O TSXG condena a CSAG por impor un plan de conciliación sen negociar e "vulnerar a liberdade sindical"

Concentración ás portas da sede da CRTVG durante unha xornada de folga en 2024 CC-BY-SA Praza.gal

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG, antiga CRTVG) vén de ser condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por impoñer unilateralmente un protocolo para a conciliación laboral do seu persoal sen abrir unha negociación colectiva co comité de empresa. 

O TSXG estima a demanda de CUT, UGT e CCOO e declara nulo o protocolo imposto porque "viola o dereito fundamental á liberdade sindical"

Nunha sentenza emitida a pasada semana, o TSXG estima a demanda interposta polos sindicatos CUT, UGT e CCOO contra a CSAG sobre tutela de dereitos fundamentais e declara nulo ese "protocolo para as xestións de adaptacións por conciliación da vida persoal, familiar e laboral", que "viola o dereito fundamental á liberdade sindical" que ampara a Constitución en canto á negociación colectiva. 

Sede central da CSAG, a antiga CRTVG, en San Marcos (Santiago) © CRTVG

O ditame, sobre o que cabe recurso de casación ante o Supremo, condena tamén os medios públicos a indemnizar cada un dos sindicatos con 7.501 euros por danos e prexuízos, case 23.000 euros en total. Nel, a Sala do Social do Superior considera que "non é legalmente posible que a CSAG impoña unilateralmente un protocolo de conciliación sen abrir unha negociación colectiva co comité intercentros". 

A CSAG debe indemnizar cada sindicato con 7.500 euros: "Non é legalmente posible impor unilateralmente un protocolo de conciliación sen abrir unha negociación colectiva"

Aclaran as maxistradas que calquera documento deste tipo que afecte "de forma colectiva ás condicións de traballo" do cadro de persoal debe "pasar obrigatoriamente pola mesa de negociación ou o comité intercentros" en virtude do dereito á negociación colectiva. 

O TSXG explica que a CSAG estableceu un protocolo de conciliación que non foi "froito dun pacto ou acordo na negociación colectiva", o que provocou unha "vulneración" deste dereito e do "dereito á liberdade sindical". 

Redacción baleira na sede da CRTVG pola folga do 6 de marzo de 2023 CC-BY-NC-SA CIG-CRTVG

Negativa a abrir negociación

Segundo relata a sentenza, a CSAG remitiu en novembro de 2025 un borrador do protocolo ao comité intercentros, que formulou as alegacións correspondentes, ás que a Corporación respondeu asegurando que non negociaba e negando a apertura de negociacións solicitada pola representación laboral. Pouco antes do Nadal dese mesmo ano, a empresa comunica "de maneira unilateral" ao devandito comité a aprobación do protocolo sen negociación previa. 

O TSXG advirte que a CSAG vulnerou o dereito á negociación colectiva e a liberdade sindical

O tribunal lembra que ese protocolo de adaptación de xornada e teletraballo forma parte do artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores e que non debe ser imposto unilateralmente pola empresa, como así fixo, xa que a lei "establece o marco a seguir e debe darse prioridade á negociación colectiva para establecer os termos, criterios e procedemento para o exercicio deste dereito". E que estes deben establecerse, en primeiro lugar, "a través da negociación colectiva e acudir logo á negociación individual" se fose o caso. 

"A empresa non pode unilateralmente aprobar o protocolo xa que iso vulnera o dereito á negociación colectiva e a liberdade sindical", insiste a sentenza asinada por tres xuízas. 

Ademais, e en canto á indemnización fixada para os sindicatos, o tribunal aclara que se aplica polo "dano moral" provocado e con función "resarcitoria", pero que tamén ten a de "prevención xeral". Por último, enmarca a sanción dentro das infraccións consideradas "moi graves" segundo a Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS), a normativa estatal que establece que condutas vulneran a lexislación laboral e de Seguridade Social. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.