A Fiscalía pide arquivar a acusación contra Orozco ao non achar probas de que recibise cartos da Pokémon

Orozco, nunha imaxe de arquivo da súa etapa como alcalde nunha entrevista con Praza.gal Dominio Público Praza Pública

A finais de setembro de 2012 Galicia viviu un verdeiro terremoto político e xudicial. A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, viña de lanzar unha operación contra a presunta corrupción en contratos públicos de diversos concellos que deixaba como primeiros e máis rechamantes titulares as detencións dos daquela alcaldes de Ourense -do PSdeG- e Boqueixón -do PP-. Aquela primeira vaga da operación, que meses despois impactaría de cheo en gobernos municipais daquela populares como os da Coruña e Santiago, impactou tamén moi directamente no Concello de Lugo, onde o alcalde socialista, Xosé López Orozco, fora imputado por presuntos delitos de suborno e prevaricación. Case seis anos despois a Fiscalía lucense vén de responder a un recurso de Orozco pedindo o arquivo da acusación porque, ao contrario do sinalado na instrución encabezada por De Lara, non acha probas de que recibise cartos da trama.

O xornal El Progreso adiantaba na súa edición deste 19 de xullo que o Ministerio Público vén de responder con contundencia á solicitude de arquivo formulada por Orozco ante a Audiencia Provincial lucense. O fiscal Jesús Álvarez considera que "non existe ningunha proba" de que "chegase" aos petos de Orozco "diñeiro das empresas do guindastre e da ORA" no Concello de Lugo. O "patrimonio" de Orozco "corresponde coa súa profesión", sinala o fiscal, e por iso cre que corresponde un arquivo. O escrito leva seis meses rexistrado no xulgado de Pilar de Lara, pero non foi trasladado á Audiencia ata agora. 

O fiscal desbota seis anos despois que o ex-alcalde de Lugo recibise cartos pola concesión do guindastre, algo que ve demostrado no caso do ex-edil Fernández Liñares, e apoia que a Audiencia acepte o arquivo que solicita Orozco

Para a Fiscalía, "despois de máis de seis anos de instrución non cabe arrastrar" a Orozco "ata o final do proceso sen indicios consistentes", toda vez que a acusación contra o ex-alcalde estaba sustentada, esencialmente, na testemuña do propietario da empresa adxudicataria do servizo do guindastre, José Luis Álvarez, quen testemuñou que pagaba mensualmente subornos a Orozco e ao que fora un dos homes fortes do seu goberno municipal, Francisco Fernández Liñares, a través dun funcionario municipal, Javier Reguera. No caso de Liñares e Reguera, no entanto, a Fiscalía si dá por probado o cobramento de subornos co conseguinte incremento de patrimonio. Como informou Praza.gal, o que despois foi presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil confesou ante a xuíza que chegou a cobrar 'mordidas' de múltiples empresas por importe duns 300.000 euros, se ben o pasado abril mudou a súa versión e afirmou que inventara esa declaración tras ser "presionado".

A vaga expansiva política da imputación

Estas imputacións marcaron o remate da vida política de Orozco: "Sempre dixen que son inocente e o señor fiscal corrobórao", salienta

A posibilidade de que Orozco se libre de xeito inminente das imputacións xudiciais no caso do guindastre abre a porta ao arquivo da que pesa sobre o ex-rexedor na peza que investiga o conxunto do grupo Vendex, tamén por iniciativa de De Lara. Desaparecerían así dúas acusacións que marcaron o remate da carreira política do veterano ex-alcalde. Non en van, estas imputacións derivaron en que o BNG abandonase o goberno local de coalición en novembro de 2012 e, sobre todo, provocou que tras as eleccións municipais de 2015 Orozco tivese que renunciar a recuncar na alcaldía, toda vez que o resto de grupos da esquerda esixiron a súa marcha para votar a prol dunha investidura do PSdeG.

Lara Méndez: "Demostra que non tiña responsabilidades penais nin políticas e acentúa a súa xenerosidade ao dar un paso atrás polo ben de Lugo"

Tras transcender o escrito da Fiscalía o antigo rexedor manifestou a súa satisfacción a través de varios medios e tamén nas redes sociais. "Sempre dixen que son inocente e o señor fiscal corrobórao", sinalou, ao tempo que amosou o seu agradecemento a "tantos, innumerables, que confiaron en min", dende a súa familia ata á cidadanía que "a pé de rúa me transmitiu o seu apoio ou a través dos medios de comunicación".

Para a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esta petición de arquivo "demostra que Orozco non só non tiña responsabilidades penais, senón tampouco políticas" neste caso e "acentúa a xenerosidade do alcalde Orozco de dar un paso atrás pensando no ben da cidade de Lugo", en referencia ao momento ao que deu paso á súa propia elección. "A xustiza cando chega tarde é inxusta", reflexiona Méndez. Nun sentido semellante o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, enviou tamén "unha aperta" ao ex-alcalde e, dende o "respecto para os procesos xudiciais", considerou que "a xustiza ten que ser áxil e garantista para ser xusta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.