A precariedade nos servizos sociais en Galicia lanza as traballadoras á folga

Mobilización de persoal de infantil, discapacidade e menores, en Santiago CC-BY-NC-ND CIG

O persoal dos servizos sociais en Galicia segue a clamar contra a súa precariedade. O do sector dos coidados —que traballa en residencias de maiores e centros de día privados e mais no Servizos de Axuda no Fogar (SAF)— viviu este pasado martes a súa sétima xornada de folga desde setembro e con mobilizacións en varias localidades galegas para reclamar convenios dignos e mellores condicións laborais e na atención. Para este xoves, é o persoal dos sectores de discapacidade, protección de menores e da primeira etapa de educación infantil (de 0 a 3 anos) o que está chamado a un paro conxunto e a unha manifestación ante a sede da Xunta cunhas demandas semellantes ás das compañeiras que saíron á rúa onte. 

O persoal de residencias e SAF acumula sete xornadas de folga contra a precariedade e por convenios "dignos"; o de discapacidade, protección de menores e educación infantil ten paro este xoves

Compañeiras porque a inmensa maioría do persoal que traballa no amplo e diverso mundo que conforman os servizos sociais en Galicia son mulleres. Un sector feminizado con traballadoras con salarios que roldan o salario mínimo en case todos os casos, moitas delas con contratos parciais e nunhas condicións precarias nuns labores de importante desgaste físico e mental. Nun país cun elevado número de persoas dependentes que atender. 

Mobilización en Ponteareas durante a folga no sector dos coidados CC-BY-NC-ND CIG

En total, este martes e xoves foron chamadas á folga pola CIG —sindicato maioritario no ámbito de servizos sociais— arredor de 15.000 traballadoras, entre as 5.000 das escolas infantís privadas ou de xestión indirecta, centros de atención á discapacidade e de menores, e as 10.000 de axuda no fogar, centros de día e residencias. En ambos casos, e aínda que case todas elas dependen de compañías privadas ou entidades sen ánimo de lucro, as protestas sinalan a Consellería de Política Social e a súa titular, Fabiola García, a quen a CIG acusa de "desleixo" e "complicidade" coas patronais, ás que sinalan por non querer sentar para negociar uns "convenios dignos". 

Arredor de 15.000 traballadoras son chamadas á mobilización este día en varios sectores feminizados, con baixos salarios e xornadas parciais

En moitos casos nin tan sequera os teñen. O SAF leva máis dunha década —desde 2012— sen el; no caso das residencias, desde 2023. Debido a isto, denuncia o sindicato nacionalista, "o persoal do sector padece condicións de precariedade e baixos salarios dende hai anos". "Por moito que a Xunta non xestione directamente a maioría destes servizos, é a máxima responsable porque o sector da dependencia depende da Consellería de Política Social", explica Carlos Alján, secretario nacional de CIG-Servizos. 

Velaí unha das claves ou a principal do problema, segundo o persoal afectado: a Xunta non só deriva a xestión a terceiros, senón que se "desentende" do seu control e de garantir unhas condicións dignas, tanto para o persoal como para as persoas usuarias dos servizos. "As empresas veñen facer negocio; é a Xunta quen omite ese control para que as prestacións se dean en boas condicións e non en precario", explica Alján a Praza.gal, que reclama a Política Social que faga sentar as patronais para negociar e mellorar a situación. 

A CIG sinala a Política Social por "desleixo" e "complicidade" coas patronais, que manteñen persoal sen convenio ou en condicións precarias en servizos externalizados pola Xunta

O mesmo reclama Henrique García, responsable de Ensino Privada da CIG, que denuncia o "desleixo" de Política Social ante as precariedade en escolas infantís, discapacidade e protección de menores. Tamén chama ás patronais a ser "valentes" para "constituír mesas negociadoras no Consello Galego de Relacións Laborais en cada un dos sectores" co obxectivo de "dignificar as condicións laborais e salariais do seu persoal, pero tamén de garantir un financiamento axeitado para prestar os servizos esenciais que a administración delega nelas".

Mobilización en Cervo durante a folga no sector dos coidados CC-BY-NC-ND CIG

75% do persoal cobra o SMI ou menos

Desde os sindicatos convocantes —no caso deste xoves a CIG, co apoio dos minoritarios CUT e SNEP—, aclárase que a maioría dos centros de protección de menores e reforma e de atención á discapacidade en Galicia están "xestionados por patronais, asociacións e empresas privadas que dependen da administración ao ser entidades sen ánimo de lucro". "Por decisión política, a Xunta abandonou a xestión directa destes servizos públicos que atenden a persoas en situacións de máxima vulnerabilidade, concertando ou conveniando a súa xestión con entidades privadas a baixo custo. Tanto, que as propias entidades se queixan da falta de financiamento suficiente para dar un servizo decente", explican. 

No caso das escolas infantís de 0 a 3 anos, inciden, a decisión da Xunta de universalizar a gratuidade do servizo "non supuxo ningún avance nas ratios, nin mellora das condicións laborais das traballadoras". Como lembra a CIG, malia que realizan o mesmo traballo que na rede pública de Galiñas Azuis, perciben salarios "no limiar do SMI". Os cálculos, no caso dos tres sectores chamados este xoves á folga, é que arredor do 75% do persoal cobra o salario mínimo ou menos, ademais de sufrir xornadas excesivas ou non cobrar complementos de perigosidade ou nocturnidade. 

Os salarios no SAF superan por pouco o SMI pero a maioría do persoal ten contratos a xornada parcial e deben dispoñer de vehículo propio para se desprazar

No caso do SAF, como explica Alján, os salarios superan por pouco o SMI ao irse incrementando cada ano co IPC, pero "o problema gordo" neste caso é a contratación: "A maioría das traballadoras teñen contratos a xornada parcial, sendo moi poucas as que o teñen a xornada completa". Ademais, engade, teñen unha particularidade máis, xa que deben dispoñer de vehículo propio para desprazarse entre domicilios. "E iso en Galicia, coa dispersión poboacional e a cantidade de zonas rurais que hai, supón importantes distancias e elevados gastos... É o comido polo servido", resume. 

No caso das residencias, explica, o soldo é o salario mínimo e, ademais, "igualado para todas as categorías", xa sexas xerocultora, auxiliar de cociña ou auxiliar de enfermería. "A día de hoxe, calquera persoa que entre a traballar cobrará o mesmo que a que leva anos", denuncia sobre a inclusión de antigüidade e pluses nun salario total que rolda ese SMI e que non sobe. 

Mobilización en Moaña durante a folga do sector de coidados CC-BY-NC-ND CIG

Alján aclara que entre as reivindicacións das protestas das últimas semanas está tamén a dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas, unha entidade que integre os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar; e outros recursos como Casas Niño, Casas do Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado. “Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais do persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio”, reclaman. 

Entre as demandas, a creación dun sistema público galego que integre centros de día, de maiores, de atención á diversidade ou o SAF e co mesmo convenio

Pola súa banda, e ademais de convenios dignos, García demanda que estes sexan "galegos" como "única vía real e posible para darlle resposta ás reivindicacións do persoal traballador", dado que, segundo di, os tres convenios estatais polo que se regulan as actividades chamadas este xoves á folga, "negociación tras negociación, non resolven a precariedade existente". Mesmo inciden en "discriminacións" entre o persoal ao estabelecer táboas salariais diferenciadas entre os contratos de nova licitación e os que están en vigor. 

Protocolo do SAF

Por outra banda, e respecto precisamente ao do SAF, este pasado martes celebrouse na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a segunda xuntanza da mesa de traballo para a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal. Nela coñeceuse a proposta elaborada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e que xa anunciar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Desde a Fegamp lembran a “urxencia de concretar contidos, recursos e responsabilidades no desenvolvemento seguro do SAF, para que tanto as traballadoras desenvolvan o seu labor en condicións de seguridade, e que as persoas dependentes reciban o servizo de atención que necesitan”. 

Desde a CIG cualificouse a proposta dun simple "esqueleto" para encher coas propostas de persoas expertas do sector, “o que deixa totalmente en evidencia o anuncio de Rueda, que se apropiou dun documento do Issga para vendelo coma un protocolo, cando nin sequera existe porque se trata só dun esquema de traballo”. 

CCOO, pola súa banda, tamén reclamou "un protocolo real e eficaz que garanta a seguridade das traballadoras". "A ambigüidade actual deixa as auxiliares desprotexidas ante situacións de risco e violencia", sinalou Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO do Hábitat. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.