Unha ducia de programas senlleiros da TVG
En tempos de cuestionamento das televisións públicas, botamos a vista atrás para lembrar algúns dos fitos da TVG, tan criticada como necesaria para Galicia. Velaí van algúns dos seus programas ou series míticas.
-
01
Luar e Gayoso
A TVG xa non se entende sen o Luar e sen o seu presentador, José Ramón Gayoso. Líder de audiencia na súa franxa horaria e con amplo seguimento na emigración, mantense no aire desde o 18 de setembro de 1992, malia que tamén acumula abundantes críticas.
-
02
Sitio Distinto
Antón Reixa dirixía e presentaba este mítico programa dos primeiros anos da TVG no que Carlos Blanco era outro dos protagonistas. Foi un magazine emitido entre 1990 e 1991 baseado en capítulos monográficos compostos de actuacións musicais, entrevistas e concursos tratados desde un punto de vista pouco convencional, con moito humor, reflexión e certa actitude punk.
-
03
O Supermartes
O Supermartes e SuperPiñeiro. O Mentireiro Verdadeiro, o Super Prendas ou o Quieto Parado. E Atilano! Quen non lembra este mítico e lonxevo programa da TVG? Presentado por Xosé Manuel Piñeiro, estivo en antena trece anos, ata 2005.
-
04
Xabarín Club. Por fuciños, por cacheiras!
O Xabarín Club marcou tanto a rapazada galega nada nos 80 que ata unha xeración de mozos do país recibe o seu nome. É un programa infantil e xuvenil que comezou a súa andaina o 18 de abril de 1994. Inclúe series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia. Canteira de varias bandas galegas, chegou a ter 100.000 socios e non hai quen non se buscase (a el ou a calquera amigo) entre as felicitacións de aniversario do porco bravo máis divertido da televisión.
-
05
Pratos Combinados
Miro Pereira, a súa dona Balbina e o resto da familia retornada da emigración rexentan un bar por onde pasan personaxes de todo tipo como o curmán Antón ou o repartidor Paspallás. Foi a primeira comedia de situación producida e interpretada integramente por persoal galego, coa única excepción do realizador. Sumou 261 episodios na década que durou, desde 1995, sendo moitas veces líder de audiencia malia a dura competencia doutras canles.
-
06
Bo Proveito con Xacobe
Moito antes de Larpeiros e tamén moito antes de Masters e Tops Chefs, Xacobe Pérez mesturou humor e cociña caseira neste programa moi lembrado entre a audiencia da TVG.
-
07
Caixa Negra
Caixa Negra foi un espazo de reportaxes inspirado nun formato de éxito en Euskadi e conducido polo xornalista Fernando González, 'Gonzo'. Segundo conta a propia web da cadea pública, "parte dunha situación que causou un impacto social especial no pasado e que agora se revive, xunto aos seus protagonistas, analizando os feitos co acougo que dá a distancia e coa experiencia e reflexión dos anos transcorridos". A polémica rodeou este programa cando a nova dirección da TVG, tras a chegada de Feijóo á Xunta, 'aprazou' a emisión dunha reportaxe sobre as vacas tolas e o enterramento de vacas en Mesía.
-
08
Mareas Vivas en Portozás
Poucas series máis emblemáticas -se é que as hai- que Mareas Vivas. Ambientada nunha vila imaxinaria da Costa do Morte, Portozás, foi producida entre 1998 e 2002 e obtivo audiencias que bateron marcas. Contou con 152 episodios e foi seguida masivamente pola sociedade galega, ademais de dar a coñecer unha morea de actores, entre eles Luís Tosar, o xuís da vila.
-
09
En Xogo
Goles, canastras, resultados e resumos. En galego, desde Primeira ata Terceira División, pasando polas traíñas, o baloncesto o balonmán ou o tríatlon. Agora na TVG2, entre tanto programa que emprega o deporte como escusa para montar discusións e polémicas absurdas, son moitos os que agradecen o labor dun programa que segue a resumir a fin de semana deportiva de Galicia nas noites do domingo.
-
10
Matalobos, a última gran serie
Matalobos foi a última gran serie de ficción galega. Con enorme éxito e numerosos premios, emitiuse na TVG desde abril de 2009 até xaneiro de 2013. A trama xiraba arredor de varias familias relacionadas co narcotráfico e que vivían na vila de Sardiñeira.
-
11
Casamos
Programa que conta os preparativos e as vodas de diferentes parellas galegas. De calquera clase, vila, cidade, aldea ou condición. Mantense en antena desde hai xa anos.
-
12
Con perdón
Cámaras ocultas, entrevistas impertinentes e enganos a famosos eran as claves deste programa presentado nunha primeira etapa por Alberto Comesaña e logo por Sonia López e Manuel Loureiro.