A sentenza considera probado que, como presidente da CHMS, Liñares adxudicaba contratos amañados con empresas a cambio de cartos ou traballos
A Audiencia Provincial de Lugo condena a cinco anos de cárcere por delitos de suborno e prevaricación o ex-presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) Francisco Fernández Liñares. O tribunal impúxolle tamén a inhabilitación para desempeñar emprego ou cargo público durante 20 anos, así como unha multa de 7.200 euros.
A sentenza considera acreditado que o acusado, entre 2009 e 2012 e na súa condición de presidente da CHMS, adxudicou contratos de obras a sociedades, con cuxos representantes se puxo de acordo, a cambio de cartos ou de prestacións de traballo nas súas propiedades.
A sentenza refírese a unha peza separada do caso Pokémon e ditamina sobre actuacións levadas a cabo polo socialista Fernández Liñares durante a súa etapa como presidente da CHMS, posto que ocupou tras ser nomeado polo Goberno de Rodríguez Zapatero. Nada xulga das acusacións, boa parte delas agora caídas, sobre as actuacións presuntamente irregulares que tería cometido como concelleiro nos gobernos de Xosé López Orozco, nos que fora responsable en Lugo de áreas como Seguridade Cidadá, Urbanismo ou Economía.
A sentenza refírese á súa actuación como presidente da Confederación e nada xulga das presuntas irregularidades polo caso Pokémon como concelleiro en Lugo
Fernández Liñares, sendo presidente da CHMS, segundo consta no ditame, adxudicaba as obras mediante procedementos negociados, polo que tiña a obriga de solicitar, como mínimo, ofertas a tres empresas antes de pechar os contratos. A sentenza sostén que o daquela presidente e os tres empresarios que concorrían ás licitacións xa pactaran previamente cal deles sería o adxudicatario do contrato. Os outros dous, polo tanto, presentábanse para darlle cobertura e aparencia de legalidade. As compañías aquendábanse para conseguir as adxudicacións.
Segundo destaca a sentenza, algúns dos empresarios implicados recoñeceron os feitos. As súas manifestacións, segundo o tribunal, “poñen de manifesto unha mesma mecánica de actuación, tanto nas ofertas con convites como na intervención do presidente da CHMS na realización das ofertas e, así mesmo, no concerto de pagos a cambio de obras”. Ademais destes testemuños, os maxistrados indican que as intervencións telefónicas e os seguimentos realizados durante a investigación “poñen ás claras as relacións habidas entre o presidente da CHMS e os acusados”.
Ademais, a Audiencia, condenou tamén oito empresarios implicados como autores dos mesmos delitos --suborno e prevaricación-- a un ano e tres meses de cárcere, seis anos de inhabilitación para emprego ou cargo público e seis meses de inhabilitación para obter subvencións e axudas públicas e para contratar con entes, organismos ou entidades que formen parte do sector público, así como a inhabilitación para gozar de beneficios ou incentivos fiscais e da Seguridade Social durante un ano e nove meses. O tribunal, no entanto, absolveu a un apoderado dunha das sociedades por falta de probas.