Marcos Pérez Pena

Unha ducia de lugares para reflexionar esta fin de semana en Galicia

Este sábado toca reflexionar. Como se toman as grandes decisións da vida? Cada quen ten a súa maneira. Hai quen necesita retirarse a un lugar tranquilo, para pensar en soidade. Tamén hai quen prefire camiñar, nun paseo peripatético que axuda á cavilación. Pero, en realidade, esta xornada de reflexión pode vivirse en calquera lugar, aproveitando as oportunidades que esta derradeira fin de semana nos ofrece.

  1. 01

    O Courel, no outono

    Que mellor que unha escapada de fin de semana? No outono é cando zonas como o Courel locen máis a súa beleza. Imaxe: NovoaR (CC-BY-SA)

  2. 02

    Un paseo polo monte

    Algunhas das mellores decisións tómanse camiñando e non é necesario ir moi lonxe da casa para dar un fermoso paseo, sempre que o tempo acompañe. Un baño de bosque revitaliza e aclara a mente. Na imaxe, a Fraga de Catasós.

  3. 03

    Volver ver Castro Candaz

    Tamén se pode visitar o encoro de Belesar, que a pesar das últimas chuvias continúa nun nivel baixo. Tan baixo que está ao descuberto Castro Candaz e mesmo se pode cruzar o estreito istmo que une este promontorio ao perímetro do encoro.

  4. 04

    Outono Gastronómico nunha casa rural

    Nunha destas excursións pódese combinar a natureza coa gastronomía. Dende hai anos casas de turismo rural de Galicia organizan o Outono Gastronómico, unha iniciativa pola que dende o 19 de setembro ata o 21 de decembro se pode acudir a un amplo número destes establecementos para gozar de menús especialmente escollidos e nunha fermosa contorna natural. Pódese, por suposto, pernoctar no lugar, e hai casas que ademais ofrecen outras actividades para gozar da natureza.

  5. 05

    Ir de tapas

    E falando de quentar a barriga, novembro é o tempo escollido para a organización dun gran número de concursos de tapas en toda Galicia. Na Coruña celébrase o xa tradicional certame Picadillo, no que participan ata o domingo 29 un total de 22 establecementos hostaleiros da cidade.

    O mesmo sucederá en Burela, tamén ata o domingo. Debido á coincidencia coa cita electoral, a Asociación de Hostelería local bautizou este ano o concurso como "Burela vota tapa".

  6. 06

    Gozar da iluminación e decoración de Nadal

    Como? Nadal en novembro? Son moitos os lugares que adiantan a este mes o acendido das súas luces de Nadal. Por suposto, Vigo, que xa o fixo o pasado día 14, pero non é a única. Padrón (na imaxe) fíxoo o día 22 e esta fin de semana fano moitos outros concellos. Na maior parte das cidadas haberá que agardar uns días. En Santiago terá lugar o martes 1 e no resto de urbes o venres 4. 

  7. 07

    O Culturgal

    Un excelente lugar para reflexionar pode ser o Pazo da Cultura de Pontevedra, que ata o domingo acolle unha nova edición da a Feira das Culturas Galegas, o Culturgal. Na ducia da semana pasada faciamos unha escolma do máis destacado da súa programación.

    Unha ducia de momentos destacados na programación do Culturgal 2026

  8. 08

    Outono de Jazz en Pontevedra

    Sen marchar de Pontevedra, esta fin de semana temos máis oferta cultural. O Outono de Jazz chega á cidade a partir deste venres 27 con catro concertos gratuítos ás 12 horas do 27 e 28 de novembro e 5 e 6 de decembro. A iniciativa, promovida polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ) e Concello de Pontevedra, contará cos tríos liderados por Carla Martínez, Brais Lorenzo, Lois Rivera e Manu Díaz. 

  9. 09

    Un domingo de fútbol

    As fins de semana son tamén para o deporte e este domingo hai dúas citas futbolísticas de primeiro nivel na Coruña e Vigo. Ás 16:15 o Dépor recibe en Riazor ao Barcelona. E ás 18:30 o Celta fai o mesmo co Vilarreal en Balaídos. 

    Ademais, na Coruña Deportivismo Solidario e a Fundación Meniños organizan durante toda a fin de semana na Praza da Tolerancia un festival solidario coa infancia coa participación de Tapa D’Orella, Croweed, Komando Kombate, Demenzia Sozial, Apolo18, QFB, Vakneer ou Yaya Dj

  10. 10

    Que non pare a música

    Todas as semanas hai unha numerosa e variada oferta musical nas salas de concertos do país, que sempre hai que reivindicar. De Ninghures na Pousada Da Galiza Imaxinaria (Boiro) o sábado. Elliott Murphy & Olivier Durand na Sala Garufa (A Coruña) o domingo.  Apartamentos Acapulco no Clavicémbalo (Lugo) o venres. Andrés Suárez na Ópera (A Coruña) o venres. Pablo Lesuit no Auriense (Ourense) o venres. Nat Simons na Sala Maré (A Coruña) o sábado. De Vacas no Pazo da Cultura (Narón) o sábado. Ou The Sadies + Howlin’ Jaws + Terra Lightfoot (Outono Códax Festival) na Sala Capitol (Santiago) o sábado son só parte da programación. E, por suposto, a celebración do 27 aniverario da Sala Mardi Gras con concertos de Merino (venres e sábado) e de Ede e Fillas de Cassandra o domingo no Teatro Colón.

  11. 11

    Unha tarde no teatro

    Tamén pode ser boa cousa pasar a tarde no teatro. O sábado ás 20:30 Chévere leva Ictus (Anatomía de 'A derradeira leición' de Castelao) ao Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros. Ademais, o Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas acolle o domingo ás 17:30 Berenguela na gaiola, un espectáculo familiar de Xarope Tulú e Galeteatro. Ou, por exemplo, en Tomiño pódese ver a esa mesma hora do domingo O monstro de cores, un espectáculo de narración oral a cargo de A Xanela do Maxín.

  12. 12

    Ou nunha exposición

    Xa se pode ver no Museo do Pobo Galego O corpo errante, unha viaxe polo exilio republicano. Pero hai máis: dende a exposición de gravados do Bosco e Bruegel que se pode ver na Fundación Barrié da Coruña ata a Illa ignorada que acolle o CGAC compostelán, esta fin de semana pode ser un bo momento para visitar algunha das mostras temporais que se poden ver nos museos do país. Illa ignorada reúne unha selección de obras pertencentes á Colección CGAC, sen que ningunha delas fora previamente exposta neste centro. Na imaxe, a obra A sega (1979), de Luis Seoane & María Elena Montero.