Pilar de Lara desfaise da parte da Pokémon que atinxe á presunta corrupción de Véndex

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

A xuíza Pilar de Lara comeza a mudar de estratexia. O pasado día 14, xusto despois de que a Fiscalía e mesmo a presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cuestionasen abertamente o seu xeito de proceder por, ao seu xuízo, "teimar" na formación de macroprocesos e dilatar a súa resolución, a instrutora do caso Pokémon vén de dar un paso definitivo para desprenderse dunha das principais partes da investigación da presunta trama corrupta, a que atinxe á empresa Véndex.

Case dous anos despois de acordar a formación dunha peza separada cando esta parte da operación acumulaba xa case medio cento de persoas imputadas -entre elas, os exalcalde de Lugo, Ourense, Boqueixón e O Carballiño e ex edís de PP e PSOE en Santiago, entre outros- De Lara razoa nun auto a cuxo contido tivo acceso Praza Pública que o asunto transcende as súas competencias. Os presuntos delitos de que se trata e o feito de que Véndex supostamente actuou en varias comunidades autónomas -cando menos, Galicia, Catalunya e Balears- a través dun entramado deseñado e coordinado dende Madrid lévana a inhibirse ao "Xulgado Central de Instrución que por quenda corresponda".

A xuíza inhíbese no Xulgado Central de Instrución e suxire que o caso podería rematar na Audiencia Nacional

"Estamos falando non de condutas illadas -argumenta-, senón dunha auténtica organización que responde a unha estrutura xerarquizada e a unha mesma política empresarial consistente na obtención de concursos de forma presuntamente ilícita en connivencia con autoridades e funcionarios públicos a cambio da entrega de cartos, agasallos, contratación de enchufados e prestación doutra clase de favores". Neste contexto, suxire, o feito de que se estea a indagar en feitos que poderían afectar de xeito "grave" a todo o Estado e ocasionar "prexuizos patrimoniis" no "territorio de máis dunha Audiencia", podería resultar acaído que o caso rematase finalmente na Audiencia Nacional.

A presunta trama artellada por Véndex afecta presuntamente a operacións opacas nunha decena de concellos galegos

Así as cousas, será outro xulgado o que continúe investigando se durante anos Véndex dirixiu unha trama corrupta que tería xerado a comisión de delitos de suborno, tráfico de influencias, fraude, prevaricación, falsidade ou branqueo, entre outros, e que no caso galego investiga, cando menos, operacións presuntamente opacas con políticos e persoal dos concellos da Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, O Carballiño, Boqueixón, Ordes, Sada e Arteixo, así como no museo MUNCYT da Coruña e na Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

De Lara advirte de que continuará a instrución mentres o caso dependa dela

Así e todo, advirte De Lara, mentres a inhibición non se resolva e outro xulgado asuma a competencia, ela mesma seguirá "practicando todas as dilixencias necesarias para comprobar o delito, averiguar e identificar os posibles culpables e protexer os ofendidos ou prexudicados polo mesmo". Entre outros aspectos, indica, ten pendientes de recepción diferentes atestados do Servizo de Vixilancia Aduaneira e informes da Axencia Tributaria e mais da Intervención Xeral do Estado. Asemade, abordaría tamén a "posible aparición de novos feitos" mentres o caso dependa dela.

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.