O número dous do ministerio reprocha ao Goberno galego que se desmarcase do novo modelo de residencias acordado a nivel estatal tras a COVID, fronte ao que Política Social opta por manter as rateos de persoal de hai tres décadas
"Situacións como esta teñen que abordarse desde o aumento de profesionais". Así se pronunciou o sábado o secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla, ante o brote de sarna detectado nunha residencia de maiores da Fundación San Rosendo en Covelo. Segundo revelou Faro de Vigo, tras aparecer o brote no centro morreron dúas persoas, falecementos que a Xunta desvincula desa enfermidade.
En todo caso, o número dous do ministerio reprocha ao Goberno galego que se desmarcase do novo modelo de residencias acordado a nivel estatal tras a pandemia da COVID-19, fronte ao que a Consellería de Política Social optou por manter as mesmas rateos de persoal fixadas desde hai tres décadas.
O brote de sarna na residencia da Fundación San Rosendo transcendeu coincidindo coa presenza en Ourense, nun acto do PSdeG, do número 2 do Ministerio de Sanidade, Javier Padilla, de Más Madrid, como a ministra Mónica García. Preguntado polo caso de Covelo e se as administracións están a facer os deberes nas residencias tras a pandemia do coronavirus, Padilla lembrou que o Goberno de España impulsou un novo modelo de residencias que "sabemos que non é unha realidade na maioría dos territorios". Referíase ao acordo de 2022 entre Estado e comunidades, do que se desmarcaron varias como Galicia, que apostaba por un progresivo aumento das rateos de persoal de atención directa a residentes.
Padilla salientou que "situacións como esta", en referencia á de Covelo, "teñen que abordarse desde o aumento dos profesionais, desde unha maior profesionalización e formación deses profesionais, e iso pasa tamén por unha maior capitalización dos servizos sociais e, en concreto, dos centros sociosanitarios".
Porén, fronte ao acordo estatal para aumentar as rateos de persoal, que contou co apoio de entidades do sector, a Xunta optou por manter as mesmas rateos xa existentes, que datan de 1996. Só hai un mes aprobou unha modificación moi puntual do documento que regula a atención nas residencias, para mellorar só a rateo de persoal de enfermaría, non das coidadoras que son o persoal maioritario.
Sen mudar as rateos de coidadoras de 1996, hai un mes a Xunta pasou a esixir persoal de enfermaría localizable nas residencias de menos de 40 prazas, pero ao tempo deixou de obrigar que os centros máis grandes tivesen sempre enfermeiras presenciais
A mudanza amplía a esixencia de persoal de enfermaría tamén a centros con menos de 40 residentes, que ata agora non tiñan esa obriga. Pero esa esixencia é só de persoal localizado, non presencial, isto é, que acuda se é requirido. Un cambio que supón rebaixar as esixencias nas residencias de máis de 40 prazas, onde ata agora debía haber sempre persoal de enfermaría de xeito presencial e agora, segundo confirma Política Social, só deberá estar localizable.
Malia modificar estas consideracións a respecto do persoal de enfermaría, a nova regulamentación agora aprobada pola Xunta decidiu manter as mesmas rateos do groso do persoal, as coidadoras de atención directa, que as que viña habendo desde 1996, obviando novamente o acordo estatal de progresiva mellora nese eido.