O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo pecha a investigación da considerada como peza principal da Operación Pokémon. Faino máis dunha década despois de que a abrise a xuíza Pilar de Lara, sancionada en 2019 polo Poder Xudicial por atrasar e acumular macrocausas, abrindo múltiples pólas que convulsionaron a política galega durante máis dun lustro. O actual titular deste xulgado, Joaquín Brage, vén de ditar o auto no que pecha unha causa con "extensión fóra do común" (máis de 170.000 folios), "enrevesada" e "farragosa" e cunha duración "fóra do común" e que "non é imputable aos investigados", cuestión que, advirte, "deberá valorarse na fase procesual do xuízo oral se se chega a ela".
Unha década despois de que a xuíza Pilar de Lara abrise o caso, o actual titular do xulgado conclúe que Fernández Liñares recibiu máis de 100.000 euros por facilitar a adxudicación ilegal do guindastre do Concello de Lugo á empresa asturiana Cechalva e atribúelle media decena de delitos
Polo momento, no remate das pescudas, o maxistrado considera que hai probas dabondo para acusar de múltiplos delitos a quen fora edil socialista do Concello de Lugo e antigo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares -condenado o pasado marzo por suborno e prevaricación noutra causa, na actualidade pendente de recurso-. Concretamente, atribúelle suborno, violacións de segredos, negociacións prohibidas, falsidade en documento mercantil e branqueamento de capitais.
Tamén ordena seguir a causa contra outras doce persoas (entre elas, a súa esposa e varios empresarios) e arquivar o resto de imputacións. Entre elas, as que pesaban nesta peza sobre o ex-alcalde lucense Xosé Clemente López Orozco, para quen a Audiencia Provincial de Lugo xa arquivara en 2018 as acusacións de suposto suborno.
O groso dos feitos polos que o xuíz atribúe a Liñares delitos como suborno activo e pasivo, violación de segredos e negociacións prohibidas remóntanse ao ano 2004, cando o Concello de Lugo traballaba na contratación do servizo do guindastre municipal. Naquel tempo, indica o auto, a empresa asturiana Cechalva coñeceu de maneira "ilegal" as condicións do concurso público "antes que ningún outro" interesado a través de empresarios conectados con Liñares.
Na liña do ditaminado pola Audiencia en 2018, o xuíz conclúe que un dos sinalados membros da trama "fixo crer" que os cartos ían destinados ao ex-alcalde Orozco cando realmente eran para Liñares, a quen tamén acusa de branquealos por varias vías
Todos eles pactaron, conclúe o maxistrado, que a empresa "obtería a adxudicación" se os seus propietarios se comprometían "a pagar unha cantidade mensual de 2.000 euros" ás "autoridades do Concello de Lugo" como "gratificación". Un dos sinalados como membros da "trama", indica o auto, "fixo crer" aos propietarios de Cechalva que os cartos "irían destinados ao alcalde de Lugo", na altura López Orozco, pero tal acusación resultou ser "falsa". "En realidade, ditas cantidades de diñeiros entregábanse" a un intermediario que era o "encargado de darllas na man" a Liñares.
O daquela concelleiro de Economía e tenente da Alcaldía "a cambio de favorecer á empresa, obtiña importantes cantidades económicas como contraprestación" e ademais, unha "participación camuflada" na empresa, "en contra da prohibición legal" e "a través de homes de palla". En total, as pescudas conclúen que da "caixa B" de Cechalva saíron ata 110.000 euros para Liñares entre 2006 e 2009. Esa "caixa B" de Cechalva, agrega, apoiábase en boa parte en "facturas falsas" de varias empresas e ligados con estas, delitos contables en varias compañías.
Sempre segundo os feitos que o xuíz dá como probados, para "ocultar a orixe ilícita das súas ganancias", Fernández Liñares ingresou os cartos en varias contas e que el, a súa esposa e mais un empresario "non só se beneficiaron" deste diñeiro, senón que tamén "levaron a cabo determinadas operacións" para "introducilos no tráfico xurídico de forma aparentemente regular" mediante a compra de inmobles ou participacións en empresas, "realizándose multitude de operacións en efectivo" no que considera un delito de branqueo de capitais.
O auto sinala que, nos feitos investigados nesta peza, "non se aprecia comportamento delituoso ningún" por parte de Orozco, aínda pendente dunha última causa na que a Fiscalía tamén pide o arquivo
Sobre Orozco, alén de ratificar -na liña do ditado pola Audiencia hai tres anos- que as acusacións de recibir cartos eran "falsas", tamén desbota posibles delitos noutros feitos abordados nesta peza, como a tramitación dunha mini-central eléctrica, a adxudicación de publicidade nos autobuses urbanos ou na preparación de contratos para o concurso de liñas de buses. No ex-rexedor lucense "non se aprecia comportamento delituoso ningún", indica o auto, con independencia de que mantivese "unha relación de cercanía" con Liñares como membro do seu goberno. "Non hai indicio ningún de que cometese infracción punible de ningún tipo", agrega antes de remitirse ao último caso derivado da Pokémon do que aínda está pendente, a adxudicación do servizo da ORA e no que a Fiscalía pide tamén o arquivo.
As partes que comparecen no caso teñen dez días a partir da data do auto -o 30 de setembro- para formular as súas acusacións cara á apertura de xuízo oral, solicitar ou arquivo ou excepcionalmente, novas probas. Contra este auto cabe recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo.