Normativa de Navarra como guía para suxeicións en residencias ante a falta de regulación en Galicia

Unha coidadora axuda un home nun centro de día e escudos de Navarra e Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A Fiscalía de Ourense leva anos pedindo unha regulación "estatal e/ou autonómica" das suxeicións en centros de maiores, psiquiátricos ou de discapacidade e, na súa ausencia, usa como guía orientativa "a regulación que existe na Comunidade Foral de Navarra"

As suxeicións ou contencións físicas ou farmacolóxicas en centros de maiores, dependencia ou psiquiátricos veñen sendo obxecto de análise desde hai anos tanto a nivel xeral como en casos concretos censurados pola xustiza ou o Defensor del Pueblo, responsable do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura. Porén, Galicia segue sen contar cunha regulación específica, malia que así o vén reclamando desde hai anos a Fiscalía

En ausencia desa normativa para Galicia, a Fiscalía de Ourense está a empregar como guía "con carácter orientativo a regulación que existe na Comunidade Foral de Navarra".

O Fiscal Superior de Galicia entregou este martes a súa memoria anual ao Parlamento, na que se repite a petición dunha regulación para as contencións físicas e farmacolóxicas CC-BY-SA Imaxe: Parlamento de Galicia | Montaxe: Praza Pública

Este martes a Fiscalía de Galicia entregou ao Parlamento a súa última memoria anual, na que ademais de facer balance das súas propias actuacións recolle propostas de reformas lexislativas en diversos eidos. E, "como no ano anterior", e así sucesivamente desde a memoria correspondente a 2020, o ano da pandemia que deixou en evidencia a precariedade dalgunhas residencias, traslada a proposta da Fiscalía de Ourense a favor dunha "regulación estatal e/ou autonómica do uso de suxeicións físicas e farmacolóxicas nos centros residenciais da terceira idade e discapacidade, así como nos servizos diúrnos dos centros de día e no ámbito da enfermidade mental".

En ausencia desa regulación para Galicia, a Fiscalía de Ourense sinala que a súa sección de protección de persoas con discapacidade vén empregando "como guía á hora de supervisar as medidas de suxeición física e farmacolóxica nas visitas de inspección aos centros residenciais de maiores, persoas con discapacidade e persoas con trastornos mentais, con carácter orientativo a regulación que existe na Comunidade Foral de Navarra".

Unha coidadora, xunto a un home nunha residencia de maiores CC-BY-NC-SA Mathias Zommer

A Fiscalía mesmo vén detallando que normativa navarra concreta está a empregar como guía no seu traballo de supervisión, evidenciando que nesa comunidade foral a preocupación polo asunto vén de hai tempo e mantense. Así, salienta un decreto de 2011 que regula o uso suxeicións físicas e farmacolóxicas, unha orde de 2014 que aproba un protocolo de suxeicións en residencias e un novo decreto aprobado en 2021 polo que se reformou o de unha década antes.

O Defensor del Pueblo vén vixiando desde hai anos o psiquiátrico de Conxo polo seu emprego de contencións físicas e farmacolóxicas, e a Valedora do Pobo vai "iniciar actuacións de oficio e visitas ás residencias"

En Galicia a lei de servizos sociais prohibe tratos degradantes ou restrición ou impedimento inxustificado de dereitos fundamentais. Pero non hai un desenvolvemento normativo que concrete as suxeicións permitidas, o que vén permitindo excesos non só en centros privados senón mesmo en centros directamente dependentes da Xunta, como hai anos que vén denunciando o Defensor del Pueblo, responsable do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, a respecto do hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago, no que aínda non se deron por solucionadas todas as eivas detectadas.

O hospital psiquiátrico de Conxo (Santiago) vén sendo obxecto de vixiancia polo seu emprego das contencións físicas e farmacolóxicas CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tamén a Valedora do Pobo advirte, no seu último informe anual, presentado hai mes e medio, sobre a aplicación residencias de maiores galegas de contencións físicas sen xustificar ou indebidamente prolongadas, ante o que avanzou a súa intención de "iniciar actuacións de oficio e visitas ás residencias de maiores, persoas con discapacidade e outros centros para coñecer a situación global das suxeicións e tentar resolver os supostos de mala praxe que poidan detectarse".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.