Retrocorenta 7: A tele que vimos medrar

CC-BY-NC-SA Imaxe Retrocorenta: © Isabel Vila | Montaxe: Praza.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

O Retrocorenta regresa con forza despois dun descanso no verán. A intención deste podcast é botar a vista atrás para facer memoria da nosa historia colectiva nos últimos corenta anos, eses anos nos que Galicia viviu e evolucionou co Estatuto de Autonomía aprobado. Xa falamos de moitos aspectos da cultura galega, mais xa tocaba centrarse nun espello que nos acompañou neste tempo.

Si, no Retrocorenta 7 falamos da televisión en Galicia porque, realmente, a televisión funciona como un espello da sociedade e do país. Tanto a Televisión de Galicia como a delegación de Televisión Española en Galicia teñen un papel fundamental no día a día e disto e moito máis conversamos con Tareixa Navaza, Xosé Ramón Gayoso e Belén Regueira. 

No quincuaxésimo aniversario da delegación de Televisión Española en Galicia, Tareixa Navaza, a primeira xornalista en presentar uns informativos en galego, fará memoria connosco sobre días chave para a nosa historia recente como aquel 28 de xuño de 1984 no que narrou a chegada dos restos de Castelao, que tanto marcaría a súa carreira

Hai un programa que podemos chamar mítico –sen medo a empregar mal o termo– que está a piques de facer trinta anos e non podía faltar neste repaso. Falamos con Xosé Ramón Gayoso do Luar da Televisión de Galicia e de como lembra aqueles inicios de pura incerteza diante das cámaras desde a sala Dona Dana.

Belén Regueira chegou á televisión desde a facultade e presentou un dos programas que marcaron a varias xeracións, Chambo, que se centrou na música e achegouse ao país dunha maneira case irrepetible. Ela nos vai contar como era estar na tele nos primeiros anos dous mil.

Tamén nos achegaremos ás series que mellor retrataron a nosa realidade na ficción. De referentes como Mareas Vivas e Pratos Combinados imos falar con Roberto González Méndez, guionista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

E para despedir este Retrocorenta David Lombao e Ana G. Liste lembran o que significou o Xabarín Club, o programa creado por Suso Iglesias na TVG, para varias xeracións da infancia e da mocidade galega dende a súa estrea en 1994.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.