A xuíza da Pokémon investiga 24 membros do PP ourensán por suposto financiamento ilegal

Feijóo e Baltar saúdanse en presenza de Rueda, no XV Congreso do PPdeG © PPdeG

A xuíza Pilar de Lara alarga a investigación en torno ao PP de Ourense. Apenas un mes despois de lanzarse a indagar o presunto financiamento irregular do partido baseándose no testemuño do seu ex xerente, Emilio Pascual, a maxistrada que instrúe o caso Pokémon emitiu este luns un novo auto para permitir que Vixilancia Aduaneira, o corpo da Axencia Tributaria que vén empregando como Policía Xudicial, poida recabar información sobre posibles facturas emitidas a nome de ata 24 dirixentes -un deles xa falecido- para determinar se, dalgún xeito, colaboraron na comisión de presuntos delitos de "apropiación indebida, suborno, tráfico de influencias e falsidade documental", así como eventuais delitos electorais.

Neste novo auto, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, a xuíza estende as sospeitas alén do ano 2010, cando a dirección do partido pasa das mans de José Luis Baltar ás do seu fillo, José Manuel Baltar. En ambos períodos a xuíza considera que se utilizou "idéntico sistema" para "encubrir supostos gastos do PP", sobre todo vinculados a publicidade electoral, os cales, "para non superar o límite legal establecido, serían facturados ao nome de diversas persoas xurídicas", de varias empresas, "así como a nome de diferentes persoas que ostentan cargos dentro do PP".

Neste escenario, De Lara diríxese a unha das empresas xa citadas no auto de novembro, a axencia publicitaria Planos, para que "facilite as facturas emitidas dende dende o ano 2005 ata a actualidade" ao nome dunha vintena de persoas, a comezar por baltar pai e fillo, o ex alcalde de Ourense Enrique Novoa e cargos da Xunta como o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e a directora xeral de Familia, Amparo González. Nesta relación figura tamén o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, a deputada Marta Rodríguez-Vispo e o subdelegado do Goberno central na provincia, Roberto Castro.

A xuíza pide facturas a nome de dous cargos da Xunta, dous deputados, o actual voceiro do PP ourensán e varios edís e ex edís

A mesma reclamación cúrsaa para facturas a nomes de edís actuais do PP da capital ourensá, como Mónica Mourelo, José Araújo, Belén Iglesias ou Aurelio Gómez. Tamén pide posibles facturas a nomes de ex edís como Eloína Núñez, actual xerente do hospital de Ourense e curmá do presidente da Xunta, a que fora  súa substituta na corporación, Noelia Pérez, e tamén de Francisco Campos, José Luis Sousa, Francisco Javier Rodríguez Novoa.

Noutra das empresas das que a investigación sospeita, Telemiño, que xa asegurou publicamente non estar implicada no caso, a xuíza pide facturas emitidas ao nome do senador Miguel Ángel Pérez de Juan e da concelleira no Carballiño Monserrat Caride. Asemade, olla de novo ao grupo municipal do PP en Ourense para pedir facturas ao nome do seu voceiro, secretario xeral provincial e vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, na empresa Nacher Publicidad, á que tamén lle pide a facturación que poida ter emitido para o deputado Guillermo Collarte. No caso desta última empresa as sospeitas sitúanse, sobre todo, do ano 2011 en diante.

De Lara sospeita que gastos do PP foron facturados "a nome de diferentes persoas" e empresas para "non superar o límite legal"

A xuíza considera necesario "analizar a forma de pago" destas facturas "e os conceptos facturados", xa que "a través deste procedemento poderíase estar burlando a lexislación electoral e de financiamento de partidos políticos, ademais de implicar un presunto delito de falsidade documental" xa que, segundo Pascual, o ex xerente do partido, "a referida facturación nos anos electorais non era abonada polos candidatos" aos que se lles facturaba, "senón polo propio partido, xeralmente en efectivo e non se reflectía na contabilidade oficial, porque os cartos procedían de doazóns ilicitamente recibidas e, polo tanto, non contabilizadas". Segundo De Lara "as afirmacións do señor Pascual víronse refrendadas" pola documentación que xa lle achegaron Telemiño e Planos, "aínda incompleta, pois falta facturación por achegar".

Sempre segundo a investigación, neste "elaborado sistema de facturación falsa e ficticia" tamén "colaborarían" empresas investigadas na propia operación Pokémon, como Aquagest, dúas empresas do Grupo Véndex, Financiera y Comunicaciones Coruñesa e a construtora Extraco. Todas elas deberán facilitarlle á maxistrada diversos documentos contables e as "facturas recibidas dende 2003 ata a actualidade" dende Planos e Telemiño, por se simularon cobramentos de servizos que realmente tiñan o PP como beneficiario.

Miranda, secretario de Emigración e González, directora de Familia © Conchi Paz
Rosendo Fernández, nun acto con Feijóo CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.