Un ano de espera pola dependencia en Galicia malia ser onde máis sobe a poboación atendida

Unha muller anciá en cadeira de rodas CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Mentres se aproxima o vixésimo aniversario da súa posta en marcha, as esperas para poder acceder aos dereitos contemplados na Lei de Dependencia seguen sendo unha das principais eivas dun sistema concibido para ser cofinanciado ao 50% polas autonomías e o Goberno de España, o cal aínda non chegou a suceder. Estas demoras son moi dispares entre autonomías e entre elas segue destacando Galicia malia experimentar unha significativa redución nos últimos meses.

A demora media para acceder a prestacións da dependencia sitúase en 361 días, por riba da media estatal

A vixésimo quinta edición do Observatorio da Dependencia, o relatorio sobre a marcha destas prestacións que elabora periodicamente a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, amosa como en Galicia segue a pasar, de media, practicamente un ano dende que unha persoa solicita ser atendida ao abeiro da Lei de Dependencia ata que recibe algún tipo de atención (quer servizos, quer prestacións económicas). Son, concretamente, 361 días, segundo os datos elaborados por este colectivo a partir da información do Imserso.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a demora galega está por riba da media estatal (342 días) e é a cuarta máis elevada. Só presentan datos máis avultados os sistemas de atención á dependencia en Andalucía, Murcia e Canarias. As esperas menos prolongadas son as de Castilla y León (media de 113 días), Euskadi (129) e Aragón (163).

Política Social atribúe o incremento dun 10% de poboación atendida ao seu "plan de choque". O BNG reclama máis financiamento para a axuda no fogar ata 20 euros por hora

O dato de espera galego amosa ata que punto a xestión do sistema, dependente da Consellería de Política Social, acumula un abondoso lastre nos últimos anos. Non en van, Galicia chega a esa demora media de 361 días tras, destaca a asociación, reducir o seu indicador en 25 días dende que comezou 2025 (a cuarta autonomía que máis o reduciu) e, no mesmo período, ser a que porcentualmente máis aumentou en poboación atendida. O Ministerio de Dereitos Sociais, que fixo balance do sistema este 8 de xullo, reduce esa diminución galega a -19 días no último ano.

Sempre segundo os datos que o Observatorio tira do Imserso, o incremento interanual de persoas con servizos ou prestacións da lei de dependencia en Galicia situábase a 30 de xuño no 10%. As seguintes autonomías con maior incremento son Canarias (+6,7%) e Asturias (+5,9%). Política Social atribúe esta mellora relativa ao "plan de choque" co que o departamento que dirixe Fabiola García procura "axilizar" e "simplificar" os trámites de valoración da dependencia e mais da discapacidade.

A asociación impulsora do Observatorio da Dependencia insta tamén, non obstante, a ler con cautela estes incrementos -tanto en Galicia como noutras autonomías porque "continúa a tendencia de incremento de servizos low cost", caso da "prestación por coidados na contorna familiar ou teleasistencia" mentres persisten déficits en áreas como as prazas de residencia públicas.

A cifra de persoas atendidas, que supera por primeira vez as 84.000, aumenta cada ano dende que en 2015 rematou a moratoria que o Goberno de Rajoy impuxo durante tres anos por razóns orzamentarias

Neste sentido, o balance do Ministerio resalta que "a teleasistencia e a axuda a domicilio se consolidan como os servizos profesionais máis habituais" na atención á dependencia "despois de medrar un 119% e un 42,5%" dende 2020 no total estatal. Os centros de día, pola súa banda, aumentan un 24%. 

O financiamento da axuda no fogar e das axudas por coidado de familiares dependentes, precisamente, segue sendo cabalo de batalla no noso país, onde esta mesma semana o BNG reclama no Parlamento o incremento de ambas partidas. Concretamente, a iniciativa impulsada pola deputada Olalla Rodil procura "o incremento do financiamento que reciben os concellos polo SAF até chegar en dous anos a 20 euros por hora" e "permitir que os concellos poidan seguir prestando un servizo que deben soster Xunta e Estado e que ten un custo real de 23,6" euros por hora, segundo datos da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Todo isto sucede nun contexto xeral no que os datos oficiais dos sistema indican que as persoas que están a recibir algún tipo de prestación ao abeiro da lei de dependencia en Galicia superan por primeira vez as 84.000. O incremento desta cifra é sostido no tempo dende que, en 2015, rematou a moratoria aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy para, por razóns orzamentarias, bloquear a entrada da poboación con dependencia moderada durante máis de tres anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.