A débeda con Facenda destitúe a Conde Roa da alcaldía de Santiago

Conde Roa, intres antes de comunicar a súa dimisión CC-BY-SA Merixo

Partiu. Os 291.000 euros de IVE cos que pagou débedas da súa empresa e algo máis dunha semana de presión mediática e política puxeron fin este luns aos 290 días de Gerardo Conde Roa como alcalde de Santiago na xornada en que o xuíz Vázquez Taín ratificou a súa imputación. De novo ante unha sala de prensa ateigada de xornalistas pero cunha posta en escena sensiblemente menos espectacular que sete días antes -non houbo presentación en vídeo, nin metáforas taurinas, nin apenas sorrisos- o rexedor popular anunciou a decisión que xa saltara á luz pública un día antes. Marchar é "o mellor para a miña familia", "beneficia ao meu partido" e, sobre todo, "á cidade á que amo", argumenta. Podería "resistir" pero Santiago "non merece un alcalde que estea na situación na que estou" porque "vale o que non está escrito". Aínda que el, matiza, marche "limpo" da vida pública".

Non sente Conde Roa "rancor" cara aos xornalistas que destaparon a súa presunta fraude, como tampouco sentiu "presión insoportable" ningunha de "ningún cargo" do PPdeG, asegura. "Os tempos márcoos eu, non mos marcan", asegura, e por iso "en ningún momento o presidente da Xunta me pediu a dimisión". "Esa é a verdade con maiúsculas" dunha situación na que Alberto Núñez Feijóo se limitou a "entender perfectamente" a marcha. Dende a defensa da propia "inocencia", que comezará cun recurso contra o auto de imputación, o compostelán basea a dimisión en que Santiago "é un Concello distinto ao que poidan ser todos". "Somos a capital de Galicia e aquí hai que dar un nivel".

Conde Roa marcha porque Santiago "non merece un alcalde" nas súas circunstancias e sen que Feijóo llo pedise, asegura

Ante todos os seus concelleiros, algún con bágoas nos ollos, e en presenza da súa muller Conde Roa explicou que "noutras cidades pode ser entendible que exista un alcalde nestas circunstancias", asegura, nunha afirmación non exenta de dardos dialécticos para socialistas e nacionalistas e enmarcada na estratexia argumental seguida polo PP dende hai días: equiparar este caso con outros existentes noutras latitudes partidarias e especialmente con un, o do lugués Xosé López Orozco, imputado no marco do caso Campeón polas acusacións do presunto líder da trama, Jorge Dorribo. E é que para o breve alcalde de Santiago "o máis patético que houbo neste proceso foi o comportamento da oposición". Non comprende que "levanten a súa voz" quen ten nas súas filas "outros cargos públicos por Galicia adiante" nunha situación procesual que, na súa opinión, é semellante. "O PP aquí marca un nivel de esixencia alto na vida pública, eu espero que tomen boa nota aqueles que estean nunha posición semellante á que eu me atopo".

Currás imponse na batalla sucesoria

Neste contexto, Conde Roa dimite como alcalde e fará o propio como concelleiro tras o pleno da sucesión, este mesmo martes. "A vida política é así", explica, para reafirmar que a súa retirada será total para ser coherente co seu espírito deportivo". "Eu subín xa uns cantos oito miles e volvo estar ao pé da montaña". E, a quen lle corresponderá a honra de ocupar, o posto "máis importante despois de ser Papa", segundo describe Conde Roa citando a Manuel Fraga? Despois da intensa negociación do domingo o agraciado parece ser Ángel Currás, ata agora tenente de alcalde e concelleiro de Cultura. Semella, polo tanto, que perde a batalla Paula Padro, número dous nas municipais e preferida pola dirección autonómica do partido pero non polos seus compañeiros de goberno local para unha operación que, ademais, motivaría un complicado movemento no grupo do PPdeG no Parlamento.

O cómico Leo Bassi, por quen Conde Roa dixo sentir "especial repugnancia", agardaba polo alcalde no Obradoiro

Igual que na propia dimisión Conde Roa asegura que a man de Feijóo tampouco tocou a operación sucesoria, como tampouco o fixo a súa propia. Por iso ambos se "retiraron" da xuntanza do domingo, asegura, para que os edís decidisen en "liberdade" . Tocaralle polo tanto ao ex xerente da Cidade da Cultura poñerse á fronte dun consistorio que nos últimos nove meses abandonou a súa tranquilidade e case pracidez política habitual para ocupar máis titulares dos que os composteláns desexarían. A xeito de síntese deste período podería ser situado o carácter multitudinario da comparecencia de despedida do alcalde, a presenza na mesma do seu escolta e, aínda máis, o feito de que no exterior do Pazo de Raxoi, en plena praza do Obradoiro, estivese a agardar pola saída de Conde Roa o cómico Leo Bassi, por quen o dimisionario declarou sentir "especial repugnancia". Vestido con traxe negro erixiu o popular en vítima mentres amosaba un cartel coa lenda "veni, vidi, vici". Algún dos edís que continúan no Concello deixou escapar cualificativos malsoantes contra o bufón ao cruzar o Obradoiro e decatarse da súa presenza. Pero fíxoo polo baixo.

A rolda espertou grande expectación CC-BY-SA Merixo
Bassi, agardando por Conde Roa CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.