A piques de sumar tres décadas traballando na TVG, Ana Pérez hai tempo que non ten reparo en falar claro. A xornalista, que foi un dos rostros máis coñecidos da televisión pública, abandonou a pantalla en 2019 logo de 23 anos diante das cámaras como presentadora en diferentes espazos informativos. "Si, foi un represalia", di con contundencia agora, advertindo dos "castigos" que asegura que ela e outros compañeiros sofren por térense mobilizado contra a "manipulación e o control político", o "desmantelamento" dos medios públicos e pola creación dun consello de informativos. Daquela levaba 24 semanas apoiando os venres negros impulsados polo colectivo Defende A Galega. Vai pola 403.
"A nosa guerra vén de moito antes", lembra Pérez. Xa en 2011 presentara xunto a Alfonso Hermida na Praza do Toural un telexornal de protesta en contra da reforma da lei de medios, o que lles custara a ambos unha ameaza de expediente. Agora, por tras da pantalla e desde a redacción do Galicia Noticias, segue a denunciar unha situación dos medios públicos que cre "crítica" e que nos últimos anos di ver agudizada pola "desafección" e o "desapego" que nota na sociedade galega cara a eles, máis aló dos baixos datos de audiencia. "Antes, entrabas nun bar en calquera punto de Galicia e tiñan a galega posta; agora non está en case ningún", sentencia.
Como empezou na TVG?
Entrei de prácticas en 1996. Logo, a principios de 1997, fixéronme o primeiro contrato na delegación de Vigo. Comecei alí subcontratada pola produtora do Faro, unha daquelas contratacións fraudulentas que derivou en máis de 400 denuncias anos despois, e unha circunstancia que marcou os inicios de moitos de nós. Foron seis anos aló, facendo sobre todo información local. Logo mudeime a Santiago en 2002 e desde aquela estiven sempre ligada a informativos.
"Con Fraga traballabamos con moita máis liberdade; habendo censura e manipulación, non era tan descarada nin tan evidente como agora"
Leva case 30 anos na televisión pública. Mudou moito a cousa desde aquela?
Era diferente en moitos aspectos. No laboral, agora temos máis estabilidade; antes a precariedade laboral era maior, evidentemente, e iso era algo co que tamén se xogaba, meténdolle medo á xente para que non erguese a voz se quería que a volvesen contratar. Encadeabamos contratos de obra, artísticos... Todas as fraudes habidas e por haber. No que é a función de servizo público, empeoramos a pasos axigantados. Daquela traballabamos con moita máis liberdade.
Durante os gobernos de Manuel Fraga?
Con Fraga, que foi ministro de Información con Franco, estabamos mellor nese aspecto. Habendo censura e manipulación, que sempre a houbo, non era tan descarada nin tan evidente... Non se producía como agora, que se leva a cabo sen vergoña ningunha. A situación actual é moi crítica, pero é certo que daquela o pastel televisivo era outro, o mapa das televisións era diferente e a torta estaba moito menos repartida, polo que as audiencias tamén mudaron moito. O que si creo é que evolucionamos cara a unha desafección total. Estamos perdendo o crédito dos galegos e das galegas, desapegándonos a pasos axigantados.
Vostede sempre se significou claramente en contra da "manipulación" e do "control político" nos medios públicos...
Levamos cos venres negros desde 2018, pero a nosa guerra vén de moito antes. Xa en 2011 fixeramos un telexornal reivindicativo na Praza do Toural que tivera moita repercusión. As caras visibles daquela acción, Alfonso Hermida e mais eu, fomos ameazados con expedientes. Daquela xa denunciabamos que se aprobaba unha lei de medios que ameazaba que a TVG e a Radio Galega seguisen sendo públicas, que se ía cara a unha privatización maior dos contidos que hoxe en día se está a producir máis ca nunca.
"A maioría dos contidos da TVG son de produtoras alleas; é unha maneira moito máis doada de controlar a información"
Tanto é?
Se examinamos a grella da programación da TVG a maioría dos contidos son de produtoras alleas. De produción propia temos os informativos e un programa cultural case residual como o Zig Zag... Tiñamos programas como O Agro ou Labranza que eran moito máis extensos e que se foron reducindo ao mínimo, e con Vivir o Mar, tres cuartos do mesmo. Tiñamos contidos propios ben interesantes, que atendían sectores fundamentais para o país que agora non teñen representación.
A que cre que se debe esta aposta da corporación?
A directora díxoo claramente na súa última comparecencia no Parlamento, onde anunciou que iamos cara a unha privatización maior e mesmo que habería máis contidos externalizados tamén na Radio Galega. Creo que a razón fundamental é que esa é unha maneira moito máis doada de controlar a información porque os produtos que mercas xa exixes que sexan dunha determinada maneira. Dentro saben que hai unha masa de traballadores que seguimos loitando, intentando ser o máis honestos, plurais e transparentes co que debe ser a nosa profesión, pero o produto que compras fóra é moito máis fácil de controlar, evidentemente.
Defende A Galega e vostede mesma insisten tamén no aumento da manipulación informativa...
É unha deriva que vén desde a anterior dirección, que decidiu controlar o discurso e ser o altofalante do partido que está no goberno da Xunta. Hai un control continuo do relato d calquera cuestión crítica con calquera política do goberno actual ocúltase ou terxivérsase. Se a maquinaria manipuladora funciona tamén é grazas ao exército de mercenarios a soldo que existe e existirá. A dirección premia o servilismo e a submisión, con pluses e cargos, e castiga a profesionalidade, a valía.
"A TVG decidiu ser o altofalante do PP, pero se a manipulación funciona tamén é grazas ao exército de mercenarios a soldo que existe e existirá"
Con que consecuencias?
Vímolo e estámolo vendo, por exemplo, coas manifestacións pola sanidade pública ou pola educación pública. Son servizos esenciais sobre os que debería haber unha cobertura acorde coa dimensión que teñen, pero estamos máis pendentes de asuntos de Madrid e de desprestixiar o Goberno de España que do que ocorre aquí, das cousas que afectan realmente os galegos. Estamos dándolles as costas constantemente, e máis que nunca... E iso tamén se nota na desafección que amosan as audiencias.
Son tan malas as audiencias da TVG?
Os datos son os que son, pero son tamén moi manexables porque ao final todas as cadeas son líderes de audiencia dependendo de como fagas a lectura das cifras. Pero hai termómetros que son verídicos e reais e eu teño dous: un é o dos meus pais, que sempre viron a TVG e son o prototipo de espectadores da galega, pero que xa non a ven. Abúrrelles, non lles interesa... Non hai información local, ademais, porque foron pechando delegacións, e unicamente se atende a cuestións se son para sacarlles as cores a un determinado concello que non está gobernado polo partido que goberna a Xunta. En cambio, cando nun municipio destes hai algo digno de darlle visibilidade, pois non se lle dá. Cando isto ocorre, cando non atopas información, a xente búscaa noutros lados.
Cal é o outro termómetro?
Desde que me apartaron e me vetaron en pantalla, traballo na redacción do Galicia Noticias, que supón percorrer cantidade de aldeas e municipios. Antes, entrabas nun bar en calquera punto de Galicia e tiñan a galega posta, e agora non está en case ningún. Hai moi poucas tabernas onde atopes a galega... E iso, para min, é un dato moi obxectivo do que ocorre.
"Se ergues a voz es apartado ou castigado sen carga de traballo, humillado profesionalmente"
Fala de que foi apartada, unha situación que dixeron vivir outros profesionais e que foi denunciada por persoal da TVG. Son represalias por mobilizarse?
Si, foron represalias. Se fas repaso das persoas que eramos caras visibles na TVG en 2018 e que logo nos vinculamos e implicamos en Defende A Galega, non queda ningún en pantalla. Algúns marcharon por decisión propia, como Alfonso Hermida ou Tati Moyano, que dimitiron como presentadores precisamente por discrepancias coa liña editorial, e outros foron apartados con manobras vulgares, alegando que había que renovar as caras e cousas así. Eu pedín quedar como redactora no Galicia Noticias. Logo hai casos de xente que se significou nos venres negros, que sacou fotos con Defende A Galega e ás que lles deron un toque... Deixaron de participar ou implicarse nas protestas e seguen saíndo en pantalla.
Entendo que a situación do persoal non debe ser doada?
Non é fácil, non. Agora mesmo o clima é moi tóxico. Sempre digo que esta empresa tivo e ten un comportamento bélico. Xa nos comezos tivemos que loitar para que se nos recoñecesen os nosos dereitos, as nosas antigüidades, para seren contratados pola CRTVG e non a través de subcontratas... E os tribunais déronnos a razón, nuns casos por cesión ilegal, noutros por contratación fraudulenta porque encadeabamos contratos de obra... A empresa dedicouse a recorrer sentenzas favorables, actuando como unha maquinaria contra o cadro de persoal.
Como se leva esa circunstancia, querer traballar dunha maneira e non poder facelo?
Nós queremos facer o noso traballo como debe ser, sendo o máis rigorosos, honestos, plurais e independentes posibles, pero non nos deixan. Se protestas ou levantas a voz, es apartado para que teñas menos visibilidade. Mesmo hai xente que non ten carga de traballo, persoal ao que castigan prohibíndolles facer o seu labor. Eu e moitos dos que elevamos a voz contra a manipulación temos conciencia de sermos servizo público e de que debemos ser honestos cos galegos e galegas porque nos debemos a eles. Desgraciadamente, a dirección non traballa nese sentido, senón no de agradar e non enfadar o partido do goberno, polo tanto anúlase calquera opción de crítica, de cuestionamento ao poder.
"Nos medios públicos galegos, calquera voz susceptible de ser crítica co goberno da Xunta é aplacada"
Non se está a perder moita valía profesional nos medios públicos galegos?
Claro! Hai compañeiros que son brillantes, monstros televisivos, que non teñen carga de traballo ou que non cobren aquilo no que son expertos. Penso en Ana Expósito, unha referente en Galicia da información internacional, que cubriu moitos conflitos bélicos, que recibiu numerosos premios e a quen tiñan castigada por alzar a voz e protestar por querer facer o seu traballo. Apartárona da información internacional cando é a que máis sabe. É absurdo, algo que non pasaría en ningunha empresa privada. Se unha profesional é boa, contas con ela e xa a castigarás traballando máis... Pero aquí non, aquí o que fan é humillarte profesionalmente, non dándoche carga de traballo mentres ves que se paga a unha produtora externa por empregar os medios da compañía para facer o traballo que outras persoas, xa contratadas e dentro do orzamento dos medios públicos, xa cubrían. É o que pasou cos programas A Revista ou O Termómetro, casos flagrantes.
Sente que se están a desaproveitar os medios e os profesionais, que se podería facer moito máis en canto á información política, deportiva, cultural...?
É que non hai ningún espazo crítico. Emítese na G2 o faladoiro político que hai na Radio Galega, algo totalmente residual, cando na televisión pública debería fomentarse precisamente o debate político e ter espazos críticos. Pero aquí calquera voz susceptible de ser crítica co goberno da Xunta é aplacada.
"Dáme urticaria escoitar a Feijóo ou a Tellado denunciar manipulación na TVE, é indignante"
Que sente cando escoita a Feijóo ou a Tellado denunciar manipulación e control político na TVE?
Dáme urticaria. Ves o que eles implementaron nos medios públicos galegos e, claro, como podes ver a palla no ollo alleo e non ver un touro no teu? É absolutamente indignante, porque ademais levamos moitos anos na loita... E entendemos que moita xente baixe do carro.
É complexo manter a mobilización, o ánimo?
É que hai un cansazo psicolóxico tamén. Hai mesmo xente que enfermou pola situación que estamos vivindo. Se queres facer o teu traballo, se gustas do teu traballo e non che deixan facelo... Iso é algo moi deprimente, demoledor. É moi fácil dicir que somos funcionarios, que imos cobrar igual a fin de mes... Pero non poder facer o que che gusta facer é moi triste.
Como ve o futuro a medio prazo nos medios públicos galegos?
Hai un ambiente moi tóxico, desesperanzador, porque cada vez imos a peor, a sensación de que isto non ten traza de mellorar. O futuro que vexo é que cada vez imos estar máis acernados, cun control máis férreo e cuns medios públicos que tenden a ter audiencias ridículas. Pero non hai vontade por mudar nada e cando non hai vontade... Ademais, tamén hai moita autocensura por parte dos directivos, que poñen o parche antes da ferida para non molestar o político que toque. Hai temas que, ao longo de toda a miña carreira, non se tocaron nunca.
Por exemplo?
A educación e a sanidade, dous dos grandes servizos públicos, fundamentais para a sociedade. Se hai protestas nun colexio porque non teñen profesores de apoio ou lles pasa calquera cousa, esa información non se dá. E todos os problemas coas listas de espera ou falta de atención nos centros de saúde, non se tocan en absoluto. Creo que os galegos teñen dereito a saber o que está pasando e a velo reflectido, que teña visibilidade nos medios públicos. Porque os pagan eles! Debémonos á sociedade, non aos políticos. A xente é a verdadeira propietaria dos medios públicos e todos teñen que sentirse representados, pero cando hai unha voz discordante, esa non vai estar presente nunca.
"O ambiente na TVG é moi tóxico, desesperanzador; vexo un futuro cun control aínda máis férreo e con audiencias ridículas"
Non semella doado mudar a situación, daquela?
Ao ter o PP maioría absoluta, e polo tanto tamén no Consello de Administración, calquera crítica, cuestionamento á xestión, aínda que sexa por parte da oposición na comisión de control, por exemplo, cae en saco roto. O problema da actual dirección é a prepotencia e a carencia total de autocrítica. Ademais, carecemos de órganos como un Consello de Redacción que velase e garantise polo cumprimento do noso deber como medio de comunicación público.