O xulgado de instrución número 1 de Lugo, noutrora encabezado pola sancionada xuíza Pilar de Lara, concluíu o pasado marzo a investigación sobre a presunta adxudicación fraudulenta do contrato da ORA no Concello lucense no ano 2009. Fíxoo propoñendo xulgar catro persoas: o ex-edil do PSdeG Francisco Fernández Liñares, o delegado en Galicia da empresa beneficiaria, Véndex, sinalada como suposto centro da trama corrupta e mais a un traballador do Concello. Tamén ao presidente e fundador de Véndex.
O ex-edil Liñares e outras tres persoas pactan coa Fiscalía un ano e catro meses de prisión e 6.000 euros de multa por suborno e pertenza a grupo criminal na adxudicación fraudulenta da ORA de Lugo en 2009
Este 7 de xullo, o mesmo xulgado ditou auto de apertura de xuízo oral e remitiuno á Audiencia Provincial de Lugo, pero con dous matices importantes. O primeiro, o acordo de Liñares, do ex-delegado de Véndex e do funcionario coa Fiscalía para aceptaren a condena, como autores de delitos de suborno e pertenza a grupo criminal, dun ano e catro meses de prisión, multa de 6.000 euros e dous anos de inhabilitación. O segundo, que o fundador de Véndex e considerado pola amplísima investigación como clave da rede, Gervasio R., virou inimputable por razóns de saúde.
Nun auto emitido o día previo, o 6 de xullo, o mesmo xulgado acredita que o pasado día 5 que a representación legal de Gervasio R., de avanzada idade, solicitou o arquivo da causa contra o seu defendido "anexando, entre outros" un "informe médico-forense que acredita que padece un deterioro cognitivo leve-moderado de orixe vascular". Esa doenza, agrega, "non lle permite testificar con garantía" e ademais, que o posible xuízo sería un "xerador de estrés", polo que sería "recomendable" que non asistise.
Tras examinar un informe médico, o xuíz conclúe que o "deterioro cognitivo leve-moderado" do fundador de Véndex fai que proceda arquivar a causa contra el e que tampouco teña que asistir ao eventual xuízo
O xuíz compartiu coa Fiscalía este informes e o resultado é a "falta de imputabilidade criminal clara" do fundador de Vendex. Por iso, apoiándose na lei de axuizamento criminal e nunha sentenza previa dun caso semellante, acorda o arquivo desta mesma causa contra el. Na mesma liña, xa non considera "procedente que se resolva no xuízo oral sobre eventuais medidas de seguridade, á vista dos feitos que se imputaban nesta causa" ao fundador de Vendex, semellantes ás do resto de acusados.
Neste escenario, o xuíz ordena o arquivo da causa para o fundador de Vendex e "deixar sen efecto" todas as medidas cautelares que pesasen contra el. Tamén a devolución da fianza e efectos persoais que lle interviñesen.
Fica acreditada así, a efectos prácticos, outra das consecuencias colaterais da prolongadísima instrución do caso Pokémon, lanzado pola xuíza De Lara no ano 2011. A operación, que supuxo todo un terremoto na vida política galega, suma múltiples arquivos dende que a maxistrada foi sancionada e as diversas pezas do caso, asumidas por outras xuízas e xuíces.