Pokémon: perdón por ser corrupto en plena crise

Envíos de cartos de Véndex, fotografados polos investigadores © Vixilancia Aduaneira / Sumario do caso

No inicio do outono de 2012 estouraba a Operación Pokémon. A xuíza Pilar de Lara ordenaba varias detencións e as primeiras en saltar aos titulares da prensa foron as dos alcaldes de Ourense e Boqueixón. Xunto a eles compartía protagonismo Francisco Fernández Liñares, ex presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e antes home forte dos gobernos de Xosé López Orozco no Concello de Lugo. Ao ser chamado a declarar ante De Lara o que fora responsable en Lugo de áreas tan sensibles como Seguridade Cidadá, Urbanismo ou Economía admitiu que recibira pagamentos de múltiples empresas por importes que, sumados, achéganse aos 300.000 euros, pero antes quixo facer ver que, cando menos de palabra, estaba arrepentido do que fixera ata había pouco tempo.

Despois de ser informado de que sentaba ante a xuíza como "suposto autor de varios delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, falsidade documental" ou "revelación de segredos", Liñares solicitou poder "empezar" por "manifestar" o "meu absoluto arrepentimento". Así consta na gravación desa declaración, incluída na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública. O ex edil empezaba pedindo perdón porque "só faltaba que non o fixese". Esas desculpas, veu dicir, non chegaban tanto polo feito de que enriquecerse irregularmente sexa intrinsecamente malo, senón porque o fixo en plena crise económica.

Liñares di estar arrepentido por enriquecerse "ilicitamente" nun "momento de tanta crise"

El, admitiu no xulgado, fíxose "cun patrimonio indebido" mediante o "abuso" dos cargos que ostentaba e, polo tanto, "ilicitamente". E "nun momento de tanta crise", no que "tan mal o pasan moitas persoas", o que corresponde é "resarcir á sociedade" a través de Facenda, do Ministerio de Xustiza ou "onde proceda". No inicio desa longuísima declaración Liñares amósase disposto a devolver "a parte do meu patrimonio que corresponde ao que ilicitamente gañei", porque consideraba que "é o que procede e, en certa maneira, é o que pide a opinión social". "Iso é de agradecer e, cando menos, hónrao se o arrepentimento é sincero, como me dá a impresión", retrucoulle a xuíza.

Pagamentos mensuais das empresas

Tras o acto de contrición a xuíza entrou en materia instando a Liñares a ratificar se, como viñeran averiguando os investigadores, fora receptor de cartos de múltiples empresas concesionarias de servizos públicos. Lonxe de negalo, Fernández Liñares admitiu eses cobros e "a fórmula" a través da que se realizaban. "Todas eran empresas amigas miñas, coñecidas", evidencia o ex edil, e pagaban porque quedaban "moi agradecidas" por seren receptoras de contratos públicos. Esa, sinala, era a razón das súas "doazóns" e "compensacións".

"Todas eran empresas amigas miñas, coñecidas" que quedaban "moi agradecidas" por ter contratos públicos, declarou

Segundo Liñares non había "ningún pacto previo" ou "porcentaxe establecida" para os cartos que ía cobrar. Non obstante, "a través de Javier Reguera", funcionario do Concello de Lugo ligado a Liñares por, segundo o sumario, unha "excelente relación", recibía cada mes un sobre con 1.500 euros como contraprestación pola concesión á empresa Cechalva do servizo municipal de guindastre en Lugo. "De parte de quen" chegaban eses cartos? Preguntou a xuíza. "Non sabería dicirlle con exactitude". Ese diñeiro enviábao "a empresa en si mesma", respondeu o imputado. A través dun sistema semellante chegaban tamén os pagamentos de Doal, a empresa do grupo Véndex que xestiona a ORA en Lugo. Neste caso, a asignación eran 1.000 euros ao mes.

Pero, "por que se estableceu esta retribución mensual, en vez dun pagamento único como noutras ocasións?", cuestionou De Lara. "Non sabería contestarlle", retrucou Liñares, quen explica que Doal realizaba ese "agradecemento por que se lle concedese a ORA", aínda que, asegura, "eu non fixen nada para que se lles dese" esa adxudicación. Se cadra, especula, os pagamentos periódicos realizábanse porque "lles parecería máis doado de camuflar, ofrecéronmo eles", afirma. "E vostede non dixo que non", abondou a xuíza.

Liñares, tomando posesión como presidente da CHMS © Ministerio de Medio Ambiente

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.