O PP cesou as críticas sobre a ORA en Lugo tras reunirse cun presunto líder da Pokémon

Feijóo, nun mitin en Lugo con Barreiro (esquerda) e o voceiro local, Jaime Castiñeira CC-BY PP

No verán de 2012 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a concesión do servizo de control de aparcamentos -a ORA- que o Concello de Lugo lle adxudicara á empresa Doal, do grupo Véndex. O alto tribunal galego dáballe así a razón á compañía Aparkisa, anterior adxudicataria, e daba lugar a unha intensa polémica política e social na cidade á que se sumou con non menos intensidade o PP local. A través dos seus edís os conservadores non só reclamaban a inmediata execución da sentenza, senón que chegaba a dubidar da validez das multas impostas. Unha xuntanza entre o líder do partido na provincia e un dos presuntos líderes da trama Pokémon puxo fin ás críticas, segundo a investigación do caso.

Atendendo a un informe incluído na parte do sumario sobre a que a xuíza Pilar de Lara vén de erguer o segredo, apenas "unha semana despois" de que o PP "dubidase da validez das multas da ORA" o delegado de Véndex en Galicia, José María Tutor, mantivo unha xuntanza co presidente do PP lucense e voceiro do partido no senado, José Manuel Barreiro, alcumado Chino pola suposta trama. Este encontro, segundo os investigadores, foi auspiciado por Javier Reguera, funcionario do Concello lucense. Segundo Reguera, "despois de ver a Tutor" Barreiro "vai cortar o vento". Tutor concorda e agrega, nos días en que os medios reflicten "as dúbidas do PP sobre a ORA en Lugo", que a formación "debería empezar a relaxar".

Tutor e Barreiro reuníronse na sede do PP de Lugo e no aeroporto da Coruña, segundo a investigación

Esa relaxación, din os investigadores, chega "despois do encontro de José Manuel Barreiro e José María Tutor no parking do aeroporto da Coruña", onde o responsable de Véndex acudiu recibir o popular, que viaxaba dende Madrid. Tras esa xuntanza, di Vixilancia Aduaneira, o PP "non volve manifestar publicamente a súa dúbida da validez da concesión da ORA en Lugo".

Vixilancia Aduaneira ten constancia de, cando menos, outras dúas xuntanzas de Barreiro con Tutor. Os investigadores datan a primeira en maio de 2011, cando a poucos días das eleccións municipais se citan e o responsable de Véndex lle "entrega un informe". A segunda celebrouse o 6 de xullo de 2012, en plena polémica pola ORA, na sede do PP na cidade. Esa cita foi concertada por teléfono, chamada que foi intervida polos axentes. Por este motivo, un dispositivo policial comprobou que o encontro, efectivamente, se producía. 

Feijóo, nun mitin en Lugo con Barreiro (esquerda) e o voceiro local, Jaime Castiñeira CC-BY PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.