Na primavera de 1996 a Xunta estaba culminando o proceso de asunción das competencias en materia de servizos sociais, que tiña aglutinadas coas de sanidade nunha mesma consellería encabezada por José Manuel Romay Beccaría co seu principal discípulo político, Alberto Núñez Feijóo, como número dous. Foi daquela cando o Goberno galego ditou por primeira vez unha orde para regular os requisitos mínimos dos centros de atención á terceira idade, dende as características dos edificios ao persoal.
Política Social di ver agora evidente que cómpre mudar a regulación do persoal de enfermaría nas residencias fixada en 1996, que só obriga a presenza física 24 horas destas profesionais para centros con máis de 40 residentes
Xa transcorreron, daquela, case trinta anos dende que foi ditada unha norma para regular un eido con abondosas novidades neste tempo. Dende o obvio envellecemento da poboación galega ata mudanzas normativas tan relevantes como a lei de dependencia. Non obstante, ata agora só fora modificada dúas veces, en 2022 e 2023, para que atinxise tamén ás vivendas colaborativas, tipo de centro inexistente en 1996. Agora chega a terceira modificación para ampliar os servizos de enfermaría nas residencias, pero tamén para manter as rateos xerais de persoal en niveis de hai tres décadas.
Este 13 de decembro a Consellería de Política Social publicou no DOG unha nova orde na que alude á "experiencia acumulada" dende 1996 para considerar unha "evidencia" que para "acadar unha mellor atención ás persoas usuarias dos centros residenciais de atención a persoas maiores" cómpre "establecer un rateo de persoal de enfermaría proporcional en función do grao de dependencia das persoas usuarias". Ata agora, só as residencias a partir de 40 prazas debían contar con persoal de enfermaría -na orde de 1996, coas antigas denominacións "ATS ou DUE) presente as 24 horas e as demais, só con "presenza localizada".
O persoal médico seguirá sen ter que estar presente as 24 horas nas residencias, que deberán contar con dous profesionais de enfermería por cada 100 persoas usuarias no nivel inferior de dependencia e tres para os dous máis elevados
De agora en diante, no conxunto das residencias manterase o requisito de "presenza localizada de persoal médico" -isto é, a médica ou médico non ten que estar presente as 24 horas na residencia, pero si coa posibilidade de acudir a el-. Pero ademais "deberán contar con persoal enfermeiro/a" en diferente proporción segundo o grao de dependencia das persoas residentes.
Por cada persoa usuaria sen grao de dependencia recoñecido ou no nivel máis baixo (o primeiro dunha escala de tres) esixirase unha "rateo de 0,02" profesionais de enfermaría por persoa usuaria, isto é, un por cada 50 ou dous por cada cen. No caso dos graos II e III de dependencia esa rateo queda fixada en "0,03 por persoa usuaria", é dicir, unha por cada 33 ou 3 por cada 100 persoas residentes.
Xunto a esas novas rateos, Política Social mantén a indicación xeral de que as residencias deberán "prestar unha asistencia sanitaria integral a todas as persoas residentes, a través de prestacións de servizos profesionais propios ou concertado". Ese requisito de 1996 fica como estaba e tamén permanece sen cambios a "rateo mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa", entendendo como "atención directa" tanto "persoal xerocultor como sanitario".
O rateo xeral de persoal de atención directa continuará no fixado en 1996: 0,20 por persoa residente "con autonomía" e 0,35 en módulos de dependentes, ambos por baixo do estipulado no novo modelo estatal de residencias
Neste contexto e malia experiencias como as da pandemia da COVID-19, seguirá sendo dabondo contar con 0,20 profesionais por persoa usuaria "en módulos destinados á atención de persoas con autonomía" e 0,35 "en módulos destinados a persoas dependentes. É dicir, os mínimos esixidos pola Xunta continuarán fixados en 20 profesionais de atención directa por cada 100 persoas usuarias que conten con autonomía ou 35 profesionais a xornada completa para atender residentes en situación de dependencia.
Estas cifras implican volverse desmarcar dos niveis de persoal incluídos no novo modelo de residencias negociado en 2022 entre o Goberno de España e as comunidades autónomas, apoiado por diversas representacións do sector pero rexeitado por Executivos coma o galego. Ese novo modelo fixou un incremento progresivo da rateo de persoal de atención directa nas residencias de maiores, comezando por situalo en 0,39 profesionais por persoa usuaria en 2023 ata chegar a 0,51 en 2029.
Daquela, como amosa o gráfico que acompaña estas liñas, o rateo xeral fixado pola Xunta para o persoal de atención directa a persoas residentes consideradas autónomas fica amplamente por baixo do novo modelo estatal. No caso de residentes en situación de dependencia, o rateo da Xunta mellora o estatal ata 2025, pero de aí en diante ficará tamén por baixo.