O das residencias de maiores é, posiblemente, un dos maiores conflitos abertos entre a Deputación de Lugo, a Xunta e o PP durante, cando menos, os dous últimos mandatos municipais. O proxecto do ente provincial lucense, baseado na apertura de pequenos centros de maiores destinados preferentemente á veciñanza dos concellos rurais nos que se atopan, bateu primeiro coa negativa do Goberno galego a financiar prazas neles e despois, con diversos atrancos administrativos.
A xuíza considera que a paralización das residencias promovida polo PP a través de Suplusa atrasaría "a futura apertura duns establecementos tan necesarios" e causaría "prexuízos de consideración para as persoas" que agardan por este servizo
O último episodio deste desencontro chegou aos tribunais e, no seu primeiro intento, vén de fracasar. A través de Suplusa, a sociedade urbanística dependente da Deputación en cuxo consello de administración o PP ten maioría a efectos prácticos grazas ao voto do deputado non adscrito -o ex-socialista Manuel Martínez, alcalde de Becerreá-, os populares recorreron a apertura destes centros. Un deses recursos dirixiuse contra a contratación das prestacións para maiores -limpeza, manutención e asistencia básica- nas residencias da Fonsagrada e Pol e, no marco dese proceso, Suplusa pedía como medida cautelar paralizar o proceso.
Pero nun acto datado no pasado 30 de abril o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo desbotou paralizar cautelarmente estes contratos. Segundo sinala a maxistrada, en casos coma este debe "primar o interese público" por riba de calquera outro. Se atendese a petición reclamada polos populares, resalta, a posta en marcha dos servizos destes centros de maiores "veríase retardada en demasía a futura apertura duns establecementos tan necesarios na actualidade".
A paralización pretendida, agrega a xuíza, "podería producir prexuízos de consideración para as persoas solicitantes destes servizos bastante considerables se os comparamos cos eventuais prexuízos" aludidos por Suplusa. Non en van, resalta, se finalmente "prospera a demanda", sempre podería haber lugar á compensación económica que corresponda.
A Deputación prevé abrir "este mes de maio" a residencia de Pol e a da Fonsagrada, "se a Xunta concede o permiso cuxa concesión atrasa dende hai meses"
Unha vez coñecido o auto o goberno da Deputación amosou a súa satisfacción, pero tamén a contrariedade polas "trabas" interpostas "polo PP e o deputado non adscrito". Segundo avanza a institución, a intención do equipo de goberno é "abrir este mes de maio" o centro de Pol, un dos afectados pola petición agora rexeitada. "E o da Fonsagrada tamén podería abrirse se a Xunta concede o permiso de inicio de actividade, cuxa concesión atrasa dende hai meses", censuran.
Para o voceiro do goberno da Deputación, o socialista Álvaro Santos, este auto xudicial vén acreditar que "só o goberno está preocupado por acadar novos servizos" para a veciñanza destes concellos mentres que neste caso o resto da corporación provincial "non estivo á altura". "Preocupounos máis o desgaste do goberno e tentar que as residencias non abrisen para dicir que non as dabamos aberto". No entanto, subliña, "a realidade é que acaba de abrir a residencia de Trabada, imos abrir a de Pol" e despois "a da Fonsagrada, a de Ribadeo e todas as que temos proxectadas", conclúe.