A Casa Reitoral e a antiga Escola Habanera de Roupar (Xermade) como base dun proxecto comunitario "para que as persoas maiores poidan quedar a vivir na súa localidade". A Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña presentou este 4 de xaneiro á Deputación de Lugo os resultados do proxecto que, con financiamento da institución lucense, concibiu un proxecto experimental que pretende ir alén do concepto de residencia da terceira idade.
Non se trata só do deseño dun edificio nin dunha solución urbanística para a contorna. A 'Casa de veciñanza', explican, "define un modelo de vivendas comunitarias con servizos asistenciais, actividade sociocultural" e outros recursos "artellado en torno ás edificacións" xa existentes na vila lucense, pero que sería "replicable noutros lugares da provincia e de Galicia".
O traballo, destacan, é unha achega "multidisciplinar que implica o campo arquitectónico", con construcións que se agregarían aos edificios xa existentes e se integrarían na contorna mediante materiais como a madeira, pero que tamén se apoia na economía e na xerontoloxía. "A nivel urbanístico pártese da análise do núcleo de Roupar para entender a maneira de vivir" e tamén respectar "os seus elementos patrimoniais e ambientais do lugar".
A Escola de Arquitectura da UDC presenta á Deputación de Lugo os resultados do proxecto arquitectónico e xerontolóxico que propón converter a antiga Escola Habanera e mais a reitoral de Roupar nun complexo comunitario para maiores da contorna, un "prototipo" que "pode ser útil ao conxunto de Galicia"
Para facelo, subliña o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, foi precisa a "estreita colaboración da asociación de veciños" de Roupar e do propio Concello de Xermade. Así, a antiga Escola Habanera reforzaría o seu actual uso como espazo sociocultural, mentres que a casa reitoral, propón o equipo da UDC, deberíase "rehabilitar e ampliar" para "crear un conxunto de vivendas comunitarias" onde a veciñanza da terceira idade puidese residir sen saír da súa contorna, pero coas axudas profesionais precisas.
Lonxe dos modelos das grandes residencias de maiores, o proxecto deseñado dende a Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña "dá moita importancia aos espazos exteriores", subliñaron durante a presentación. É alí "onde a veciñanza adoita sentar e conversar no seu tempo de lecer" e onde podería seguir facéndoo cando, co paso dos anos, precisen axuda para algunhas actividades cotiás.
Defende Tomé que, malia ser un proxecto "distinto" ao das residencias da terceira idade da Deputación de Lugo, ten trazos en común con elas como o feito de priorizar os centros de pequena dimensión e centrados na poboación da propia vila, permitindo que as persoas residentes non abandonen a contorna na que viven. Este "prototipo", sinala o presidente da entidade provincial lucense, "pode ser útil para o conxunto de Galicia" e demostra que "acertamos cando nos achegamos á universidade pública buscando aplicacións prácticas dos estudos especializados", neste caso para achegar solucións á poboación da teceira idade.