As instrucións 'eternas' amplifican os receos en torno ás macrocausas xudiciais en Galicia

Varios xuíces durante un acto oficial CC-BY-SA EDN

Xa transcorreu media década dende que a titular do xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, lanzara a Operación Carioca, que destapou un escuro entramado de proxenetismo en Lugo e a súa contorna. Os supostos contactos entre axentes da autoridade, políticos e empresarios nalgúns dos prostíbulos investigados contribuíron ao estourido da macrocausa de presunta corrupción que marca o ritmo da política galega dende hai catro anos, a Operación Pokémon cuxa instrución continúa a estenderse sen que, polo momento, se albisque conclusión ningunha. Esa ampliación aparentemente ilimitada a partir da trama presuntamente liderada por empresas do grupo Véndex vén de suscitar as críticas da Fiscalía ao xeito en que procede De Lara e reabre, por extensión, o debate sobre este tipo de operacións e a súa efectividade para perseguir delitos.

A faísca que serviu para prender o debate foi a última memoria da Fiscalía Xeral do Estado, publicada hai poucos días. Na súa análise dos casos no eido da estranxeiría o departamento agora encabezado por Consuelo Madrigal critica, sen citala, á xuíza De Lara. "Cómpre destacar a longa duración que está adquirindo" a que "se coñece nos medios de comunicación como Operación Carioca", di a memoria. Se ben o Ministerio Público atribúe "en parte mínima" esta dilación á "sucesión provocada -por diferentes motivos- de distintos Fiscais no seguimento da instrución", coida que a "razón determinante" é que "se xerou unha macrocausa de difícil manexo e peor entendimento" por parte da xuíza instrutora.

A Fiscalía Xeral do Estado apercibe a xuíza De Lara na súa memoria: "Podería demorarse ata o infinito se segue tirando do fío sen límite"

A Fiscalía, di, mantén dende xuño de 2013 a necesidade de "que se formen pezas separadas" para "organizar o procedemento en relación cos delitos perseguidos", cuxa "natureza" é "aparentemente dispar", para así "facilitar a tramitación e conclusión". Resulta imprescindible, indica, "acoutar" esta instrución, xa que en caso contrario esta "podería demorarse ata o infinito se se segue tirando do fío sen límite". No entanto, lamenta, a xuíza non ordenou a formación das pezas separadas ata case un ano despois, en marzo de 2014, e estas pezas están sendo tramitadas "con lentitude" e "en ocasións, sen formarse de xeito correcto en canto aos folios das actuacións que deben incorporarse a cada peza".

A Fiscalía Superior de Galicia súmase á crítica

Aínda que dun xeito discreto, as consideracións da memoria da Fiscalía non foron precisamente mal recibidas nos sectores dos xulgados lucenses máis críticos con De Lara, así como pola banda dalgunhas das persoas citadas nos sumarios que instrúe. Algo semellante aconteceu na Fiscalía Superior de Galicia, cuxo titular, Fernando Suanzes, foi cuestionado ao respecto hai poucos días durante un acto público. Aínda subliñando o "rigor" que, afirma, caracteriza o traballo xudicial en Galicia e enmarcando as críticas no contexto da propia memoria da Fiscalía Xeral, Suanzes responde á pregunta de se a operación Pokémon está sendo excesivamente dilatada indicando que "toda instrución debe pecharse nun prazo razoable".

"A mellor maneira de non levar nada é querer levalo todo", di o Fiscal Superior de Galicia

"A mellor maneira de non levar nada é querer levalo todo", advirte o Fiscal Superior, a cuxo xuízo cómpre que "todos entendamos" que é "necesario", en operacións coma estas, "quitar as causas da conexión absoluta que agora teñen" e "facer pezas separadas para un mellor desenvolvemento do procedemento". O alargamento indefinido das instrucións, indica Suanzes, afecta ao xeito en que a cidadanía valora a Administración da Xustiza, así como a "proxección internacional" dos tribunais españois.

Os efectos "perversos" das macro causas

A aposta por acoutar as instrucións é compartida tamén dende a xudicatura. Así, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), encadrado no sector progresista da carreira xudicial, salienta que "está dito dende hai moito tempo" que a partir de "determinado punto" cómpre "rematar" as instrucións para "facilitar o axuizamento" de cada caso. No que atinxe á Operación Pokémon, Miguel Ángel Cadenas evidencia que "obxectivamente, leva moito tempo", se ben cómpre "coñecer dende dentro" cada instrución para saber da súa "complexidade" e do que "está pendente de resolución".

O presidente do TSXG resalta a necesidade de "facilitar o axuizamento" co "remate" das causas

Ao achegamento a "cada caso concreto, que só o coñece a persoa que o leva" apela tamén Xuíces para a Democracia, colectivo que, non obstante, si chama abertamente á reflexión sobre as macro causas. En conversa con Praza Pública un dos seus voceiros en Galicia, Xermán Varela, reflexiona que este tipo de operacións "xa demostraron que son manifestamente ineficaces na persecución dos delitos". "A acumulación de demasiados feitos" adoita traer consigo "efectos perversos", con dilacións que poden acabar "beneficiando a presuntos culpables" e "prexudicando inocentes, que se ven introducidos nunha espiral de feitos cando, se cadra, só teñen relación cun feito pequeno" ou mesmo con "ningún".

Xuíces para a Democracia: "As macrocausas poden acabar beneficiando presuntos culpables e prexudicando inocentes"

Dende o punto de vista de Xermán Varela neste debate cómpre ter outro factor sobre a mesa: "o desgaste persoal" e a respecto da presunción de inocencia que sofren as persoas presuntamente implicadas nunha destas operacións. "Estar en determinados listados" de, por exemplo, persoas imputadas, "crea unha dúbida na sociedade que prexudica a cidadáns que, se o seu feito fose axuizado especificamente, non terían esa transcendencia", toda vez que, evidencia, "non todos os feitos teñen mesma gravidade".

A necesidade de "controlar" as instrucións

"O nivel de poder que podemos acaparar os instrutores é moi grande, iso require de controis"

O voceiro de Xuíces para a Democracia coida que unha das vías para frear a tendencia de construír macro causas é o "control" da "complexa" figura do xuíz de instrución. "O nivel de poder que podemos chegar a acaparar é moi grande, e iso require de controis efectivos que son difíciles de artellar" para manter no seu lugar o traballo de investigar con "certa marxe de actuación". Un destes controis, destaca, é o propio Ministerio Público, polo que "se cadra, cabería preguntase onde estivo a Fiscalía en Lugo durante os últimos cinco anos".

"Non se vaia pensar que acompasamos as decisións cos calendarios electorais, sería terrible"

Crear pezas separadas con celeridade e someter as novas liñas de investigación a un reparto entre xuíces que realmente sexa aleatorio son, para Varela, algunhas das posibilidades para que fique claro que, en todo caso, a xudicatura actúa "coa mellor das intencións e sen ningunha vontade de fraude". A ausencia de controis e a acumulación de liñas nunha soa causa instruída por unha soa persoa require, di, unha dose extra de "cautela" mesmo na administracións dos tempos se, por exemplo, as investigacións afectan a cargos políticos: "Non se vaia pensar que acompasamos as decisións aos calendarios electorais", porque se pasase "sería terrible". Iso, queren pensar dende XpD, "non pasa en ningures".

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.