, un despacho fundado por Montoro en 2006 -despois de ser ministro con Aznar e antes de volver selo con Rajoy- do que anos despois se desvinculou e cuxos responsables, sospeitan os investigadores, usaron as súas "influencias" no Ministerio de Facenda para beneficiar a súa clientela.

O correo a Montoro adianta tamén a intención dos rexistros en ambas institucións lucenses, na altura con gobernos encabezados polos socialistas Besteiro e Orozco

Foi, concretamente -informa EPE- o día 21 daquel xullo de 2014 ás 20h20 do serán cando o daquela xefe de gabinete do ministro, Felipe Martínez, alertou a Montoro por correo electrónico do que ía pasar ao día seguinte en Lugo. "Mañá e pasado mañá o Servizo de Vixilancia Aduaneira fará rexistros na Deputación e no Concello de Lugo, por decisión do xuíz que leva a instrución de Pokémon", di a mensaxe.

O correo de Martínez a Montoro publicado por EPE continúa agregando que o "obxectivo" dos rexistros en Lugo era "localizar información dos equipos informáticos de varios funcionarios que xa están imputados na instrución do caso". Os encargados de facelo eran axentes de Vixilancia Aduaneira, departamento que depende da Axencia Tributaria, á súa vez parte da estrutura do propio Ministerio de Facenda.

Sede dos xulgados de instrución de Lugo CC-BY-SA Praza.gal

Efectivamente, aqueles rexistros producíronse. Aínda que acabaron sendo, en boa medida, mostra do xeito de proceder de De Lara, cuxas maneiras á hora de instruír acabaron derivando nunha sanción do Poder Xudicial pola que perdeu a praza en Lugo. Non en van, segundo foi publicado daquela, o rexistro informático solicitado na Deputación de Lugo procuraba datos que xa foran obtidos meses antes pola Policía Nacional por orde do mesmo xulgado, pero para outro caso -suposto desvío no custo das obras dunha instalación deportiva en Monterroso-, e información dun organismo (o Inludes) que xa non existía. No Concello tiraran datos dos ordenadores de dous funcionarios.

Meses despois, outro correo avanza a Montoro que De Lara pescuda nas contas do PP en varias localidades galegas

Os correos publicados por El Periódico de España amosan, ademais, que en setembro do mesmo ano 2014 o xefe de gabinete de Montoro evidencia ao ministro baixo o asunto Trascendencia mediática: Pokémon que a causa instruída en Lugo atinxe tamén ao PP. Neste sentido, infórmao de que "xa saíu en prensa local de Galicia" que De Lara, "no marco" do caso Pokémon, "emitiu diversos oficios nos que se solicita a achega da conta de tesourería do PP en diversas localidades durante os meses de maio e xuño de 2011". A mensaxe era parte dunha cadea de correos que chegara a outros altos cargos do departamento.

"Entre hoxe e mañá procederase polo Servizo de Vixilancia Aduaneira a entregar estes oficios nas distintas localidades galegas afectadas", agregaba o aviso, no que evidenciaba que Aduanas actuaba neste caso como Policía Judicial e tamén se laiaba de que nese momento "nada máis podemos saber" ao respecto. A finais daquel ano, De Lara lanzou varias investigacións por suposto financiamento ilegal do PP en provincias como Ourense.

Un vehículo do Servizo de Vixilancia Aduaneira, durante un rexistro da Operación Pokémon en Santiago en 2013 CC-BY-SA Praza Pública

Na información agora publicada, EPE destaca tamén que o xefe da Fiscalía Anticorrupción, Alejandro Luzón, ordenou á fiscal Carmen García Cerdá que non investigase estes correos que salpican a Montoro por non consideralos penalmente relevantes. Luzón promoveu un expediente contra a devandita fiscal ao considerar que desobedeceu a orde, procedemento que aínda non finalizou.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.