Sánchez e Colau exhiben tándem progresista fronte a Feijóo, que promete cambio xunguido a Vox

Abascal, Sánchez, Feijóo e Colau, antes do inicio do debate electoral organizado pola Academia de Televisión, este xoves CC-BY-NC-SA Eva Ercolanese / PSOE

O candidato á reelección polo PSOE e a aspirante da Fronte Ampla evidencian coordinación nas grandes políticas e nos tirapuxas coas dereitas nun debate televisivo no que a ex-alcaldesa de Barcelona logra marcar o ritmo e o socialista, recuperar o seu ton habitual

No inicio do debate televisivo a catro bandas a candidata da Fronte Ampla aproveitou a oportunidade de contar coa primeira intervención para marcar terreo a respecto dunha cuestión practicamente ausente no cara a cara protagonizado por Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo na semana previa. Ada Colau advertiu de que, na disxuntiva de que "gañe unha coalición ou outra", a da esquerda ou a da dereita, "ninguén que negue a violencia machista pode gobernar" e instou, acto seguido, os candidatos de PSOE, PP e Vox a condenaren as agresións de xénero.

Pedro Sánchez, a quen o sorteo de quendas lle brindou a segunda posición, secundou a condena decontado e a imaxe dos "dous camiños": "A España do pasado", a da "derrogación de conquistas sociais" ou a "próspera" de manter o vieiro progresista. Porque o 29N "non vai de min", do seu posto, "vai de vós", da cidadanía, afirmou nunha primeira mostra de que o seu ton habitual estaba de volta.

Minuto final de Pedro Sánchez no debate

Tamén o candidato do PP se sumou "por suposto" á condena da violencia machista. Pero acto seguido Alberto Núñez Feijóo reconectou co cara a cara contra Sánchez para instalo a "contestar" as preguntas que "non me contestou" daquela entre as primeiras das múltiplas acusacións de corrupción contra o líder socialista nas que pasou a afondar inmediatamente despois o candidato de Vox, Santiago Abascal, inmerso de inicio a fin no debuxo dunha distopía no que a inmigración é a fonte de todos os posibles males do Estado que, asegura, emendaría o ascenso da extrema dereita ao poder.

O ex-presidente da Xunta tenta sen éxito converter o encontro a catro bandas nunha segunda parte do cara a cara con Sánchez, a quen reprocha corrupción e fronte ao que se presenta como garante de "decencia" e "xestión" 

Esas primeiras catro intervencións serviron como pórtico e case sinopse do que ía vir despois. Sánchez e Colau exhibiron tándem progresista nas grandes cuestións. O socialista, pondo o foco no balance do feito e a candidata do FA, en que é posible ir máis alá. Por exemplo, na vivenda, con Sánchez reclamando unha maioría progresista "máis forte" para poder ir alén coa lei estatal neste ámbito e Colau, esixindo medidas urxentes e inmediatas nun vindeiro Executivo como a expropiación de pisos a fondos voitre para dedicalos a alugueiro social.

Pero ese tándem circulou tamén nos tirapuxas cos representantes das dereitas mesmo en clave de defensa mutua. Caso da ex-alcaldesa de Barcelona a considerar "lamentables" os insultos de Abascal a Sánchez e o líder socialista, a reprochar a Feijóo un dos episodios clave do debate. Sucedeu cando a candidata do FA lembraba a protección política que o PP segue brindando ao ex-presidente valenciano Carlos Mazón malia a súa xestión nas riadas. "Boa xestión é poñerse á fronte da emerxencia nacional e non saír fuxindo de Paiporta e vostede, caladiña", espetou o líder do PP. "Por que fala de caladiña, un pouco de respecto, que machismo é este?", preguntouse Sánchez. "Non manipule", repuxo o anterior presidente da Xunta.

Minuto final de Ada Colau no debate

A coordinación e predisposición ao entendemento Sánchez-Colau foi reprochada polos contendentes das dereitas. Fíxoo Feijóo, que nun dos múltiples reflexos das súas actitudes na súa etapa galega lanzou á audiencia a queixa de estar librando un "dous contra un". "Tanto necesita á señora Colau?", chegou a inquirir a Sánchez o popular, que ao contrario do acontecido no cara a cara non logrou marcar o ritmo cos temas dos que tentou facer bandeira, nomeadamente o reproche da corrupción, e mesmo se viu obrigado a asumir en varios momentos os marcos das esquerdas.

Abascal percorre o seu propio carril de principio a fin co debuxo dunha distopía na que a inmigración é a fonte de todos os males do Estado

Con Abascal percorrendo o seu propio carril de principio a fin, o entendemento explícito das esquerdas non o foi nas dereitas nas formas pero si no fondo, dada a evidencia de que a alternativa ao actual Goberno pasa por un PP xunguido a Vox. "Teñen as mesmas ideas e os mesmos amos" e "moito poder, pero non todo", culminou Sánchez no minuto final para sinalar ao electorado que o domingo, ante as urnas, "ti vas ter moito máis poder que Abascal e Feijóo xuntos". 

"Esa é a grandeza da democracia e pídoche que a uses para que España continúe progresando" con "catro anos máis de conquistas" e non de "involución", pediu. "Cantas veces nos dixeron que era imposible?", continuou Colau, quen sinalou a vontade do FA de trasladar ao Goberno o "mandato das rúas para que ninguén o poida ignorar".

Minuto final de Alberto Núñez Feijóo

Segundo Feijóo, Colau e Sánchez só procuran que o líder do PSOE "non saia da Moncloa" e iso é apelar ao "medo". Mentres, el "garante decencia e xestión", proclamou apelando aos seus anos na Xunta. Se non consegue gobernar despois do 29N, dimitirá, asegurou cando Sánchez o instou a explicitar se aceptará, en calquera caso, os resultados electorais. Á saída do debate, o ex-presidente da Xunta viuse obrigado a tentar contextualizar en resposta á prensa o "caladiña" que xa estaba a viralizar as redes sociais. Os marcos, desta volta, non os deu marcado el.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.