Arquivadas as acusacións de financiamento ilegal de partidos galegos na trama Pokémon

Edificio xudicial en Lugo e recreación de fragmentos do auto que resolve o arquivo da causa do suposto financiamento ilegal de partidos mediante a trama Pokémon CC-BY-NC-SA Praza.gal

Entre as múltiples acusacións lanzadas pola xuíza Pilar de Lara como instrutora do caso Pokémon, a macrocausa contra a presunta corrupción en diversas adxudicacións públicas que ela mesma lanzou en 2011, figuraban supostas entregas irregulares de cartos ás principais formacións políticas. Por esa razón investigara formalmente a cargos de PP, PSdeG e BNG.

"Non cabe reputar minimamente xustificada a perpetración de delito en relación coas supostas doazóns" do grupo Véndex que a sancionada xuíza De Lara atribuíu a cargos locais de PP, PSdeG e BNG en 2011, conclúe a xuíza agora encargada desta peza do caso Pokémon

Así, por exemplo, baseándose en informes do Servizo de Vixilancia Aduaneira -ao que a maxistrada agora sancionada utilizaba como policía xudicial-, acusara diversos cargos das devanditas forzas políticas de recibiren en man fondos do grupo Véndex, considerado centro da trama, -en total, uns 50.000 euros- para financiaren cadansúas formacións en vésperas das eleccións municipais de 2011. Tamén lanzara outras pescudas específicas, por exemplo a respecto das finanzas do PP de Santiago.

Tras a súa sanción por atrasar e acumular macrocausas como a Pokémon, De Lara perdeu a praza en Lugo e os xulgados que tiveron que asumir as diversas pólas do caso Pokémon están resolvéndoas con relativa celeridade, na maior parte dos casos para as arquivaren. É o que vén de suceder no xulgado de instrución número 2 da capital lucense coas devanditas acusacións de financiamento irregular de partidos políticos, en boa medida porque ata o ano 2015 non existiu como tal este delito no Código Penal.

A xuíza Pilar de Lara, cuxa sanción implicou a perda da praza nos xulgados de Lugo, nunha imaxe de arquivo da TVG © TVG

En diversas fases do proceso supuxeran imputacións e sinalamentos a ex-cargos do PP como José Luis Baltar, Julio Flores e Ángel Espadas; edís do PSdeG como José Nogueira e Mercedes Carbajales ou antigos concelleiros polo BNG como Fernando Varela ou Xoán Caxigal, entre outros. Tamén fora sinalado José Manuel Barreiro, ex-conselleiro e ex-voceiro do PP no Senado, se ben no seu caso a acusación foi arquivada polo Tribunal Supremo -por ser daquela aforado- en 2015.

A xuíza non observa "ningún indicio racional de criminalidade"  que permita "sustentar" a existencia dun "suposto sistema de financiamento ilícito" ás forzas políticas e subliña que ata 2015 non existía como tal o delito de financiamento ilegal dos partidos

Nun auto ditado este 9 de maio, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal e no que fica reflectido que para De Lara figuraran como sospeitosos diversos cargos populares, socialistas e nacionalistas en cidades como A Coruña, Santiago ou Ourense -ademais de representantes de Véndex-, a xuíza agora encargada do caso, Sandra Piñeiro, resolve que cómpre arquivar todas as acusacións. "Non cabe reputar minimamente xustificada a perpetración de delito en relación coas supostas doazóns efectuadas no ano 2011", conclúe, máis aínda tendo en conta, lembra, que "só a partir da entrada en vigor" da reforma do Código Penal en 2015 "pode aplicarse" o tipo de financiamento ilegal dun partido, "o cal non estaba vixente na data das supostas doazóns" de Véndex.

"Descoñécese -di o auto- que elementos conduciron" na instrución de De Lara a afirmar que se produciran delitos de financiamento ilegal dos partidos, abonda. "Ningún indicio racional de criminalidade" permite "sustentar" que "supostamente, para gratificar a actuación e políticos e funcionarios implicados" en adxudicacións ilícitas á trama, Véndex "idease un suposto sistema de financiamento ilícito aos partidos políticos gobernantes ou con posibilidades de gobernar nos municipios onde tiñan" contratos, fondos que irían parar a caixas B.

Sede dos xulgados de instrución de Lugo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Neste contexto, a maxistrada pon o foco nalgúns feitos concretos, como 17 ingresos que sumarían case 30.000 euros, realizados por un ex-concelleiro do PP de Santiago en contas do partido antes e despois das eleccións municipais de 2011, que os populares gañaron por maioría absoluta con Gerardo Conde Roa como candidato. "Alén da hipótese investigativa policial, non cabe formular un xuízo indiciario de responsabilidade criminal que permita encaixar tales feitos nunha conduta prevista e penada no Código Penal" na súa redacción naquel momento, especifica.

"Non resulta xustificada a perpetración de delito ningún", conclúe o auto para determinar a "improcedencia" das acusacións e o arquivo da causa

"Outro tanto acontece con outros ingresos", agrega, tales como 3.250 euros que, segundo a instrución de De Lara, "Véndex achegou ou doou ao PSdeG-PSOE da Coruña", xa que "se basea nunha interpretación" dun rexistro xudicial de 2012, tras o que os investigadores tiran que un ex-concelleiro socialista recibira 2.000 euros "sen causa lícita". Do mesmo xeito, conclúe que as "hipóteses" policiais "non resultan referendadas polas dilixencias" a respecto doutros movementos económicos como 3.000 euros no PSdeG de Ribeira, a mesma cantidade no PP de Boqueixón, Lugo, Santiago e Ferrol ou 6.000 euros no BNG da Coruña, cantidade esta última que fora utilizada por Feijóo contra a formación nacionalista en vésperas das eleccións europeas de 2014.

Con todas estas consideracións sobre a mesa, a xuíza remata afirmando que "malia á investigación ao longo dos anos, que incluíu medidas limitativas de dereitos fundamentais" -dende escoitas telefónicas a detencións-, a análise da documentación incautada e dos informes policiais non permite "encaixar penalmente as condutas analizadas de suposto financiamento ilegal" segundo as leis da época. De Lara, vén dicir, debeu ter en conta que daquela "a corrupción" quedaría "circunscrita a determinados delitos" coma o suborno, o tráfico de influencias, a prevaricación e outros delitos semellantes, mentres que eventuais financiamentos irregulares dos partidos, de probárense, eran unha "conduta sancionable dende o exclusivo plano administrativo".

Por todo isto, "non resulta xustificada a perpetración de delito ningún". Isto, finaliza, determina "a improcedencia" da acusación e da propia instrución e, por extensión, o arquivo da causa. Contra este auto caben recursos de reforma ou apelación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.