Alberto Núñez Feijóo aproveitou este luns unha entrevista na canle privada Antena 3 para volver cargar contra os medios públicos e os seus profesionais. En concreto, contra a TVE, que lle "parece" unha "televisión norcoreana", en alusión á da ditadura da dinastía Kim que leva 80 anos gobernando Corea do Norte. Un país onde, segundo un dos últimos informes de Amnistía Internacional, ver a televisión da veciña Corea do Sur pode significar pena de morte e os aparellos televisivos son modificados tecnicamente para evitar sinais estranxeiros.
Feijóo cualifica de "vergoña" os informativos de TVE; na TVG, persoal denuncia "manipulación informativa" desde hai case nove anos
"Os informativos son unha vergoña", dixo Feijóo tras comparar TVE coa televisión pública do réxime norcoreano, no mesmo día que a canle pública emitía en horario de máxima audiencia un debate cos oito portavoces das principais forzas políticas no Congreso. De dereita, de esquerda e mesmo de ultradereita.
O candidato do PP á presidencia do Goberno de España para as vindeiras eleccións xerais teimou nas súas críticas a TVE só uns días despois de que Defende A Galega, colectivo que agrupa persoal da CSAG (antiga CRTVG), mobilizándose "contra a manipulación" e o "desmantelamento" dos medios públicos sumase 444 semanas de mobilizacións. As súas protestas comezaron en maio de 2018, con Feijóo á fronte da Xunta, un primeiro venres negro en Galicia inspirado na mobilización do mesmo nome que daquela se realizaba en Televisión Española, con Mariano Rajoy e o PP á fronte do executivo estatal.
Case nove anos despois, persoal da Radio Galega e da TVG segue a reclamar "uns medios públicos galegos que cumpran a misión para a que foron creados; ao servizo da xente, non dun partido" e insisten no "agravamento da manipulación" nos últimos meses, tras a inclusión de editoriais aos informativos e continua "propaganda partidista baixo a aparencia de información". Tamén desde a oposición, BNG e PSdeG insisten en denunciar a inxerencia política e descarada do PP nos medios públicos, uníndose no Parlamento Europeo para advertir da "censura" aos seus partidos ou alertando de ameazas a deputados para "retractarse" dunhas críticas.
A representación laboral da CSAG vén de pedir a marcha da directora xeral pola "lamentable e vergoñenta" cobertura da folga xeral
Aínda este martes, o Bloque denunciou no Parlamento Europeo a "manipulación informativa e falta de pluralismo" na TVG durante un debate sobre a a revisión da Directiva de Servizos de Medios Audiovisuais. "O pluralismo informativo nos medios de comunicación públicos en Galiza é violado constantemente en favor dos intereses partidistas do PP", advertiu.
Hai pouco, e logo de que BNG e PSdeG acusasen a CSAG de "silenciar" a sanción á adega da familia do conselleiro de Emprego, a directora xeral, Concha Pombo, negouno asegurando que se informara oito días despois, durante vinte segundos e no medio dunha crónica parlamentaria.
As denuncias e as críticas de "manipulación informativa" son constantes e a tensión é crecente. Logo da última folga xeral do pasado 11 de novembro, o comité intercentros da CSAG —a representación laboral de todo o persoal— pediu a marcha da directora xeral pola cobertura "lamentable e vergoñenta" do paro e acusou a dirección de "entregar os medios públicos ao PP". Todo entre críticas de traballadores e traballadoras por unha deriva, advirten, que provoca unha importante caída nas audiencias.
A CSAG acumula dúas condenas por represaliar persoal e dous presentadores dimitiron polo control informativo; varios profesionais denuncian estar apartados
Pero a situación vén de lonxe. Os 444 venres negros están salferidos de protestas, denuncias, folgas exitosas impulsadas polo persoal e sentenzas xudiciais contra os medios públicos galegos. Porque a CSAG ten xa dúas condenas por represaliar persoal crítico, unha delas xa declarada firme polo Supremo e a segunda, ditada recentemente polo Tribunal Superior, que a Corporación recorreu ante o Supremo.
A primeira destas sentenzas ditaminou a vulneración do dereito á liberdade de expresión de Carlos Jiménez —un dos rostros máis visibles e implicados na protesta contra a manipulación— e vinculou a sanción que recibira da compañía á súa mobilización nos venres negros. Durante a etapa na que Feijóo presidía a Xunta, ao igual que moitas outras polémicas que arrodearon os medios públicos durante os seus 13 anos á fronte do goberno galego.
De feito, xa en 2018, e os venres negros nas súas primeiras semanas de protesta, chegou a dimisión dos presentadores do Telexornal Tati Moyano e Alfonso Hermida en protesta polo control informativo. Estes xornalistas encabezan unha lista de profesionais que foron esvaecéndose da pantalla, ou afastados dos micrófonos, a medida que avanzaba a súa participación coas camisolas negras, das que nunca se informou dende os propios medios públicos, nin cando Defende a Galega gañou o Premio José Couso de Liberdade de Prensa en 2019, outorgado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación da Prensa de Ferrol.
"Na TVG, se ergues a voz castígante", lembrou Ana Pérez, unha das xornalistas que denuncia que foi apartada por criticar o control do PP nos medios públicos
En marzo de 2020, cando Defende A Galega levaba 95 semanas de protestas, Feijóo asegurara que non sabía que a mobilización seguía.
Ana Pérez, unha das xornalistas que denunciou ser apartada, declaraba en Praza.gal que a TVG non deixa facer o seu traballo a moitos profesionais. "Se ergues a voz, castígante", denunciaba nunha entrevista. Outros ex-traballadores dos medios públicos, como Ovidio González ou Manuel Pampín, advertiron tamén da "deriva" e do "pánico a calquera crítica á Xunta". Todos alertaron da "manipulación".
Malia todo, a resposta interna nunca cesou. En 2022 quedou ratificada a sentenza por represaliar persoal crítico e, aínda que outras moitas demandas non correron a mesma sorte, hai un ano chegou a segunda polo mesmo motivo. Por outras razóns, as sentenzas condenatorias á CSAG continuaron chegando: por vulnerar o dereito á folga ou, nos últimos meses, por "vulnerar a liberdade sindical" ou por obviar os sindicatos para nomear tribunais de selección de persoal. Tamén antes por publicar unha información falsa sobre o BNG.
É a nova directora xeral, Concha Pombo —con menos de ano e medio no cargo— a que enfronta agora o conflito que desde hai anos viven os medios públicos galegos. foi nomeada ao abeiro dunha nova lei dos medios públicos que, entre outras mudanzas, supuxo a fin do precepto legal que obrigaba a elixir a dirección xeral da corporación con máis votos ca os do PP no Parlamento —maioría reforzada e non só absoluta—.
Externalización masiva na TVG
Estaba vixente dende 2011, pero nunca chegara a aplicarse. O director xeral daquela estivo ao mando 16 anos, a maior parte deles estando vixente unha norma que limitaba o seu mandato a cinco anos, prorrogables por outro tanto unha soa vez.
Mentres todo isto acontece, Feijóo emprega a campaña electoral para criticar a TVE, comparándoa coas televisións de réximes ditatoriais, mentres desde o seu partido advirten de "comisarios políticos" nos medios públicos e sinalan xornalistas, ao igual que Vox, socio do PP xa en moitas autonomías.
Na entrevista do pasado luns en Antena 3, Feijóo denunciou tamén que "os medios públicos se financian con impostos públicos e hai unha serie de produtoras que se están forrando con diñeiro público, que están cobrando millóns e millóns de euros con independencia da audiencia".
Defende A Galega lembroulle que xa non hai programas de entretemento de produción propia na TVG ou que foi o Consello de Contas quen reprochou a externalización a empresas privadas de directos nos informativos sen "acreditar" ben non dispoñer de persoal propio.