O conflito de competencias que paraliza a apertura de varias residencias de maiores na provincia de Lugo lonxe de se resolver, vén de dar un novo paso cara ao seu enquistamento a través da vía xudicial.
Segundo explicaron este xoves o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a alcaldesa de Trabada e os alcaldes da Fonsagrada, Pol, Ribadeo, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil, o Partido Popular non quere que abran as residencias e tenta paralizalas de xeito inmediato presentando recursos contenciosos no xulgado nos que reclama medidas cautelares en contra dos centros.
“Sempre que a xustiza non diga o contrario, autorizando ditas medidas cautelares, en abril e maio poderán abrir os centros de maiores de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada”, explicou o presidente da Deputación, quen indica que esta semana arrancaron os procesos de solicitude das prazas das residencias de Trabada e Ribadeo que precisamente están a desenvolver os traballadores sociais da Deputación contratados para os centros de maiores xunto aos dos concellos. A día de hoxe, a residencia de Trabada conta con 10 posibles usuarios e a de Ribadeo con 16. En Pol hai 15 maiores interesados e na Fonsagrada 20.
“Se todo transcorre con normalidade poderiamos abrir os centros de maiores de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada entre abril e maio con 200 prazas de residencia e centro de día", indica a Deputación
Desde a Deputación de Lugo explican que as residencias de Trabada e Ribadeo xa contan coas prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica contratadas e o centro de Pol e o da Fonsagrada teranas nos vindeiros días. A vindeira semana terán lugar os procesos de selección pública de terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas, e rematarán os de administrativo, tendo deste xeito todo o persoal público da Deputación necesario para o funcionamento dos centros. Están os convenios, regulamentos e ordenanzas, así como os PIA (permiso de inicio de actividade) das residencias de Trabada, Pol e Ribadeo. Agárdase que a Xunta conceda o da Fonsagrada.
“Se todo transcorre con normalidade, é dicir, se as intencións do PP fracasan e non se admiten as medidas cautelares, non hai problemas relativos ás contratacións que estamos a facer e a Xunta nos conceden o PIA da Fonsagrada, poderiamos abrir estes 4 centros entre abril e maio con 200 prazas de residencia e centro de día, facendo realidade un proxecto pioneiro, pois institucións locais poriamos a disposición dos nosos maiores servizos públicos de residencia e centro de día nas súas localidades ou comarcas, con prioridade de acceso para lucenses e con prezos en base a súa capacidade económica para que todos, con independencia da súa situación, poidan contar con estas prestacións sociais”, explicou Darío Campos.
Mediante Suplusa
Durante a rolda de prensa deste xoves residente e alcaldes explicaron que o Partido Popular, facendo uso da súa maioría absoluta no Consello de Administración de Suplusa (Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A) a que lle outorgan os deputados e tamén alcaldes do PP en Mondoñedo, Begonte, Outeiro de Rei, Guntín, ademais do alcaldable popular en Sarria, autorizou a presentación do primeiro recurso contencioso administrativo, pedindo a paralización inmediata das residencias de Pol e A Fonsagrada. Ademais, chegarán novos contenciosos, posto que o Partido Popular xa aprobou presentalos tamén contra a apertura das residencias de Trabada e Ribadeo e as obras de construción da de Guitiriz, que van poñer en marcha seguidamente logo de contratalas o pasado venres. Previsiblemente, segundo indican, farán o mesmo coas residencias de Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Meira e Navia de Suarna.
"Os socialistas esquécense que levan gobernando 11 anos e medio dos últimos doce e que son os únicos responsables de que as residencias non estean funcionando", sinala o PP nun comunicado
O PP fala de "esperpento"
Pola súa banda, o Grupo Provincial do Partido Popular cualifica a reacción dos socialistas como “un intento desesperado de xustificar como seguen pechadas residencias inauguradas hai máis de catro anos. Os socialistas esquécense que levan gobernando 11 anos e medio dos últimos doce e que son os únicos responsables de que as residencias non estean funcionando. Levan culpando ao PP doce anos cando o único responsable é o Goberno do PSOE”. “Levamos varios anos asistindo a un esperpento en relación coas residencias, con moitos millóns investidos, pero o certo é que seguen pechadas e sen data real para a súa apertura, unha vez máis”, sinalan os populares nun comunicado.