As prazas en residencias privadas de servizos sociais duplican as públicas en Galicia

Unha usuaria da residencia de maiores pública Porta do Camiño (Santiago), durante unha visita da conselleira de Política Social en 2019 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

As prazas estritamente públicas seguen sendo minoría absoluta nos servizos sociais galegos. O Instituto Galego de Estatística vén de actualizar os resultados da súa Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais e a radiografía que ofrece a oficina estatística do Goberno galego non fai máis que ratificar tendencias e estudos doutros organismos: por cada praza residencial pública hai 2,2 prazas privadas, a ampla maioría sen financiamento público.

As prazas públicas seguen sendo minoría absoluta, segundo o IGE, malia rexistrar un incremento do 84% entre 2017 e 2020

Os datos agora actualizados correspóndense co ano 2020, o primeiro afectado pola pandemia da COVID-19, e refírense a todos os centros residenciais, isto é, residencias da terceira idade pero tamén doutro tipo, como de persoas con discapacidade ou de atención a menores de idade protexidos pola Xunta, entre outros. Segundo estes datos, eran en total 27.348 prazas -unhas 21.700 son en residencias de maiores, segundo a información máis recente de Política Social- das que apenas 8.600 eran de titularidade pública.

Fronte a esas menos de 9.000 prazas públicas o IGE rexistra unhas 18.700 privadas, que poden ser tanto de empresas como de entidades do terceiro sector. Unhas 3.500 delas están concertadas coa Administración pública, pero o groso, máis de 15.000, responden ao financiamento privado. Este claro desequilibrio entre prazas públicas e privadas mantense malia ao incremento das públicas que os datos reflicten dende o inicio da serie -que comeza en 2017-. Os datos de 2020 amosan case un 84% de prazas públicas máis que daquela, un aumento dun 11% nas privadas subvencionadas e do 6% nas privadas sen financiamento público.

Dez puntos máis de ocupación nas prazas públicas no primeiro ano da COVID

A información divulgada polo IGE tamén amosa fortes diferenzas de ocupación de prazas públicas e privadas nun ano especialmente crítico para os centros residenciais polo impacto da COVID, moi especialmente nas residencias da terceira idade. No ano 2020, as residencias públicas tiñan unha ocupación de en torno ao 94% -apenas un punto menos que en 2019- e as privadas sen subvención, dez puntos menos -en 2019 rexistraban case sete puntos e medio máis-.

Mentres, as prazas con financiamento público en centros privados seguiron naquel ano cunha ocupación superior ao 90%, aínda que tamén cunha notable caída de máis de catro puntos. En calquera caso, como amosan os gráficos sobre estas liñas, o que vén sendo habitual é que a ocupación das prazas públicas sempre sexa maior que nas privadas.

A maioría das prazas, para maiores de 80 anos

Boa mostra do protagonismo das residencias para persoas anciás sobre o total das prazas residenciais é a idade da poboación residente, que en máis dun 57% supera os 80 anos. Ese efecto estatístico prodúcese fundamentalmente polo maior peso das mulleres entre a poboación galega de idade máis avanzada. Non en van, entre o total das mulleres que viven en residencias algo máis dun 65% son maiores de 80 anos, proporción que cae ao 42% entre os homes

Na banda contraria está a poboación institucionalizada que ten 50 ou menos anos. Mentres que un de cada cinco homes que vive en residencias galegas está nesta franxa de idade, entre as mulleres apenas chegan ao 7%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.