Marcos Pérez Pena

Unha ducia de edicións de Cineuropa, que celebra o seu 40 aniversario

Dende hai uns días está en marcha unha nova edición de Cineuropa, o festival compostelán que cada ano trae á cidade os mellores filmes do momento. A cita celebra este ano, ademais, a súa edición número 40. Catro décadas nas que as salas da cidade se converteron en santuario para a cidadanía máis cinéfila, refuxio para as chuvias do outono (no cine non chove!) e espazo para a evasión e reflexión. Repasamos aquí os carteis e algúns detalles destas 40 edicións de Cineuropa.

  1. 01

    Os 'Encontros Europeos no Camiño de Santiago'

    Cineuropa naceu en outubro de 1987. Porén, era apenas unha mostra cinematográfica incluída nos “Encontros Europeos do Camiño de Santiago”, un contedor cultural que durante unha semana levaba a Compostela unha completa programación de música, artes plásticas e outras disciplinas. O primeiro Cineuropa proxectou unha vintena de filmes, pero incluíu xa a primeira edición da súa maratón.

    O éxito da primeira edición levou ao Concello de Santiago a crear un festival cinematográfico non competitivo que nesta segunda edición entregou xa o seu primeiro Premio do Público, concedido a Mañá foi a guerra, de Youri Kara.

  2. 02

    Cineuropa, un festival de seu

    O cartel da sexta edición, en 1992, amosou por primeira vez a denominación coa que dende entón se coñece ao festival: Cineuropa. Nese ano, ademais, a duración estendérase xa a case catro semanas do mes de novembro, como é habitual na actualidade. Gañou o Premio do Público a película de Jaco Van Dormael Totó o Héroe

    Nos anos anteriores os filmes gañadores deste galardón foran Hoxe quizais, de Jean-Louis Bertuccelli, Quixémonos tanto, de Ettore Scola, ou Ceo e Inferno, de Morten Arnfred.

  3. 03

    A edición máis peculiar

    A novena edición, en 1995, foi se cadra a máis peculiar de Cineuropa (xunto ás desenvolvidas no contexto da pandemia de COVID). Leváronse a cabo obras de remodelación no Teatro Principal e o festival ficou reducido a unha mini-edición de só catro días en xaneiro, nos que se proxectou unha selección das mellores películas de 1995.

  4. 04

    Alén do décimo aniversario: un festival consolidado e con identidade de seu

    Cineuropa celebrou en 1996 a súa décima edición, na que a favorita do público foi Sostiene Pereira, de Roberto Faenza. Nas edicións seguintes as escollidas foron Hamlet, de Kenneth Branagh, My name is Joe, de Ken Loach e Buena Vista Social Club, de Wim Wenders,

    Nestes anos o festival, xa na súa segunda década está xa plenamente consolidado na cidade e presenta unha identidade clara, nunha aposta polo cinema de autor e a proxección dos mellores filmes que nos meses anteriores pasaron polos grandes festivais competitivos.

  5. 05

    Ano 2000: primeiros Premios Cineuropa

    No ano 2000 o festival crea os Premios Cineuropa, entregados nesa edición a Marisa Paredes, José Luis Borau e Emilio Baños. Nos anos inmediatamente seguintes Juan Echanove, Federico Luppi, Bigas Luna, Luís Tosar ou Manoel de Oliveira recolleron en Compostela os seus respectivos galardóns

  6. 06

    O Cineuropa do século XXI

    As primeiras edicións do actual século trouxeron unha expansión do festival, que se estendeu a novas sedes e inaugurou novas seccións e actividades. Amén, de Costa-Gavras, Dogville, de Lars Von Trier ou Os mozos do coro, de Christophe Barratier gañaron o premio do público nestas edicións.

  7. 07

    Superando as 20 edicións

    En 2006 Cineuropa chegou á súa vixésima edición, que programou 127 filmes e na que se escolleu A vida dos outros, de Florian Henckel, para o Premio do Público. Nas edicións seguintes as gañadoras foron The edge of heaven, de Faith Akin, Kirschblüten-Hanami (Cerdeiras en flor), de Doris Dõrrie, Buscando a Eric, de Ken Loach, e In a better world, de Susanne Bier.

  8. 08

    25 anos de Cineuropa

    Cineuropa chegou á súa 25ª edición en 2011, programando ese ano 141 filmes. "En tempos difíciles coma estes, non parece a quietude a mellor solución. Por iso as imaxes en torno ás cales xira a viaxe desta XXV edición de Cineuropa levan a sinatura de aventureiros ou visionarios do cambio”, destacou nesa edición José Luis Losa, director do festival.

    De Oliver Laxe, Premio Cineuropa no ano 2010, pasouse a Aitana Sánchez-Gijón e Jorge Drexler en 2011, e a Najwa Nimri e Pedro Costa en 2012, unha edición na que The hunt, de Thomas Vintenberg, gañou o Premio do Público.

  9. 09

    Tres décadas de Cineuropa

    En 2016 Cineuropa chegou á súa trixésima edición. O Premio do Público foi para Ma vie de Courgette, de Claude Barras. E Carlos Saura, Lola Dueñas e Chema Prado levaron os Premios Cineuropa. Nas edicións anteriores Alabama Monroe, Remine, el último movimiento obrero e Frankenstein-04155 foron escollidas como as mellores películas.

  10. 10

    Pechando os anos 20 ata o Cineuropa da pandemia

    A segunda década do século pechouse con outra edición peculiar, desta volta por mor da pandemia de COVID. Houbo festival e foi presencial, aínda que gardando estritas medidas de seguridade, nunha edición que reivindicou a asistencia ao cine "como a volta ao mundo real". Margarita Ledo, Javier Gutiérrez e Alfonso Zarauza recibirán os Premios Cineuropa.

    Nas edicións inmediatamente anteriores os homenaxeados foron Isaki Lacuesta, Ángela Molina, Antonio Durán Morris, María Vázquez, Rita Azevedo, Emma Suárez, Costa-Gavras, Carla Simón, Manuel Martín Cuenca ou Leonardo Sbaraglia.

  11. 11

    Entre a denuncia e a evasión

    Superada a pandemia, o mundo da terceira década do século necesitaba rir e evadirse, pero tamén se enfrontaba ás crecentes ameazas dos reforzados totalitarismos. O cine sempre foi un gran vehículo de evasión, pero tamén un instrumento para a reflexión e a concienciación da cidadanía. As edicións de Cineuropa entre 2021 e 2024 movéronse entre eses dous polos. En concreto, a de 2024 puxo o foco na liberdade coa ollada posta no futuro da democracia.

    Entre os homenaxeados destes anos estiveron Verónica Forqué, Alberte Pagán e Nadav Lapid (2021), Ana Belén, Lois Patiño, Charo López e João Pedro Rodrigues (2022), Luís Zahera, Ana Torrent e João Canijo (2023), Alberto Gracia, Ingrid Garcia-Jonsson e Flávia Castro (2024).

    Na edición do pasado ano baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade”, o festival convidaba a recuperar o pracer colectivo da sala escura como antídoto contra os discursos do odio e a incerteza contemporánea. 

  12. 12

    Cineuropa 40: 40 edicións "movendo a nosa forma de mirar"

    Na edición 2026, que comezou a pasada semana, Felipe Lage, a actriz Laia Marull e o cineasta Robert Guédiguian van ser recoñecidos cos Premios Cineuropa.

    Trátase dunha edición que celebra o 40 aniversario do festival, 40 edicións "movendo a nosa forma de mirar", segundo destaca o seu cartel.