750 artistas para un Culturgal ambicioso que aposta por unha cultura "entretida e útil"

Rolda de prensa de presentación da edición 2025 do Culturgal, este xoves en Pontevedra © Culturgal

Este xoves presentouse a programación do encontro cultural que se celebrará en Pontevedra do 28 ao 30 de novembro

Xa queda menos para unha nova edición do Culturgal. A edición 2025 do encontro celebrarase un ano máis en Pontevedra, no Pazo da Cultura, do 28 ao 30 novembro. A programación da XVIII edición feira, que se presenta como “a máis grande e ambiciosa” deuse a coñecer este xoves en rolda de prensa. 

Nos tres días de actividades participarán 750 artistas e creadores nun total de 225 espectáculos para todas as idades. Xa están á venda na páxina do Culturgal as entradas para os concertos principais e para a entrada no recinto, con bonos para os tres días por cinco euros.

A música terá un protagonismo especial no Culturgal e unha das novidades deste ano será o concerto de benvida do xoves 27 ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, con Uxía Senlle presentando con varias artistas convidadas o seu último traballo, ‘Será por Flores’.

Camilo Franco, director do Culturgal, este xoves na rolda de prensa de presentación da edición 2025 © Culturgal

A música terá un protagonismo especial no Culturgal. Unha das novidades deste ano será o concerto de benvida do xoves 27 no Auditorio do Pazo da Cultura, con Uxía Senlle

O venres, tamén ás 21:00 horas, as voces femininas da canción galega encherán de novo o escenario do auditorio coas actuacións de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade. O domingo 30 de novembro, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá ás 20:30 horas o concerto de peche do Culturgal con Óscar Ibañez. Outra novidade musical será o regreso de Magín Blanco á música adulta. Dará un concerto o sábado ás 20:00 horas no escenario principal do recinto ferial e presentará o libro ‘Percorrido’.

Outro dos pratos fortes será a noite de humor galego do sábado 29 (no auditorio ás 21:00 horas), co espectáculo ‘Moito conto’, creado por Touriñán en exclusiva para Culturgal. Está acompañado, entre outros, por David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez.

Ademais, proxectaranse no Culturgal as películas máis importantes do cinema galego no ano 2025 e os adiantos de series e películas que se estrearán no ano 2026

Ademais, proxectaranse no Culturgal as películas máis importantes do cinema galego no ano 2025 e os adiantos de series e películas que se estrearán no ano 2026. Habera tamén unha selección das curtametraxes do ano e a presentación da serie ‘Pensión incompleta’, que se gravará nas catro linguas oficiais do Estado. Outra novidade será un ciclo de narrativa oral no que directores, realizadores e guionistas galegos explicarán os seus próximos proxectos como se fora un conto.

A literatura será como cada ano protagonista, cun acto de peche do Culturgal o domingo pola tarde (19:00 horas) no que actrices e cantantes galegas lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se adica o Día das Letras Galegas 2026. Polo Culturgal pasarán Manolo Rivas, Suso de Toro e a escritora vasca Oihane Amantegui, entre outros moitos autores e autoras.

Rolda de prensa de presentación da edición 2025 do Culturgal, este xoves en Pontevedra © Culturgal

A literatura será como cada ano protagonista, cun acto de peche do Culturgal o domingo pola tarde no que actrices e cantantes galegas lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño

A Programación Infantil tamén medra para facer do Culturgal unha festa familiar. Como novidade, o sábado pola mañá haberá un Festival de grupos infantiles de escolas de teatro de toda Galicia.

Nas Artes Escénicas, o Culturgal acollerá os adiantos das montaxes de obras que chegarán no 2026 de Chévere; Centro Dramático Galego; Talía teatro; Bengala teatro, ou Morra o conto. Repite, finalmente o ‘Vén e baila’ do domingo pola mañá (13:30 horas), con varias actividades de baile arredor desta iniciativa coordinada por Artur Puga, como o espectáculo de danza ‘Ceibe’ de Fran Sieira (13:00 horas). 

A Programación Infantil tamén medra para facer do Culturgal unha festa familiar. Como novidade, o sábado pola mañá haberá un Festival de grupos infantiles de escolas de teatro de toda Galicia

"Cultura entretida e útil"

Na rolda de prensa na que se deu a coñecer a programación, o director do Culturgal, Camilo Franco, salientou que “a cultura debe ser entretida e útil”, Na rolda tamén interviron Jacobo Sutil, director de Agadic; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e Víctor López, presidente de Culturgal.

No encontro coa prensa tamén se destacou que no Culturgal terán tamén protagonismo para os artistas e creadores de Ribeira, onde se celebrou hai uns días o Culturgal Expandido.

Culturgal expandido, a pasada fin de semana en Ribeira © Culturgal

Principais propostas do Culturgal 2025

  • Xoves 27. 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Uxía Senlle presenta ‘Será por Flores’. 
  • Venres 28. Concerto de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade. 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. 
  • Sábado 29. Concerto ‘Percorrido’ de Magín Blanco. 20:00 horas no escenario principal do recinto ferial. 
  • Sábado 29. 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Espectáculo de humor ‘Moito conto’, con Touriñán, David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez. 
  • Domingo 30. 13:00 horas no recinto ferial. Espectáculo de danza ‘Ceibe’, de Fran Sieira. 
  • Domingo 30. 13:30 horas no recinto ferial. ‘Vén e baila’, con Artur Puga. 
  • Domingo 30. 19:00 horas no recinto ferial. Actrices e cantantes galegas len fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se adica o Día das Letras Galegas 2026. 
  • Domingo 30. Concerto de peche do Culturgal con Óscar Ibañez. Teatro Principal de Pontevedra ás 20:30 horas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.