Arquivada a póla do caso Pokémon sobre o PP de Santiago ao ser "imposible determinar" os delitos imputados por De Lara

Conde Roa e Albino Vázquez -na imaxe, na súa etapa no goberno de Santiago- veñen de ser exonerados © Concello de Santiago

"Un conglomerado de información, unido sen orde aparente e sen un criterio claro, e que atinxe a un número de feitos que nos resulta imposíbel de precisar". A titular do xulgado de instrución número un de Santiago, Ana López-Suevos, refírese deste xeito o que atopou ao ter que enfrontarse por segunda vez á peza da operación Pokémon que atinxía ao Concello de Santiago nos tempos do mandato do PP (2011-2015), especialmente ao breve período de Gerardo Conde Roa na alcaldía. Faino nun auto que vén de ditar e no que arquiva o conxunto da peza ao ver "imposíbel" poder chegar a "determinar" os delitos imputados por Pilar de Lara, a xuíza que abriu e impulsou a causa dende os xulgados de Lugo ata ser definitivamente sancionada polo Consello Xeral do Poder Xudicial o pasado xaneiro.

A xuíza López-Suevos ve na instrución de De Lara un "conglomerado se información" sen "un criterio claro" e con descricións "absolutamente xenéricas" dos delitos que atribuía a Conde Roa, membros do seu goberno, funcionarios e empresarios

Tras esa sanción, que supuxo a De Lara a perda do seu destino en Lugo, algunhas das pezas do caso Pokémon de presunta corrupción foron repartidas cara a outros xulgados. Este é o caso da peza referente a Santiago, que De Lara xa remitira ao xulgado compostelán en 2018 e que López-Suevos rexeitara por observar, xa daquela, "dificultades insalvábeis que impedían identificar cal é o obxecto de dito procedemento". Entre outras cousas, porque De Lara decidira remitir a causa a Compostela en 2014 pero non o fixera ata 2018, catro anos nos que "seguiu practicando dilixencias" sobre antigos cargos como Conde Roa, varios concelleiros ou empresarios da capital galega.

"Procesualmente -sinala López-Suevos-, actuouse co criterio contrario á lóxica de tramitación", porque no canto de "levar a cabo unha breve instrución e inhibirse ao xulgado competente", neste caso en Santiago, "o que se fixo foi ditar un auto de inhibición, pero seguir instruíndo a causa catro anos máis". Con este pano de fondo, neste 2020 a xuíza de Santiago atopouse cunha "descrición absolutamente xenérica" do que para De Lara eran múltiples presuntos delitos, pero que López-Suevos non é quen de aclarar.

A xuíza Pilar de Lara, nunha imaxe de arquivo da TVG © TVG

Así, De Lara baseábase en múltiples informes e testemuños para defender que o Goberno do PP en Santiago -e tamén un ex-edil do PSdeG, Bernardino Rama- incorreran en "presuntas irregularidades" en "diversas concellerías" e "por diversos concelleiros e funcionarios", que se "terían concertado con diversos grupos empresariais" para realizar adxudicacións irregulares, recibiren subornos e agasallos ou colaboraron "no suposto financiamento ilícito do PP". 

A xuíza reprocha que De Lara apenas concretase "as empresas supostamente favorecidas" ou os contratos presuntamente irregulares e nin sequera "individualizase minimamente a imputación que se dirixe contra cada un dos investigados"

Como máxima concreción, asegura López-Suevos, De Lara refírese á adxudicación "ilícita" do contrato para a xestión das multas do Concello de Santiago e da compra de autobuses, "posíbeis irregularidades no financiamento do PP mediante a achega de diñeiro por empresas adxudicatarias", contratacións de "enchufados", "retirada de multas" ou "tratos de favor para evitar sancións", así como irregularidades urbanísticas na Finca do Espiño, entre outros presuntos delitos. Todo, subliña, "sen concretar as empresas supostamente favorecidas nos concursos" e "sen identificar" de que contratacións en concreto se trataba. Tampouco estaba reflectida "a identidade dos supostos enchufados" ou "as multas que foron ilicitamente retiradas".

Todo, nun contexto -sempre segundo o duro auto- no que "tampouco se individualiza minimamente a imputación que se dirixe contra cada un dos investigados, cando é de supoñer que non todos eles participaron en cada unha das presuntas condutas delitivas". Case sete anos despois dos primeiros movementos de De Lara nesta póla do caso, "resúltanos imposíbel determinar con exactitude que feitos delitivos se atribúe a cada un deles" nun proceso no que De Lara seguiu incorporando "informes", "relatorios" ou escoitas telefónicas sen "coherencia" ata facer "imposíbel coñecer a liña de investigación" nun caso no que, cre López-Suevos, "tería sido desexábel a apertura dunha peza separada" para cada acusación.

Gerardo Conde Roa foi substituído na alcaldía de Santiago por Ángel Currás (na imaxe, en primeiro plano) en 2012, cando dimitiu por un caso de fraude fiscal como construtor © Concello de Santiago

López-Suevos declárase "perplexa" e cre que De Lara provocou "total indefensión" aos acusados

En síntese, a xuíza López-Suevos vese abocada a pechar un caso no que a súa "perplexidade" aumentou ao atopar, mentres estudaba "as 51 caixas de documentación remitidas" dende Lugo, expedientes e contratos sen "aparente" relación co caso, toda vez que se referían a outras institucións alleas ao Concello de Santiago, dende a Xunta ata concellos asturianos. López-Suevos agrega que, ademais, "moitos dos feitos que parece atribuírselles aos investigados estarían prescritos porque nunca lles foron formalmente imputados" a uns acusados que neste tempo padeceron "total indefensión" e "consecuencias gravísimas" no seu dereito á defensa.

"Moitos dos feitos que parece atribuír estarían prescritos porque nunca lles foron formalmente imputados", indica o duro auto de López-Suevos

Dado que non é posible aclarar se existiron ou non delitos e quen foron os seus presuntos autores, a xuíza resolve arquivar o conxunto da causa e levantar todas as medidas que puidesen pesar sobre os ata agora investigados -antiga imputación-. López-Suevos levántaas na súa totalidade porque mesmo ese aspecto resulta "confuso" e "non resulta fácil determinar cal é a situación de cada un deles", alén de casos concretos como a prohibición de viaxar ao estranxeiro para un deles. 

Deste xeito, fican exonerados da causa tanto Conde Roa como o seu ex-asesor Ángel Espadas e os ex-edís do PP Adrián Varela e Albino Vázquez e o ex-concelleiro socialista Bernardino Rama. O mesmo sucede con tres funcionarios e varios empresarios, ata un total de once persoas. Se algún deles chegou a cometer ou colaborar nalgún presunto delito dos que os acusaba De Lara, o xeito  en que a antiga xuíza de Lugo instruíu o caso vén de deixalos libres de calquera consecuencia legal por eles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.