Denuncian a "aposta" da Xunta por converter o sistema público de dependencia en "beneficencia low cost"

Presentación pública do Grupo Promotor da ASGADeD © ASGADeD

A nova asociación denuncia a "aposta clara" da Xunta de converter o Sistema Público Galego de Dependencia "nun Sistema de Beneficencia Low Cost”, con eivas como a baixa intensidade dos servizos e as "ínfimas contías" das prestacións económicas

Este martes presentouse en Compostela o Grupo Promotor da ASGADeD (Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade), unha entidade que nace pola "preocupación" ante a situación actual dos servizos públicos da dependencia e discapacidade en Galicia.

A asociación denuncia a "aposta clara" da Xunta de converter o Sistema Público Galego de Dependencia "nun Sistema de Beneficencia Low Cost”, con eivas como a baixa intensidade dos servizos e as ínfimas contías das prestacións económicas que se prestan desde o sistema e o seu infrafinanciamento crónico. 

Margarita Prieto, na presentación pública do Grupo Promotor da ASGADeD © ASGADeD

"A escaseza de residencias públicas está obrigando a moitos dependentes que non poden pagar as disparatadas cifras esixidas polas residencias privadas -máis de 3.000 euros a mes nalgúns casos- a desprazarse a residencias situadas a centos de quilómetros dos seus fogares", denuncia a entidade

Ademais, a entidade alerta de que a prestación directa de coidados no fogar a través do Servizo de Atención no Fogar (SAF) "non só non está a medrar, como debería, senón que desde a Xunta se está seguindo unha política de ir reducindo progresivamente a súa importancia". En cambio, sinalan, "estase a incentivar por parte da Administración a solicitude e concesión da Prestación Económica de Coidados no Entorno Familiar (PECEF), unha prestación que a propia Lei de Dependencia establece como de carácter excepcional".

A ASGADeD tamén denuncia a escaseza de residencias públicas en Galicia, "especialmente grave na metade occidental de Galicia onde a última residencia pública foi creada no ano 2007", en referencia á situada en Volta do Castro, Santiago. "A escaseza de residencias públicas está obrigando a moitos dependentes que non poden pagar as disparatadas cifras esixidas polas residencias privadas -máis de 3.000 euros a mes nalgúns casos- a desprazarse a residencias situadas a centos de quilómetros dos seus fogares", sinalan.

A ASGADeD nace co obxectivo de defender uns servizos sociais da dependencia e discapacidade "de calidade, que cubran as necesidades reais das persoas dependentes e que, ademais, se caractericen por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas"

A entidade critica a estratexia do Goberno galego de "favorecer dun xeito descarado a privatización do sistema da dependencia", canalizando os recursos públicos da dependencia cara as empresas privadas do sector. Estas empresas, ademais, "nunha moi alta proporción de casos" pertencen a Fondos de Investimento (“fondos voitre”) estranxeiros "que teñen coma principal obxectivo non o correcto coidado das persoas en situación de dependencia, senón a maximización de beneficios".

Para as persoas en situación de dependencia, a consecuencia desta política "é que teñen que soportar un sistema de dependencia carísimo para o usuario, cunha calidade dos coidados, como regra xeral, claramente mellorábel, e abertamente precarizado en recursos e en persoal".

Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

“Envellecer na casa debe ser un principio esencial dos servizos sociais, polo que é fundamental que existan uns fortes servizos de proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Teleasistencia, ...) que permitan adiar a institucionalización", sinalan

A ASGADeD nace co obxectivo de defender uns servizos sociais da dependencia e discapacidade "de calidade, que cubran as necesidades reais das persoas dependentes e que, ademais, se caractericen por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas". 

“Envellecer na casa debe ser un principio esencial dos servizos sociais, polo que é fundamental que existan uns fortes servizos de proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Teleasistencia, ...) que permitan adiar a institucionalización, é dicir, o ingreso nun Centro Residencial, ata o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio", sinala a nova entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.