Condena á CSAG no Supremo por nomear tribunais de selección de persoal sen contar cos sindicatos

Fragmentos da sentenza do Supremo, sobre unha imaxe de persoal da CRTVG en folga en 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

O TS conclúe que a antiga CRTVG vulnerou "o dereito fundamental á liberdade sindical" da CUT por non cumprir a negociación que fixa o convenio colectivo para elixir as persoas que deciden nos procesos de ampliación de listas de contratación 

Nova condena á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), a antiga CRTVG, por "vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical", neste caso "na súa vertente de negociación colectiva". É a conclusión á que chega a Sala do Social do Tribunal Supremo nunha sentenza ditada o pasado 7 de outubro e comunicada ás partes nos últimos días na que estima parcialmente un recurso da representación da Central Unitaria de Traballadores (CUT) nos medios públicos galegos e na que anula varios procesos selectivos nos que a CSAG non negociou cos sindicatos, como correspondería, a composición dos tribunais. 

O sindicato acudiu ao alto tribunal do Estado despois de recorrer a decisión da CSAG no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A mediados de 2025 o TSXG deu a razón á que daquela era aínda CRTVG e absolveuna atendendo os seus argumentos: que non existía "obriga de negociar co sindicato a convocatoria de procesos selectivos para ampliar listas de contratación", neste caso as de persoal técnico de control de radio, maquillaxe e redacción, e que os actos impugnados pola CUT se "inscribían dentro do ámbito organizativo da CRTVG".

Fragmentos da sentenza do Supremo que condena a CSAG por non negociar cos sindicatos a composición de tribunais selectivos CC-BY-NC-SA Praza.gal

Pero o Supremo discorda. A CSAG, advirte, non debía seguir en procesos selectivos coma estes o fixado no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) no que atinxe á negociación cos sindicatos, pero "si a concirnen as previsións do convenio colectivo da CRTVG" vixente na altura. "Non existe norma ou criterio que permita excepcionar o disposto" naquel texto, que atribúe "á comisión da xestión das listas de contratación temporal" a "competencia para propoñer os membros e a composición do tribunal de selección". Este, especifica a propia sentenza, é un órgano "paritario", composto por "un membro de cada sindicato representado no comité intercentros" e "o mesmo número de membros en representación da empresa".

A sentenza "declara a nulidade dos actos da Corporación" nestes procesos porque elixiu os tribunais de maneira "unilateral" e ordena indemnizar o sindicato con 7.501 euros

Desta maneira, razoa o Supremo, "os nomeamentos" dos tribunais de selección "non poden realizarse directamente" pola dirección da empresa de maneira "unilateral" igual que non poderían facerse "polas diferentes representacións" dos sindicatos.  Pero "a Corporación efectuou unha designación unilateral duns tribunais previstos para as probas selectivas de persoal fixo en vez de promover a Comisión da xestión das listas de contratación temporal". E "desta forma, a CUT viu minorada, aínda que de maneira indirecta, a súa actividade sindical ao vetarlle a posibilidade dunha negociación previa a través da intervención" na devandita comisión.

Dado que isto non sucedeu, a CUT reclamaba deixar como "nulos e sen efecto" todos os "actos" deses procesos selectivos "por incumprimento do deber de previa negociación". E o Supremo así o fai ditando a "declaración de nulidade dos actos da Corporación", "reposición do actuado ao momento anterior a producirse a lesión" e mais. "unha indemnización reparadora". A decisión tradúcese na "nulidade radical dos actos de nomeamento dos tribunais nas convocatorias para a selección na ampliación de listas de contratación" e na orde de que a CSAG pague 7.501 á CUT

Concentración nas instalacións da CSAG durante unha folga en 2024 CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

O que o Supremo non atende é a outra vertente do recurso do sindicato, no que recusaba os membros dos tribunais por seren persoal directivo da propia CSAG elixido pola vía da libre designación e polo tanto, a xuízo da CUT, "susceptible de ser parcial ou submiso" ás ordes da dirección. Para o Tribunal, que estas persoas fosen seleccionadas empregando a vía legal da libre designación non permite afirmar que "resulte concernida a súa imparcialidade". Ademais, advirte, o recurso sindical non ofrecía "elemento ningún" do que puidesen "inferirse elementos de quebra da imparcialidade esixible individualmente".

O Tribunal non atende as recusacións dos membros dos tribunais ao non ver acreditado que puidesen ser parciais por seren directivos nomeados a través do procedemento da libre designación

Con esta sentenza na man, a CUT sinala que vai "agardar a que a empresa a execute" para "coñecer o seu impacto. Fano, explican, porque, posto que "xa se convocaron novas probas de ampliación nas tres categorías afectadas pola resolución". 

Dada a condena, advirten, cabe lembrar á dirección dos medios públicos galegos a "obriga de respectar a negociación que establece o convenio colectivo" nuns procesos de ampliación de listas de contratación que, acusan, a CSAG celebra de maneira "recorrente" cun "número limitado de prazas". A intención, cren, é "controlar quen accede ou non a traballar nos medios públicos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.