Fracasa o intento do ex-número dous de Negreira para anular unha peza central do caso Pokémon

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

A Operación Pokémon condiciona en maior ou menor medida diversos eidos da política galega dende hai case media década. Son xa máis de catro anos dende que parte das pescudas da Operación Carioca, que destaparon un entramado de proxenetismo e explotación de mulleres na contorna de Lugo, derivaron no estourido da investigación desta presunta rede corrupta, que golpeou con dureza a alcaldes, concelleiros e outros cargos políticos. En outubro de 2015 a xuíza instrutora do caso, Pilar de Lara, deu o primeiro paso para trasladar á Audiencia Nacional unha das pezas centrais da Pokémon, a que atinxe ás actividades supostamente ilícitas do grupo de empresas Véndex. A decisión foi recorrida por un dos ex-cargos políticos investigados, o antigo tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores (PP), que vén de fracasar no seu intento de anular o proceso.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de emitir un auto no que desestima o recurso presentado por Flores -ao que se adheriron, entre outros imputados, o ex-alcalde de Santiago Ángel Currás e mais o administrador de Véndex, Gervasio Rolando- para frear o traslado da investigación á Audiencia Nacional e, en última instancia, co obxectivo de tentar unha "nulidade das actuacións como petición principal", segundo recolle o documento, ao que tivo acceso Praza.gal. Esa petición de nulidade non é considerada pola Audiencia xa que, lembran os maxistrados, nin sequera "pode ser analizada" ao ser "allea á cuestión" do auto no que De Lara apostou polo traslado do caso a Madrid.

O recurso de Flores, ao que se adheriu o ex-alcalde de Santiago, pretendía frear o traslado da peza de Véndex á Audiencia Nacional

A Audiencia lucense lémbralle a Flores que a cuestión de fondo desta peza na que permanece imputado son as presuntas "defraudacións" das empresas de Véndex, á que se atribúen diversas manobras delitivas para procurar adxudicacións públicas -como subornos, enchufes ou financiamento irregular de partidos- cunha "repercusión clara na economía pública". Os feitos presuntamente delitivos, agrega, sucederon en diversas provincias e comunidades autónomas. A combinación de ambos factores, conclúe, fai o caso susceptible de ser abordado na Audiencia Nacional, como determinou a xuíza.

A todos estes elementos a Audiencia de Lugo engade un máis. "Razóns de economía procesual, eficacia e imperativos xurídicos" obrigan a que sexa "un único órgano xurisdiccional" o que se encargue do caso. Por todo isto a resolución concorda con De Lara en que existen "motivos dabondo" para o traslado aos xulgados centrais. Rexeita, igualmente, a petición de Flores para que as actividades de Véndex na Coruña, nas que segundo os investigadores estivo implicado, sexan abordadas nunha peza separada nos xulgados da Coruña. "Os feitos analizados leváronse a cabo en diversas comunidades autónomas cun mesmo fío condutor" e "con independencia de que tivesen as súas ramificacións a través de delegados provinciais ou rexionais" das empresas, di.

Presuntos contratos amañados e "enchufes"

Así as cousas, quen foi home forte do goberno de Carlos Negreira está máis preto de ter que responder ante a Audiencia Nacional dos feitos que lle atribúen. Segundo consta no amplísimo sumario, os investigadores e a xuíza De Lara coidan que, dende a súa chegada ao goberno do Concello da Coruña en 2011, Flores empregou o seu poder na institución para facilitar a concesión de contratos públicos a Véndex e para realizar "propostas de contratación" e "enchufes" en servizos municipais xestionados por estas empresas.

A investigación atribúelle ao ex-edil "unha lista para contratar a determinadas persoas" en servizos públicos adxudicadas a Véndex

Sempre segundo a investigación, Flores chegou a manexar "unha lista para contratar a determinadas persoas" por estas vías e "non actuaría illadamente, senón que o faría co posible coñecemento e consentimento dos seus compañeiros de goberno, incluído o propio alcalde". Ademais, as indagacións da póla coruñesa da Pokémon -alcumada 'Pikachu' polos investigadores- ligan o antigo concelleiro cunha presunta "obstrución á xustiza" na investigación do "acoso laboral" a un traballador do Concello que tornou, a comezos de 2015, en testemuña protexida.

A erosión política do caso motivou a súa caída das listas do PP en 2015

O desgaste político motivado por estas e outras acusacións -Aduanas tamén lle atribúe a Flores o cobramento de 5.000 euros da trama, negado reiteradamente polo ex-edil-, así como o estourido da Operación Zeta -na que Flores non está imputado, se ben a Policía lle atribúe "acordos ilícitos"- motivou que apenas mes e medio antes das municipais de 2015 Julio Flores caese das listas electorais do PP. A principios de 2016 quen abandonou a política activa foi o propio Carlos Negreira, sinalado neste caso como "coñecedor" dos feitos, pero nunca imputado nel.

Flores (dereita), con Negreira e outros edís do goberno do PP na Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.