O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Joaquín Brage, que substituíu no posto á sancionada Pilar de Lara, vén de concluír a investigación sobre a presunta adxudicación fraudulenta do contrato da ORA no Concello lucense no ano 2009 dentro da operación Pokémon. Faino mantendo como investigados e propoñendo xulgar a catro persoas: o que fora concelleiro do PSdeG Francisco Fernández Liñares, o presidente da empresa beneficiaria da adxudicación, Vendex, e mais ao seu responsable en Galicia, Gervasio R. e José María T., e tamén a un traballador do Concello que ademais era delegado da empresa que xestionaba anteriormente o servizo.
Nun auto ditado o pasado día 14 e feito público este 15 de marzo, o xuíz propón xulgar estas catro persoas por presuntos delitos de suborno e integración en grupo criminal por observar indicios dabondo. Arquiva a posibilidade de que fosen autores dun delito de tráfico de influencias e desbota, ademais, a imputación que pesaba sobre Xosé López Orozco, alcalde socialista de Lugo entre 1999 e 2015, que con este arquivo ve desaparecer a última da decena de acusacións que chegaran a pesar sobre el, todas elas co mesmo camiño ca esta.
No que supón o peche dunha instrución que se remonta ao ano 2014 na cuestión específica da ORA (De Lara iniciou a operación en 2011), o xuíz ve clara unha "actuación concertada dos catro investigados" para "amañar o concurso da ORA" e lograr que fose adxudicada de maneira "fraudulenta" a Doal, unha filial de Vendex. A "contraprestación" por facelo, sempre segundo o auto, era o pagamento de subornos a Fernández Liñares. Concretamente, de 3.500 euros mensuais que, segundo a investigación, eran enviados en efectivo dende a sede central de Vendex en Madrid ata Lugo mediante empresas de mensaxería.
O xuíz propón xulgar o ex-concelleiro Liñares, dous directivos de Vendex e un empregado do Concello que tamén traballaba para outra empresa do sector como supostos autores de delitos de suborno e integración en grupo criminal
Segundo consta no sumario do caso e o xuíz dá por válido, os cartos chegaban á atención do responsable de Vendex en Galicia, "nun sobre branco" e cos billetes "ocultos dentro de follas do xornal deportivo Marca". "Os envíos -continúa a resolución xudicial- estaban minuciosamente organizados e controlados pola organización" e realizábanse trimestralmente "aínda que o pagamento sexa mensual". Para confirmar a chegada dos cartos, dende a sede central referíanse a eles como "la pintura", "el convenio" ou "la prensa deportiva", indica.
Con esta operación, mantén, Doal logrou unha adxudicación coa que puido obter "un beneficio ilícito estimado" de 13,6 millóns de euros, toda vez que prestou o servizo dende a súa adxudicación ata o verán de 2015, cando o Concello, xa con Lara Méndez como alcaldesa, decidiu suspender a ORA na cidade ata a adxudicación dun novo concurso, que finalmente non chegou a aplicarse -neste marzo de 2022, a rexedora deu orde de retirar os parquímetros que aínda permanecían nas rúas, xa sen uso-. Polo camiño, en 2011, unha sentenza do contencioso-administrativo anulara o concurso.
Sobre Orozco, o auto conclúe que non hai "indicio ningún" de que recibise cartos da trama e que a acusación se baseaba en "suposicións"
No que se refire ao ex-alcalde Orozco, a quen De Lara atribuía a recepción de cartos da trama, o xuíz resolve o arquivo porque "non hai indicios de que isto fose así máis alá da interpretación dos axentes" de Vixilancia Aduaneira, aos que a maxistrada empregaba en funcións de policía xudicial. Malia á "amplísima investigación patrimonial levada a cabo" sobre Orozco "e a súa contorna familiar máis próxima", non foron detectados "incrementos que puideran reflectir o cobro de ningún tipo de comisión, mordida ou suborno", sobre os que "non hai máis que suposicións ou hipóteses" nun contexto sen "indicio ningún" de entregas de cartos.
No pasado 2021, cando a Fiscalía apoiou o arquivo desta última causa, que agora se concreta, Orozco manifestábase en declaracións a Praza.gal satisfeito por librarse de todas as imputacións, se ben matizaba que "o dano que me fixo [De Lara] é irreparable". Sobre as acusacións que pesan sobre Liñares (xa condenadoa cinco anos de cadea por suborno e prevaricación), o ex-rexedor asegurou estar "decepcionado" por uns feitos "totalmente inesperados". "Non obstante, hai que esperar" á firmeza de todos os cargos que pesan sobre el, matizaba: "Vou ser sempre o que defenda para todo o mundo a presunción de inocencia" porque, razoa, "eu sufrín na miña carne" todo o contrario.