Galicia mantívose no primeiro ano da pandemia como un dos territorios con menos prazas en residencias de maiores

Persoal do servizo contra incendios da Xunta, realizando labores de desinfección contra a covid-19 nunha residencia de maiores da Peroxa no ano 2020 CC-BY-SA Xunta

Galicia é unha das comunidades autónomas con menos prazas en residencias de maiores en función da poboación (maiores de 65 anos) que necesita destes centros. A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais vén de publicar o seu informe anual no que analiza os servizos existentes en cada territorio, o seu carácter público ou privado e a súa evolución no tempo. No ano 2020, a pesar da leve mellora experimentada, Galicia segue sendo unha das comunidades con máis déficit de prazas.

En concreto, o noso país conta con 2,93 prazas por cada 100 persoas de máis de 65 anos, o que a converte na cuarta autonomía con peores datos. Destas 2,93 prazas, 1,83 son prazas públicas ou concertadas, un indicador no que Galicia é tamén o cuarto territorio con peores cifras.

En relación co ano 2019, Galicia mellora lixeiramente os seus datos, pasando de 2,83 a 2,93 prazas por cada 100 persoas, un aumento total de algo menos de mil prazas (de 19.482 a 20.371), por debaixo aínda dos números que presentaba entre os anos 2010 e 2016

En relación co ano 2019, Galicia mellora lixeiramente os seus datos, pasando de 2,83 a 2,93 prazas por cada 100 persoas, un aumento total de algo menos de mil prazas (de 19.482 a 20.371), por debaixo aínda dos números que presentaba entre os anos 2010 e 2016.

Iso si, en relación co ano 2019 Galicia pasou de ser o territorio con menos prazas públicas a mellorar os datos da Comunidade Valenciana, Murcia e Canarias. Neste indicador si hai un cambio significativo nos números galegos, pois a ratio de prazas públicas ou concertadas medrou dende 1,16 prazas por cada 100 maiores de 65 anos a 1,83, descendendo a ratio de prazas privadas nunha proporción practicamente idéntica (de 1,67 a 1,1). Aínda que o informe non o detalla, a maior parte deste incremento de prazas públicas ou concertadas débese precisamente ao aumento destas últimas.

Hai unhas semanas coñeceuse que o Goberno galego decidira manter na xestión privada varias residencias públicas que ten encomendadas a DomusVi, cun gasto total para o orzamento público de 50 millóns de euros en cinco anos para que compañías privadas xestionen catro centros da terceira idade de propiedade pública na Coruña, Vigo, O Carballiño e Bande que suman 430 prazas. Dúas desas residencias públicas de xestión privada tiveron sancións por falta de persoal e obstruír inspeccións. A Xunta xustifica esta política, moi estendida, en que ten cartos, non ten persoal e o servizo é "susceptible de explotación".

O incremento das prazas concertadas fai que a porcentaxe de prazas públicas aumente do 41% ao 62%. Con todo, o aumento non se debe á creación de novas residencias públicas

O incremento das prazas concertadas fai que na estatística a porcentaxe de prazas públicas aumente do 41% ao 62%. Con todo, o incremento non se debe á creación de novas residencias públicas ou á suma de prazas de titularidade e xestión pública por outras vías. A Xunta proxecta dende o ano 2017 a apertura de nove residencias de titularidade pública, un proxecto que o Goberno galego volveu anunciar en 2019 tras asinar un convenio coa Fundación Amancio Ortega, que se comprometeu a financialas con 90 millóns. Na presentación daquel acordo situárase o ano 2020 como horizonte para a construción destes centros, que actualmente se atopan en diferentes fases da súa tramitación. Polo tanto, a súa apertura chegará dun grande atraso sobre os plans iniciais.

Galicia é, de feito, a terceira comunidade autónoma cun maior déficit de prazas en termos globais. Debería sumar case 15.000 novas prazas (14.331) para chegar a ese mínimo recomendado do 5%

Distintos organismos e entidades recomendan a existencia dun mínimo de 5 prazas residenciais por cada 100 persoas maiores de 65 anos. No conxunto do Estado a media é de 4,19 prazas, lonxe do mínimo recomendado e en Galicia as cifras son moito peores, coas devanditas 2,93. Galicia é, de feito, a terceira comunidade autónoma cun maior déficit de prazas en termos globais. En concreto, o noso país debería sumar case 15.000 novas prazas (14.331) para chegar a ese mínimo recomendado do 5%. Tan só Andalucía e a Comunidade Valenciana (de maior poboación) presentan déficit superiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.