A xuíza De Lara imputa a Conde Roa por presunto financiamento irregular do PP de Santiago

Conde Roa e Albino Vázquez, na súa etapa no goberno de Santiago © Concello de Santiago

A xuíza Pilar de Lara volve poñer a lupa sobre o PP de Santiago e, nomeadamente, sobre o primeiro dos tres alcaldes que os conservadores acumularon na capital galega no pasado mandato municipal, Gerardo Conde Roa. Cando xa transcorreron seis anos dende o seu estourido a instrución da Operación Pokémon continúa a estenderse e vólveo facer a respecto do presunto financiamento irregular dos populares composteláns no ano 2011, cando lograron a Alcaldía. O ex-rexedor e o que fora o seu edil de Seguridade, Albino Vázquez, terán que comparecer como investigados -antiga imputación- o vindeiro 20 de xuño para "explicaren", no marco da operación na que foran imputados en 2013, a orixe de case 27.000 euros ingresados en dúas contas do partido, case todos durante a campaña das eleccións municipais de aquel ano. De Lara non lles atribúe, non obstante, ningún delito en concreto.

Como informou Praza.gal a maxistrada indaga dende hai máis de tres anos nas finanzas do partido a partir da coñecida pola investigación como "ruta del bacalao", o percorrido dun dos presuntos líderes da trama corrupta polas cidades galegas no último día da campaña electoral para repartir, segundo Vixilancia Aduaneira -corpo empregado- pola xuíza como policía xudicial-, cartos a membros de diferentes partidos. Ao fío destas pescudas De Lara reclamou ao PP de Santiago información sobre as súas contas e nela os axentes sospeitaron de 17 ingresos que sumaron un total de 26.970 euros e dos que non consta quen os efectuou, xa que figuran ao nome de "Partido Popular".

A xuíza investiga o antigo alcalde e o ex-edil Albino Vázquez para que "expliquen" a orixe de 17 ingresos nas contas do partido que suman case 27.000 euros

Neste contexto en xullo do ano pasado De Lara dirixiuse ao Banco Santander para pedir información sobre as contas investigadas, se ben a documentación que lle remitiu a entidade "non achega", segundo Aduanas, "nada novo" a respecto da "orixe dos dezasete ingresos". Este foi o motivo polo que o pasado febreiro un dos investigadores foi fisicamente á sucursal do centro de Santiago en que foron realizados os ingresos. Segundo consta nun informe agora integrado no caso e ao que tivo acceso Praza.gal un axente de Vixilancia Aduaneira entrevistouse coa directora da sucursal quen, dado que non traballaba na oficina no momento dos feitos, o remitiu a outro traballador que si desenvolvía as súas funcións na mesma oficina en 2011.

Aduanas coida que "puideron estar fraccionando os ingresos" para "evitar o control e a identificación esixida pola normativa vixente"

Sempre segundo ese informe o persoal do banco admitiu que quen efectuara os ingresos fora "un señor do PP que despois saíu elixido concelleiro con Conde Roa" cuxo nome descoñece. Tras sérenlle amosadas "dúas fotografías" identificou a Albino Vázquez como o autor dos depósitos, se ben agregou que "houbo outras persoas" que tamén realizaron ingresos, "pero non as coñece". Na documentación manexada polos investigadores figuran, xunto aos 17 ingresos non identificados, outros depósitos de 1.500 ou 2.500 euros efectuados en concepto de "doazóns" pola maioría dos edís que ocupaban os primeiros postos da lista de Conde Roa, pero estes identificados con nome e apelidos.

A maxistrada tamén cita como testemuñas o os antigos secretario e tesoureiro locais do partido

Neste contexto, Vixilancia Aduaneira e a propia xuíza manteñen as sospeitas sobre a orixe deste case 27.000 euros, así como pola razón pola que moitos dos ingresos foron realizados "no mesmo día e en operacións sucesivas, case no mesmo acto" e "sen que conste identificación física do ordenante". Como xa indicaran o pasado ano, os axentes "deducen" que "poderían estar fraccionando tales ingresos" para "evitar o control e a identificación esixida pola normativa vixente nese momento". Así, por exemplo, o 4 de maio de 2011 figuran tres ingresos por cadanseus 2.000 euros separados por apenas un minuto entre si. O día 5 dese mes, tamén nun intervalo dun minuto, foron achegados a unha das contas do partido 3.500 euros repartidos en tres ingresos.

Así, en virtude da providencia ditada por De Lara o pasado día 15, a maxistrada atende ás suxestións de Aduanas e imputa a Albino Vázquez para que "explique a orixe do diñeiro ingresado en efectivo" e a razón pola que foron efectuados "varios ingresos" sucesivos. Explicacións semellantes será as que lle pida ao ex-alcalde, que xa fora imputado neste caso en 2013. Tamén terán que pasar polos xulgados, pero en calidades de testemuñas, os antigos secretario e tesoureiro do PP de Santiago, así como os empregados do banco que foron cuestionados por Vixilancia Aduaneira na propia sucursal da entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.