Erros do xulgado da Pokémon en Lugo desmontan unha causa por tráfico de drogas en Barcelona

Pazo de Xustiza de Barcelona, onde se atopan as seccións da Audiencia CC-BY Enfo

No ano 2016, a xuíza Pilar de Lara era a responsable do caso Pokémon como titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, dende onde ela mesma abrira esa operación contra a corrupción media década antes. Pero instruía tamén varias casos máis de ampla dimensión nun clima social, político e xudicial de receo crecente cara ás macrocausas, instrucións eternas que abrían múltiples pólas e sinalaban infinidade de persoas sen chegar a conclusión ningunha. Pola acumulación desas causas foi sancionada e perdeu o posto en 2020.

Naquel ano, De Lara lanzou no seu xulgado de Lugo unha causa contra o tráfico de drogas cunha "enorme cantidade de persoas investigadas". Así o recolle unha sentenza da sección terceira da Audiencia Provincial de Barcelona datada en maio deste 2022 e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal. Nela consta como os erros do xulgado da Pokémon veñen de desmontar este caso contra o tráfico de estupefacientes en Catalunya.

Sede dos xulgados de instrución de Lugo CC-BY-SA Praza.gal

Sempre segundo a sentenza, ditada por unanimidade do presidente e as dúas maxistradas que compoñen a sala, no ano 2017 a xuíza De Lara considerou necesario abrir unha peza separada dentro da súa operación contra as drogas. Nela acusaba dun delito contra a saúde pública a un home residente en Santa Coloma de Gramenet (Barcelona) que "podería formar parte doutra doutra estrutura organizativa dedicada tamén ao tráfico de drogas" e, ligado con el, a outras dúas persoas (a súa irmá e a súa sobriña). Nesas dilixencias foi acordada "a intervención dos teléfonos" do investigado e a inhibición a prol dos xulgados da localidade catalá, "que continúan a intervención telefónica".

A ausencia da documentación que sustentou o inicio das intervencións telefónicas nos oito tomos que o xulgado que dirixía De Lara remitiu a Barcelona na peza separada sobre este caso obrigou a anulalas

Ao recibir a causa, o xulgado catalán pediu formalmente á Garda Civil de Lugo que o informase sobre o estado das pescudas mentres, ao tempo, examinaba os "oito tomos" de documentación que lle remitira De Lara. Pero neses tomos "non constan nin a resolución xudicial que acorda a intervención telefónica" nin "todas as peticións e resolucións de prórroga". Só figura, di a sentenza da Audiencia, "unha fotocopia da carátula de ditas dilixencias", pero non o auto que deu lugar ás escoitas que desencadearan todo o proceso en novembro de 2016.

"Non están os testemuños da resolución xudicial que acorda a intervención telefónica nin todas as peticións e resolucións de prórroga recaídas no procedemento de orixe", resume. Polo tanto, "non se poden validar as intervencións telefónicas acordadas" na segunda causa, xa que foron ordenadas "con base a informacións obtidas en intervencións telefónicas doutra causa" das que non consta a documentación legalmente esixible. 

A xuíza Pilar de Lara, nunha imaxe de arquivo da TVG © TVG

Durante o proceso, a defensa solicitara anular as intervencións telefónicas decididas dende Lugo por considerar que a Policía as solicitara a partir de "indicios e conversas insuficientes" e que, ademais, foran resumidas de maneira "abstracta" e sen "xustificación". Pero a Audiencia sinala que nin sequera cómpre deterse a examinar estes argumentos ao faltar a devandita documentación, que obriga a desbotalas. E "a nulidade da intervención telefónica implica a inexistencia da organización ou grupo criminal" ao que investigaban, xa que "a súa existencia" estaba probada "necesariamente" polas conversas telefónicas.

"A nulidade da intervención telefónica implica a inexistencia da organización criminal" que era investigada, "arrastra todo o obtido nos seguimentos e rexistros" e obriga á absolución de dúas das tres persoas procesadas

"A intervención telefónica -abonda foi a única fonte de coñecemento que guiou toda a actividade policial e xudicial nesta causa", polo que a súa anulación "arrastra todo o obtido nos seguimentos e rexistros domiciliarios". As consecuencias é que dúas das tres persoas acusadas son absoltas, xa que eran acusadas de colaborar cunha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas que agora deixa de existir a estes efectos.

O terceiro procesado si é condenado, pero unicamente porque durante o xuízo admitiu que "as substancias atopadas" nas casas das súas familiares (35 quilos de haxix) eran súas, así como diversas cantidades de cartos. A sentenza aplícalle atenuantes de drogadicción e dilacións indebidas, polo que a condena imposta quedou nun ano e medio de prisión e 120.000 euros de multa. Ao inicio do proceso a Fiscalía pedira 12 anos e medio de prisión para o agora único condenado e 7 para as agora absoltas e durante o xuízo pasara a solicitar 6 anos para as tres persoas.

Todo isto sucede mentres, nos xulgados de Lugo e noutros puntos de Galicia, as maxistradas e maxistrados que tiveron que asumir as diversas pólas do caso Pokémon tras a sanción a De Lara van resolvendo aos poucos as pezas pendentes. Unha ampla maioría están finalizando en arquivos ou absolucións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.