De Lara cesa como xuíza en Lugo tras negarse a dividir Pokémon nunha trintena de pezas, como pedía o fiscal

A xuíza Pilar de Lara, captada pola TVG nunha imaxe de arquivo © TVG

Fin dunha era na política e na xudicatura en Galicia. A xuíza Pilar de Lara xa non é a titular do Xulgado número 1 de Lugo, dende o que instruíu casos tan mediáticos como as operacións Carioca e Pokémon, entre outros. Fontes xudiciais confirman que dende este 30 de xaneiro é efectiva a sanción que lle interpuxo o Consello Xeral do Poder Xudicial por "unha falta moi grave de desatención no exercicio das súas competencias". A mesma que o Tribunal Supremo desbotou suspender hai poucos días e que implica a perda do seu destino en Lugo. 

Dende este 30 de xaneiro é efectiva a sanción interposta a De Lara polo Poder Xudicial, que pola súa duración implica a perda do seu destino nos xulgados de Lugo

De Lara vese obrigada a abandonar Lugo apenas unha semana despois de rexeitar a petición da Fiscalía para dividir en ata unha trintena de pezas o asunto central do que foi un dos seus casos estrela, a Operación Pokémon, de cuxos primeiros pasos se cumprirán nove anos o vindeiro abril. A instrución xudicial levou por diante cargos políticos de cores diversas e acumula máis de duascentas persoas investigadas. A maxistrada aseguraba neste auto, datado no 23 de xaneiro e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, estar a piques de finalizar a instrución.

O derradeiro auto sobre a Operación Pokémon

Con este pano de fondo, hai poucos días o novo fiscal do caso, Manuel Lamas, dirixiu un escrito á xuíza solicitando dividir nunha trintena de pezas o asunto central da operación, o que atinxe ao grupo de empresas Véndex, ao que De Lara sitúa no centro da presunta trama corrupta de adxudicacións irregulares, comisións ilegais ou subornos, entre outros delitos. Para o Ministerio Público, non está "xustificado" manter unha única causa que derivaría nun xuízo "cuns 250 acusados" sen conexión entre si. De Lara respondeu a esa petición nun auto tan amplo en extensión como duro contra os argumentos do fiscal, a cuxa petición só accede en dúas pólas do caso, as que afectan a un concello catalán e outro balear. No mesmo deixaba entrever a súa intención de envialo a xuízo mesmo antes de que fose efectiva a sanción, algo que xa non sucederá, porque o caso xa non depende dela.

Segundo ese auto, para De Lara os argumentos do fiscal para pedir a fragmentación da causa "non deixan de ser sorprendentes" porque "supoñen unha desviación do criterio" sostido ata agora "polos diferentes fiscais que levaron a causa", de "cuxo razoamento uniforme se afasta radicalmente", reprocha. Así, exemplifica, cando no ano 2013 emitiu un auto debullando os presuntos delitos ligados a Véndex dentro de Galicia, Fiscalía non recorreu.

Sede dos xulgados de instrución en Lugo CC-BY-NC-SA Praza Pública

"Non se acaba de entender -reprocha a xuíza- en que criterios fácticos e xurídicos se basea agora o fiscal" para que "o que segundo os seus propios compañeiros era 'organización' e 'concerto" entre os diferentes feitos atribuídos a Véndex, "agora, deixe de selo". Ademais, abonda, "resulta insostible" que a Fiscalía "tardase tantos anos en advertir unha suposta falta de conexidade entre os feitos investigados" agrega antes de atribuír ao escrito do Ministerio Público diversos erros na descrición dos feitos.

A xuíza dedica máis de 400 páxinas a debullar o caso para concluír que non é posible "analizar as condutas illadamente" e defende que repartir a operación nunha trintena de pezas sería "inxusto", xeraría "dilacións" e abocaría algúns dos delitos investigados á "impunidade"

Neste punto, De Lara dedica máis de 400 páxinas a "resumir, co suficiente grao de concreción, a actividade investigada" dun caso que xa se estende por máis de 100 tomos e no que advirte ata 17 condutas delituosas diferentes. Ela non dubida da "existencia dunha auténtica organización que responde a unha estrutura xerarquizada e a unha mesma política empresarial consistente na obtención de concursos de xeito presuntamente ilícito en connivencia con autoridades e funcionarios públicos a cambio da entrega de cartos, agasallos, contratación de enchufados e prestación doutra clase de favores".

"Non podemos analizar as condutas cometidas illadamente" nun caso que "non pode separarse por tramas, como pretende o fiscal", di a xuíza. Neste sentido, recalca que "como é lóxico e normal, para poder cometer delitos contra a administración pública, os empregados de Véndex recorren a distintos funcionarios e autoridades". Pero isto non é dabondo, cre, para fragmentar o caso. Ademais, considera, repartir a instrución por ata 32 xulgados de toda Galicia sería "inxusto" para os acusados, traería consigo novas "dilacións" do proceso e "abocaría á impunidade" unha das acusacións, a de "asociación ilícita" que se atribúe aos responsables de Véndex.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.