″Queremos que todo o que traballaron na vida para manter esta contorna estable, agora a contorna llelo devolva e poidan gozar da manutención, a comprensión e o coidado que merecen″. Cynthia Salgado, directora do centro de atención a maiores (CAM) da Fonsagrada, que depende da Deputación de Lugo, asegura que nestas residencias de proximidade, nas que moitos usuarios xa se coñecían previamente, traballan na área funcional tanto como na cognitiva, emocional ou social. Mais tamén o fan ″no ámbito individual da persoa″.
A Deputación de Lugo promove un modelo de residencias de proximidade na provincia que busca manter aos maiores na súa contorna e crear emprego nas vilas
″A diferenza é que se nos metemos nunha residencia de cen persoas non podemos falar diariamente con eles, non poden expresar as súas preocupacións e doenzas máis alá do físico, nin tampouco cales son as súas expectativas de vida porque a pesar de que sempre se contemplan as residencias como ese lugar no que pasar os últimos días, eu prefiro que vexan isto como un momento no que precisan que os coiden″, salienta Salgado.
″Se nos metemos nunha residencia de cen persoas non podemos falar diariamente con eles e non poden expresar as súas preocupacións″, di Cynthia Salgado, directora do CAM da Fonsagrada
A Deputación de Lugo conta con catro centros públicos de atención a maiores nos municipios de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada, con capacidade para máis de 200 veciños e veciñas. E antes de finalizar o ano prevé abrir dous máis: en Castroverde e Pedrafita do Cebreiro. O orzamento que a institución provincial destina ao ano á rede pública de residencias ascende a 9 millóns de euros.
No concello de Ribadeo, o centro da Deputación ten 48 prazas, no de Pol 36, en Trabada a residencia conta con 30 prazas e na Fonsagrada, con 28 prazas. A maiores, estas dependencias ofrecen prazas de centro de día: 18 no centro de Pol, 20 no de Trabada e outras 20 no da Fonsagrada. Este número reducido de prazas permite que os residentes ″poidan sentirse acollidos e agradecidos de seguir na súa contorna″.
"Atopar aquí o veciño que lle vendía os cochos, ou o que lle cambiaba as leitugas por cenorias, serve tamén para manter os seus recordos, algo moi importante nestas idades "
″Na Fonsagrada a maioría das persoas maiores se dedicou á gandaría ou á agricultura e o feito de atoparse agora co veciño que lle vendía os cochos, ou o que lle cambiaba as leitugas por cenorias, serve tamén para manter os seus recordos, algo que é moi importante nestas idades, cando comezan as primeiras perdas de memoria. O que non queremos é que se perda a súa memoria histórica, aquí axúdanse uns a outros. Ao ser tan poucos non hai apenas problemas de relación″, conta a responsable deste centro.
O modelo da Deputación, levado a cabo en cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza do municipio. En segundo termo, poden anotarse desde osmunicipios limítrofes ou da comarca, e despois o proceso se abre para lucenses en xeral. Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poden acceder a estas prazas, posto que ″os usuarios pagan en función da súa capacidade económica″.
A Deputación de Lugo traslada que ten finalizadas as obras dos edificios que albergarán os centros de maiores de Meira, Navia e Ribas de Sil coa previsión de que poidan entrar en funcionamento en 2021. Así mesmo, nos últimos meses comezou as obras da residencia de Guitiriz, adxudicou a construción da de Portomarín e asinou un convenio co Concello de Pantón para construír un centro nesta localidade.
"Que poidan quedar na súa zona favorece que se adapten mellor porque xa coñecen a forma de falar, as festividades e a cultura locais", sinala Carmen Rubiños
″Entrar nunha residencia supón un cambio moi importante, tamén nos custaría a nós e por iso hai que enfocalo desde a empatía. Que poidan quedar na súa zona favorece que se adapten mellor porque xa coñecen a forma de falar, as festividades e a cultura locais; ademais, moitos viviron situacións similares polo que tamén crean grupos por afinidades″, explica a directora do CAM de Ribadeo, Carmen Rubiños.
Rubiños asegura que a pandemia fixo que se uniran máis entre eles. ″Foron facendo equipo, buscando as súas estratexias de ocio propias máis alá das que puidemos idear nós... Iso é marabilloso. Eles son moi variables nos sentimentos e nas emocións porque se enfadan e o din, algo que tamén é estupendo. Despois se están máis aliviados tamén o din. E obrígante a estar actualizada porque continuamente queren saber como está a cousa″.
″Ao principio os residentes dicían que era imposible que o virus chegase aquí, que iso era algo de grandes cidades"
En Ribadeo, xa no comezo da incidencia da COVID-19, inauguraron os ″xoves divulgativos″ dentro da residencia. Así, aparte da lectura de prensa que fomentan entre os residentes, prepararon actividades sobre como colocar a máscara de protección, como lavar as mans ou como comportarse nas primeiras visitas das familias ao centro. ″Eles pasaron por diferentes fases: ao principio estiveron asustados, despois enfadados por non poder facer as cousas como sempre e non poder recibir visitas, pero fóronse adaptando. Como a poboación xeral, no confinamento estiveron un pouco máis tristes e con preocupación polas súas familias″, apunta Rubiños.
Residencias abertas
″Os CAM abriron coa mentalidade de centro aberto e sen horario de visita e o ano que o centro estivo aberto con esta filosofía era marabilloso porque había un rebole de xente que viña de visita. Creo que é un dos puntos fortes do centro e esperamos poder recuperalo en canto a situación o permita″, di Carmen Rubiños desde Ribadeo. Na Fonsagrada a experiencia duroulles un mes, pois o centro abriu en febreiro e coa primeira declaración de estado de alarma pola COVID-19 tivo que controlar os accesos e adaptarse ás novas recomendacións de seguridade.
Estas residencias públicas xeran uns 30 postos de traballo directos nos municipios
A residencia de Ribadeo mantívose sen casos positivos desde o comezo da pandemia, tanto entre usuarios como entre traballadores; tampouco durante o brote na Mariña. O mesmo sucedeu ata o momento na Fonsagrada, unha zona a onde a COVID-19 chegou nos últimos días. ″Ao principio os residentes dicían que era imposible que o virus chegase aquí, que iso era algo de grandes cidades e que aquí na montaña non podía haber diso. Foi complexo explicarlles que pode chegar a calquera recuncho aínda que non saibamos moi ben como″, comenta Cynthia Salgado.
Estes centros públicos de atención a maiores tamén teñen un retorno económico importante na zona na que se implantan, pois crean emprego sostible e contribúen así a fixar poboación. Así o explica a propia Deputación, que calcula que cada residencia xera aproximadamente uns 30 postos de traballo directos e unha media de cinco indirectos nos concellos da provincia.