Compostela non é unha cidade acostumada ás estridencias na súa política municipal. Contan os cronistas políticos locais con moitas horas de Concello nas costas que, ata esta década, non se lembraban máis eventos de relevancia -alén das lóxicas contendas electorais- que a substitución en 1998 do alcalde socialista Xerardo Estévez polo concelleiro Xosé Sánchez Bugallo. Así transcorreron case tres décadas, con alcaldes do PSOE, en solitario e con longos períodos de coalicións en boa avinza co BNG. Esa tendencia variou levemente na campaña electoral de 2007, co regreso de Gerardo Conde Roa área da política local para tentar o asalto á alcaldía que xa buscara en 1983, e variou definitivamente en 2011, coa súa vitoria por maioría nas urnas. Declaracións altisonantes, conflitos pouco habituais, ruxerruxes e, por último, unha presunta fraude fiscal, fixeron que a veciñanza de Santiago ollase durante 290 días máis veces das que querería cara ao Pazo de Raxoi, sede do Concello. Calmar esas augas é, precisamente, o primeiro reto do novo rexedor da capital, Ángel Currás.
Currás era o tenente alcalde de Conde Roa, pero practicamente ninguén o tiña nas quinielas que se viñan elaborando dende hai meses ante unha eventual substitución abrupta. O bastón de mando parecía estar a agardar por Paula Prado, número dous na lista electoral, a concelleira e tamén deputada que este martes tivo que pronunciar, con escaso entusiasmo, o nome do seu compañeiro de filas para propoñelo como novo alcalde. Preferida na dirección autonómica do PP pero en minoría no Concello, Prado seguirá, cando menos de momento, a ser unha edil máis dun goberno agora dirixido por un fiel a Conde Roa, no político e no persoal. Non en van, o que fora xerente da Cidade da Cultura en tempos de Fraga e Pérez Varela non aforrou eloxios ao alcalde dimisionario. Despois de xurar o cargo ante un crucifixo e recoller o bastón de mando, Currás amosou ante o ateigado salón de plenos o "cariño persoal" e "respecto institucional" cara a Conde Roa. "Dimite con dignidade" e esa circunstancia, di, "non se verá nunca empañada".
O que fora xerente do Gaiás con Fraga e Pérez Varela gaba a "dignidade" de Conde Roa, que dá a súa carreira política por rematada
"Ata calquera tarde en calquera xardín", despediuse Currás do seu antecesor no seu breve e bilingüe discurso. Antes, nun fugaz pleno extraordinario previo, Conde Roa presentara formalmente a renuncia como alcalde -como concelleiro fíxoo tras votarlle a Currás- e despedírase "sen rancor" e pedindo "perdón" polas veces en que puido "faltar ao respecto ou á dignidade" do Concello. "Aquí remata a miña carreira política", constatou. Tampouco os voceiros da oposición entraron apenas nas causas do cesamento, non era o día, subliñaron. Tanto Rubén Cela, do BNG, como Xosé Sánchez Bugallo, do PSdeG, coincidiron en desexarlle "sorte" no persoal ao ex alcalde. Como voceira do PP, Prado foi máis alá para sentenciar que, en nove meses, Conde Roa "liberou de calquera complexo" a cidade.
"Cambia o capitán, non a nave"
Coa responsabilidade de goberno sobre os ombros é agora a quenda de Currás, a quen se lle presenta como primeiro reto apaciguar a alterada vida política de Santiago pero, xunto a el, o de lograr que o seu equipo funcione en sincronía. O novo rexedor vende continuidade; "cambia o capitán" pero non "a nave", advirte, se ben dende o inicio muda as formas. Tras o pleno de investidura, reflexo da xeira que vén de rematar ata nas cuestións de intendencia -o responsable de protocolo tivo máis dun encontronazo cos xornalistas ante a sesión, instándoos a deixar espazo aos familiares do alcalde entrante e saínte-, amosouse convencido de ter o apoio dos seus doce compañeiros. "Levamos traballando moito dende hai anos, como non me vou sentir apoiado?", sinalou.
Currás asegura que a súa elección foi "unánime", eludindo a controversia con Paula Prado
Neste sentido, Currás "agradece" a "confianza" de Conde Roa e a do resto dos edís, e deixa caer que esa mesma confianza tena tamén do presidente da Xunta. "Calquera dos 12 sería un gran alcalde ou alcaldesa", mantén, ao ser cuestionado pola pugna con Paula Prado. "Sei que vou contar con eles para todo", zanxa e engade que "a unanimidade foi total" á hora de elixilo. Neste escenario de inicio é no que comezará a actuar o xa alcalde de Compostela, a quen agora lle corresponde reestruturar o goberno e tamén xestionar herdanzas complicadas, como o polémico proxecto da Finca do Espiño, os vetos a certos eventos culturais e, sobre todo, a indesexada notoriedade alén dos límites da cidade.