Marcos Pérez Pena

Unha ducia de citas a non perder no Culturgal 2025

Chega unha nova edición do Culturgal, o grande punto de encontro da cultura galega. Tres días (venres 28, sábado 29 e domingo 30) nos que todos os sectores da creación do país (dende as artes escénicas, a literatura e o audiovisual ata o videoxogo) amosan as súas últimas producións e novidades. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle un ano máis esta cita ineludible, un espazo no que atoparse. Velaquí unha escolma da súa programación.

  1. 01

    Uxía: 'Será por Flores'

    A edición 2025 do Culturgal desenvolverase entre o venres 28 e o domingo 30 pero, en realidade, comeza xa o xoves pola noite. O xoves 27 ás 21 horas o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle un concerto de Uxía Senlle, que presentará con varias artistas convidadas o seu último traballo, Será por Flores. Un espectáculo no que a artista celebra as súas catro décadas no mundo da música.

    A entrada é gratuíta ata completar aforo nun espectáculo organizado polo Concello de Pontevedra.

  2. 02

    Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade

    A música é unha das protagonistas en todas as edicións do Culturgal. O venres 28 ás 21 horas tomarán o escenario do Auditorio do Pazo da Cultura Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade, tres concertos nun programa único, nunha noite irrepetible das cantoras galegas. As entradas, cun prezo de 10 euros, pódense adquirir aquí.

  3. 03

    Festa dos clubs de lectura

    O sábado 29 é o gran día dos clubs de lectura, entidades que constitúen un importantísimo motor da literatura e da edición galega, con milleiros de integrantes que comparten a súa paixón polos libros.

    O encontro, para o que xa están inscritos máis de trinta clubs de todo o país, comezará o sábado 29 ás 12 horas con Santiago Cortegoso, para dar paso ao debate A novela curta está de moda?, con Manuel Esteban, Olalla Sendón e Diego Giráldez. As 16 haberá un café literario e ás 17 falarán Cynthia Méndez, Ana Varela e Alba Tomé. Ás 18 horas será o peche de festa con Antía Yáñez e Marga Tojo.

  4. 04

    Unha festa familiar: Bibopalula e moito máis!

    A programación infantil gaña protagonismo na edición 2025 de Culturgal, no que destaca o espectáculo Bibopalula, que chegará o domingo 30 ás 12 horas ao Auditorio do Pazo da Cultura. As entradas poden comprarse por 12 euros na web do Culturgal.

    Ademais de Bibopalula, o escenario infantil de Culturgal acollerá numerosos espectáculos de teatro, contacontos e música para nenos e nenas. Por exemplo Croco, Ganapán e Garabato  e Os nenos porcalláns  (venres), A landra viaxeira e o amigo lambón e Xela, aventura da fraga (sábado) ou  O extraño caso da pedra Brum brum (domingo).

    Ademais, o sábado ás 12 horas haberá un Festival de grupos infantís de escolas de teatro de toda Galicia. E celebraranse os 20 anos da coleccion do Berce á Lúa, de Kalandraka, coa participación de Óscar Villán e a música de Paco Nogueiras

  5. 05

    Manuel Rivas + Suso de Toro... e moita máis literatura

    O sábado ás 19 horas Manuel Rivas e Suso de Toro manterán unha conversa con Marta Gómez sobre os seus libros Terra de sacrificio e Tras do ceo

    Ademais, Rivas estará presentando o libro ilustrado de Xosé Cobas cos seus textos A luz e a sombra (sábado ás 13 horas). E Suso de Toro presentará tamén o libro Terra de sacrificio. Castelao contra Ramón Piñeiro ese sábado ás 17 horas.

  6. 06

    Volve Magín Blanco... agora para os maiores da casa

    Magín Blanco converteuse nos últimos ano nun dos grandes nomes da música infantil en Galicia. Pero antes diso Magín acumulou unha extensa traxectoria como músico... para os maiores da casa. Neste Culturgal presenta Percorrido  o sábado 29 ás 20 horas. 

  7. 07

    'Moito conto': Touriñán e máis na gran noite do humor galego

    Un dos pratos fortes da edición 2025 do Culturgal será a noite de humor galego do sábado 29 (no Auditorio ás 21 horas), co espectáculo Moito conto, creado por Touriñán en exclusiva para Culturgal. Está acompañado, entre outros, por David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez.

    As entradas (23 euros) poden mercarse xa na web do Culturgal.

  8. 08

    Un espazo para o audiovisual galego

    Na sección dedicada ao audiovisual proxectaranse no Culturgal as películas máis importantes do cinema galego no ano 2025, como Romería, Mi ilustrísimo amigo, Antes de Nós ou Rapa, xente ao monte e adiantos de series e películas que se estrearán no ano 2026, ademais dunha selección das curtametraxes do ano, como El Cuerpo de Cristo

    Destaca a presentación da serie Pensión incompleta, que se gravará nas catro linguas oficiais do Estado. 

  9. 09

    Moito teatro

    Nas Artes Escénicas, o Culturgal acollerá os adiantos das montaxes de obras que chegarán no 2026 de Chévere (A lección do Mestre), Centro Dramático Galego (Memorias dun neno labrego, conmemorativa do 10º aniversario do pasamento de Neira Vilas), Talía teatro (Artur Ui: o ovo da serpe), Bengala teatro (Alicia Wants To) ou Morra o conto (Trømso). 

  10. 10

    A bailar!

    Haberá tamén oco para o baile e a danza, especialmente o domingo pola mañá. Repite o Vén e baila (domingo 30 13:30 horas), con varias actividades de baile arredor desta iniciativa coordinada por Artur Puga. Ademais ás 13 horas está programado o espectáculo de danza Ceibe de Fran Sieira.

  11. 11

    Ilustración, videoxogos e moito máis!

    Na programación, que se pode consultar aquí, hai moitas máis citas para todos os gustos. Varias actividades centradas no mundo do videoxogo (obradoiros, charlas...), da ilustración e a banda deseñada (con varios eventos de ilustración en directo ou un combate de debuxantes).

    Nos tres días de actividades participarán 750 artistas nun total de 225 espectáculos para todas as idades.

  12. 12

    Homenaxe a Begoña Caamaño

    O domingo 30 ás 19 horas Ana Romaní, A Pedreira e Mónica Caamaño lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, nunha homenaxe á autora e xornalista á que se dedica o Día das Letras Galegas 2026.

  13. 13

    Óscar Ibáñez & Tribo

    A edición 2025 do Culturgal pecharase o domingo 30 ás 20:30 no Teatro Principal de Pontevedra cun concerto de Óscar Ibañez & Tribo con artistas convidados e moitas sorpresas. 

    As entradas (16 euros) poden adquirirse na web do Culturgal.