Detidos os alcaldes de Ourense e Boqueixón por suposto tráfico de influencias

Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE

Detidos os alcaldes de Ourense e Boqueixón. O socialista Francisco Rodríguez foi detido esta mañá por axentes do servizo de vixilancia aduaneira de Pontevedra, logo de que un xulgado de Lugo ditase a orde de arresto. Tamén foron detidos o ex presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, así como un funcionario do departamento de contratación do Concello de Santiago, Román Otero, aínda que o número de arrestados é maior e segue a incrementar. O último ata o momento é o rexedor de Boqueixón, Adolfo Gacio (PP), que se dispuña a abandonar o cargo en pouco tempo para dedicarse a labores diplomáticos.

En total, foron detidas dez persoas en Galicia e outras dúas en Asturias e Madrid, dentro do marco da denominada operación Pokemon. No país, leváronse a cabo catro arrestos en Lugo, dous en Ourense, dous na Coruña, un en Santiago e outra en Bueu. A operación chega tras unha investigación sobre contratos públicos, polo que aos detidos impútanselles delitos de malversación de fondos públicos ou branqueo de capitais, entre outros.

O PSdeG di "non saber nada" sobre os motivos da detención e asegura "confiar plenamente na xustiza e na inocencia do alcalde"

Os delitos polos que acusan a Francisco Rodríguez son tráfico de influencias, alzamento de bens e branqueo de capitais. A orde de arresto foi ditada pola xuíz Pilar de Lara, instrutora do caso Carioca e casada cun cargo do PP de Lugo, que ordenou tamén a detención do rexedor popular de Boqueixón, Adolfo Gacio. Ademais, e segundo informa Radio Coruña, a policía xudicial rexistrou a sede coruñesa do grupo Véndex pola súa suposta relación coa devandita operación. Unha persoa está detida na cidade herculina en relación co rexistro a esta empresa, que é a concesionaria do guindastre municipal da Coruña e doutros servizos do Concello, como o mantemento de xardíns e edificios.

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, afirmou que "confía plenamente na xustiza" e na "inocencia do alcalde", polo que agarda que "todo se aclare o antes posible". O líder dos socialistas galegos di descoñecer os motivos da detención, logo de enterarse polos seus colaboradores da noticia tras un almorzo informativo en Compostela. Francisco Rodríguez non pasará a diposición xudicial até este venres.

Fontes achegadas ao alcalde e do propio Concello de Ourense aseguran que a operación débese a unha estratexia electoral e que o alcalde non está implicado nos cargos que se lle imputan. Os detidos prestarán declaración este mesmo xoves en Lugo. Ademais, tamén se levaron cabo rexistros na sede da Confederación Hidrográfica do Norte de Ourense, onde se solicitaron expedientes de varias obras que foron facilitados aos axentes da vixilancia aduaneira, así como no Concello de Lugo. No caso da detención do funcionario do Concello de Santiago, o seu nome xorde logo das escoitas telefónicas relacionadas coa operación Campeón e estaría relacionado coa adxudicación dunha escola infantil na capital galega. O alcalde de Compostela, Ángel Currás, di estar "sorprendido" pola detención do técnico e di descoñecer os motivos do arresto.

A xunta de portavoces do Concello de Ourense emite un comunicado no que amosa a súa "confianza" no alcalde

Unha vez coñecida a noticia, convocouse unha renión de urxencia dos concelleiros do pleno municipal do Concello de Ourense, que se está a levar a cabo nesta mañá. A nacionalista Isabel Pérez, tenente de alcalde, vén de asumir xa as funcións de goberno e deu lectura a un comunicado conxunto da xunta de portavoces de todos os partidos. "A xunta de portavoces quere expresar a súa confianza no alcalde de Ourense tras a súa detención por motivos que non foron comunicados ao Concello; ademais, quere expresar a súa confianza na inocencia do alcalde e espera que a autoridade xudicial explique os motivos da detnención e resolva o antes posible o asunto", dixo. 

Feijóo di que respecta a presunción de inocencia

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declarou "non ter unhah información suficiente para facer unha valoración definitiva" sobre a detención do alcalde de Ourense. "Haberá que esperar ás informacións da Adminsitraciónd de Xustiza, do Concello de Ourense ou de calquera persoa que poida estar implicada. Respecto a presunción de inocencia e a decisión xudicial, este debería ser sempre o comportamento dos responsables políticos, eu intento que este sexa o meu comportamento", asegurou tras o Consello, tras engadir que non vai facer "as declaracións que escoito de dirixentes do PSOE cando afectan a outros partidos". Nada se sabía aínda publicamente da detención do alcalde de Boqueixón, pertencente ao Partido Popular.

A operación Pokemon irrompe así en plena precampaña electoral. Non é desde logo unha boa noticia para o PSdeG a tan só un mes dos comicios autonómicos, mesmo tendo en conta que Francisco Rodríguez amosara en moitas ocasións as súas diferenzas con Pachi Vázquez e que por exemplo apoiase abertamente a Elena Espinosa no congreso galego no que o candidato socialista á presidencia da Xunta se impuxo por unha curta marxe. Tampouco supón unha boa nova para o PP, que ve como un dos seus alcaldes volve estar implicado nunha operación contra a corrupción. Neste caso, o de Boqueixón, que pronto ía deixar o cargo para exercer un labor diplomático en Venezuela.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE
Adolfo Gacio, alcalde de Boqueixón © Vieiros

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.