Ovidio González foi un dos poucos xornalistas que, hai máis de 40 anos, puxo a andar a TVG. Logo de 34 anos sendo unha das caras visibles e voces máis recoñecidas da información deportiva —e sobre todo do baloncesto— na televisión pública, no verán de 2019 deixaba unha casa que axudou a construír. Lucense e breoganista, repasa desde a súa casa na Mariña a súa traxectoria e a situación actual dos medios públicos. Naqueles onde el, en 1985, formou parte do primeiro telexornal tras as emisións en probas, puxo voz á primeira retransmisión deportiva (un partido da NBA), retransmitiu o primeiro partido de fútbol en directo e presentou o primeiro programa de En Xogo. Implicado nos venres negros e crítico coa "deriva" da que foi a súa empresa durante máis de tres décadas, asegura que "o control férreo e a manipulación" dos últimos anos nada ten que ver co de épocas pasadas.
Bota de menos o traballo na TVG?
A verdade é que non o boto de menos, pero tampouco deixei todo así de vez. Os dous primeiros anos si foron de paro total e tamén me colleu a pandemia polo medio, pero sigo colaborando coa radio, fago algo en Youtube... Por razóns persoais tiña que parar, fíxeno e estou ben. Ademais, na situación que está a miña antiga empresa, menos aínda; non o boto en falta.
Nos seus últimos anos amosou o seu apoio aos venres negros contra a manipulación e foi crítico coa situación dos medios públicos en Galicia?
Non me podo poñer no sitio dos traballadores que seguen en San Marcos, aínda que siga o que ocorre alí desde a distancia, pero polo que me contan, a situación é bastante asfixiante e vai a peor cada día que pasa. Con todo, isto é un proceso que hai que ollar poñendo distancia para poder analizalo ben.
"Con Fraga e co bipartito podía haber control político na TVG, pero nin era tan evidente nin tan forte; nada que ver co control férreo e a manipulación de agora"
Por que?
Porque os medios de comunicación públicos sempre foron moi apetecibles para quen está no goberno, que trata de ter un control deles ao seren moi valiosos para os seus intereses políticos. Pero unha cousa é iso e outra o que se está vivindo ultimamente, que é un trato totalmente diferente, sobre todo nos servizos informativos, onde a deriva é moi, moi, moi importante.
Nos seus comezos e nos anos posteriores, non era así?
Non, non era tanto así. Entendo que ten que ver cos tempos e, sobre todo nos últimos anos, coa forma de facer política e de controlar todo. Na época de Fraga había o control informativo que podía haber, como tamén podía haber co bipartito, pero nada que ver co que está acontecendo nestes tempos. O que ocorre agora e ocorría xa desde os inicios dos venres negros, ese control férreo, esa manipulación... Nin era tan evidente nin tan forte daquela, antes era unha situación totalmente distinta.
"Antes, o control político sobre os medios públicos non era tan abafante. Había presión, pero a dirección xa se encargaba de que non chegase aos profesionais"
Logo de tantos anos de protestas e demandas de mellora, non parece que se poida mudar demasiado...
Entendo que é intrínseco aos medios de comunicación públicos. Dependerá do goberno que cadre, pero o problema é como se fai ese control, que capacidade se lles deixa aos profesionais... Eu sempre dixen que era máis fácil desenvolver o traballo nun medio público que nun privado porque todo estaba máis claro, máis homoxéneo, e non había os vaivéns que hai nos privados, pero era nunha época na que o control sobre estes medios públicos non era tan abafante como é nos últimos tempos. O de agora é unha barbaridade e é un problema que tampouco é exclusivo da TVG e da Radio Galega... Só hai que ver o que está a pasar con À Punt na Comunitat Valenciana co tema da DINA. É algo estremecedor.
Dedicouse fundamentalmente á información deportiva, onde foi unha cara moi recoñecible durante anos, o cambio no tratamento dos deportes tamén foi moi grande, non si?
Si, claro, e iso non só pasa na TVG ou nos medios públicos. A nivel xeral, a deterioración é realmente importante, pero na época que podemos chamar "dourada" dos deportes na Televisión de Galicia as cousas facíanse doutra maneira: eran os albores de todo, había ilusión, tiñas moita liberdade para tratar e facer as cousas... Claro que había presión, pero a dirección da empresa, diferentes estamentos, xa se encargaban de que esa presión desde os partidos políticos non chegase aos profesionais no día a día. Entendo que esa é a gran diferenza co que pasa agora. Pero daquela todo era diferente, tamén no acceso aos contidos que podías meter en televisión, os niveis das retransmisións, os dereitos televisivos...
O primeiro evento deportivo que retransmitiu a TVG e vostede foi un Boston Celtics Los Angeles Lakers da NBA... A quen se lle conte...
Así foi. A canle estadounidense que tiña os dereitos mandaba a cinta a TV3 por avión, a TV3 facía copias e logo mandábase á ETB e á TVG tamén vía aérea. Aquel partido, en diferido, foi o primeiro evento deportivo que saíu na televisión pública de Galicia. Iso é impensable agora polos dereitos de difusión, claro.
"Os inicios da TVG eran outros tempos, outro mundo que nos permitiu que pola xanela das casas do país entrasen a NBA, a NFL, o hóckey sobre xeo... Deportes nunca vistos"
Pero non era só a NBA, chegaron a retransmitir a Super Bowl de fútbol americano.
Eran outros tempos, outro mundo. Cóntoche unha anécdota: a primeira Super Bowl que fixemos viaxamos a Miami un equipo da TVG e ao noso carón estaban os da TV3, cos xefes de deportes e de produción, Tatxo Benet e Jaume Roures. Ambos acabaron montando Mediapro e mercando dereitos de emisión de eventos deportivos... Porque aquilo era un mundo que estaba empezando e aínda a explorar. Unha situación que permitiu que daquela, pola xanela da TVG e polas de todas as casas do país, entrasen deportes nunca vistos ou vistos de maneira residual. Lembra que eu empecei facendo NBA, baloncesto universitario e feminino dos EUA, hóckey sobre xeo, NFL... E Super Bowls en directo desde os Estados Unidos! Era unha tolemia, unha época que lembro con moitísimo agarimo.
E introducindo deportes que a maioría da poboación non vira nunca...
Lembro cando me dixeron que eu me ocuparía do deporte norteamericano... Non tiña nin idea! Volvín dunha das viaxes aos EUA cargado de libros sobre as regras e normativas dos diferentes deportes: de fútbol americano, de hóckey... De todo (ri).
"Retransmitir o deporte en galego foi transcendente, unha honra poder utilizalo para difundir a lingua e a cultura propias"
E nun país onde case non se vía deporte ningún pola televisión, aparece a TVG retransmitindo partidos de Magic Jhonson e Larry Bird e en galego...
Aquilo para min si que foi transcendente. Teño moita conciencia de país, sempre militei no nacionalismo galego —nos 70 mesmo a nivel organizativo— e o país e o público para min sempre foron dous dos eixes que me moveron na miña vida. Por iso, no momento no que tiven a oportunidade de unirme ao proxecto da TVG, poder transmitir e trasladar o idioma e a cultura de Galicia á sociedade era para min dunha enorme importancia. Foi unha honra tremenda poder poñer voz a aquelas retransmisións deportivas e utilizar o deporte como un xeito de difundir a lingua e a cultura propias.
Naqueles primeiros anos, o baloncesto tiña un enorme peso na TVG. Axudou aquela cobertura a crear e impulsar a afección por este deporte e polos equipos galegos?
Non teño ningunha dúbida. O que supuxo o tratamento do fútbol con Manuel Pampín e todos os seus compañeiros ten un lugar na historia do fútbol galego, pero máis ou tanta transcendencia tivo o que se fixo co baloncesto na TVG naqueles primeiros anos. Foi tanto ou máis importante polo volume de cousas das que informabamos: faciamos competicións europeas, viaxabamos por toda Europa seguindo equipos españois, partidos da elite do básquet no Estado, feminino, NBA, selección española, campionatos internacionais... E tiñamos un programa específico para este deporte que coincidía nunha época na que na elite había dous ou tres equipos galegos. Houbo unha explosión do baloncesto no que, polo menos nunha mínima parte, tivo moito que ver a TVG. Se de algo me sinto orgulloso é que a televisión pública achegase aos fogares do país o deporte e que a min e ao meu compañeiro Sergio Delpont mesmo nolo recoñecese a federación.
"Na explosión do baloncesto en Galicia tivo moito que ver a TVG"
Están agora os medios demasiado centrados no fútbol?
O certo é que é así pero tampouco sei se é bo ou malo. É o que hai, o que hai neste país e neste Estado en canto ao deporte. Cando tiña algunha responsabilidade, teño discutido moito sobre a necesidade de dedicar máis tempo ao básquet ou a outros deportes, pero eu mesmo moitas veces argumentaba que as televisións ao final emiten o que se demanda. Con todo, sempre se pode facer algo máis por outras disciplinas, sobre todo canto tes unha segunda canle, como é o caso da TVG. O certo é que a aposta nestes últimos tempos nesa segunda canle foi ofrecer máis fútbol, de categorías máis baixas; evidentemente, eses clubs tamén teñen dereito a teren o seu impacto, pero boto de menos que se aposte por programas específicos doutros deportes, desde o baloncesto ás traiñeiras... Porque somos un servizo público e porque creo que a sociedade tamén o demanda.
Non será por arquivo para facer programas...
Claro que se debería facer algún traballo nesa liña porque hai un arquivo enorme. Esta pasada fin de semana En Xogo entrevistou a Lendoiro... Pois por poñer só ese exemplo, do ex-presidente do Deportivo hai declaracións e entrevistas no arquivo da TVG que se as sacásemos hoxe serían virais, sen dúbida. Ademais, tirando de todo ese arquivo estariamos reivindicando tamén o bo traballo que se fixo daquela.
"Sinto orgullo polo feito na TVG e que hoxe non se pode facer, nin nunca máis se vai poder facer"
Sente morriña daquela etapa?
É o orgullo do feito, do que fixemos e que hoxe non se pode facer, nin nunca máis se vai poder. Aquela época en deportes foi unha pasada, pola cobertura que había das diferentes disciplinas, por todos os sitios aos que chegabamos...
Por que cre que non hai máis espazos que aproveiten o arquivo ou dediquen máis espazo a outros deportes?
Estou convencido de que a primeira resposta a unha proposta dese tipo na TVG sería: "E quen o fai?". Porque esta é a situación ou era a situación cando eu marchei e, polo que me contan, vai a peor. A segunda pregunta sería: "Onde o metes? Que quitas para meter un programa así?". Sen valorar outro tipo de cuestións, estou seguro de que a primeira eiva para poder facer algo así é de persoal pero, ademais, non hai ningún interese porque as prioridades non pasan por aí.
Nunha conversa co seu ex-compañeiro Manuel Pampín, destacaba moito a ilusión que se vivía entre o persoal naqueles primeiros anos da TVG...
A palabra é precisamente esa: ilusión. Pero tamén é normal porque estaba todo por facer, por descubrir. Eu traballaba no gabinete de prensa da Consellería de Cultura e na Radio Galega as fins de semana cando se empezou a montar a TVG. Ofrecéronme entrar no proxecto, non sabía nada de televisión... Pero como non ías estar aí? Había que estar. Ademais, tiñas aquela sensación de crear algo desde cero e fomos aprendendo, tamén con erros, pero con moita ilusión. Ías aos sitios, viaxabas... Era unha auténtica loucura, pero saíu adiante precisamente por aquela ilusión, porque se valoraba o traballo e porque se alguén propoñía un proxecto e, por moi difícil que parecese, sempre había quen dixese: "Xa sairá!".
"Nos inicios da TVG había ilusión; non tiñamos nin idea de televisión pero iamos todos da man: a dirección e os traballadores"
E todo sen experiencia televisiva na maioría dos casos.
Agás Teresa Castelo e pode que algún máis con algunha experiencia previa, todos os que empezamos daquela non tiñamos nin idea de televisión, pero tratabamos de aprender e mellorar e, sobre todo, íamos todos da man: a dirección e os traballadores.
Vostede tamén foi o primeiro presentador do En Xogo.
Soa mal que o diga eu pero fun case o primeiro en todo en Deportes porque eramos poucos e alguén se tiña que poñer! (Ri).
"O novo 'En Xogo' non me gusta, non recoñezo o programa; supón desviarse demasiado do camiño que ten que levar"
Que lle parece o novo formato do En Xogo tras a marcha de Óscar Benito e os cambios levados a cabo?
Pois non me gusta. Vin os dous primeiros programas desta nova andaina e teño que recoñecer que non me gustou o que vin, así que deixei de velo. Non recoñezo este programa. Evidentemente, non estou dicindo que haxa que facer o En Xogo que se facía hai 40 anos, pero non recoñezo a esencia do que para min debe ser o En Xogo. Eu tampouco faría un programa como o se facía hai tantos anos pero o de agora paréceme desviarse demasiado do camiño que ten que levar un programa dese corte. Ademais, paréceme imperdoable que deste novo proxecto caesen dúas persoas tan, tan, tan, tan identificadas co programa nos últimos anos como don Luís Timiraos e don Óscar Benito.
No seu último día na TVG amosou a súa esperanza de que os medios públicos seguisen adiante "polo ben do idioma, do país e da cultura". Pasados seis anos, como ve o futuro do idioma, do país e da cultura a respecto do que fan os medios públicos?
Pois véxoo moi mal e, por desgraza, non sei se cada vez peor pero si cun camiño polo que se transita que non vai cara a onde debería de ir. Se os medios públicos de comunicación de Galiza deberan ser a guía que axudase á promoción do idioma e da cultura a bo termo... Pois non están cumprindo co seu labor fundamental. Veremos a onde nos leva esta deriva a medio prazo, pero seguro que non a un bo sitio. Non recoñezo os medios públicos galegos actuais nos medios cos que eu soñei que algún día serían. Creo que polo camiño estanse a deixar valores realmente importantes nos últimos anos e que non nos levan a un lugar axeitado. Non sei se me expresei ben, pero o sentimento que teño é ese.